XORNADA DE PORTAS ABERTAS DE LELY EN ARMOKI

Catro robots de muxido Lely en Armoki, unha gandería exemplo de excelencia

O 27 de xuño Lely organizou unha xornada de portas abertas en Luquiano (Álava) para que as persoas interesadas puidesen descubrir de primeira man as prestacións do robot de muxido Astronaut A5. A gandería Armoki, xestionada pola familia Landa, foi a protagonista do evento. Nesta explotación seguen o modelo de muxido robotizado en tráfico libre con Lely. Contámolo en Vaca Pinta 40.

Na localidade alavesa de Luquiano atópase Armoki, unha das granxas máis sobresaíntes de toda a zona e na que destacan especialmente o seu deseño, o benestar animal e os metros cadrados dos que dispoñen por vaca. Está rexentada pola familia Landa e son 4 propietarios: os irmáns Endika e Gaizka Landa, o seu pai Roberto e o seu tío Javier.

Cabe resaltar que hai tan só uns meses a gandería Armoki mudou de lugar e de instalacións. Actualmente, conseguen de media uns 3,6 muxidos por vaca e día e chegan aos 47/48 litros. Contan con practicamente 400 cabezas, das cales 212 son vacas en muxido. En canto a calidades, as cifras achéganse aos 3,58 % de graxa e 3,22 % de proteína; o reconto celular sitúase en 110.000 cél./ml.

OS LELY ASTRONAUT EN ARMOKI

Nesta explotación seguen o modelo que dende Lely sempre se defende: muxido robotizado con tráfico libre, grazas ao cal se reduce a necesidade de man de obra. Dispoñen de catro robots: dous Lely Astronaut A4 e dous A5, cos que obteñen resultados positivos. “Este sistema para que funcione ten que ser así. Os muxidos non se fan a base de empuxar vacas, fanse a base de que elas entren directamente ao robot”, opina Endika Landa, socio da granxa. “Ao final, levámoslles o muxido ás vacas e non as vacas ao muxido”, expresa Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña.

O número de rexeitamentos é mínimo, de pouco máis de dous. En canto ao tempo libre dos animais, calculan que están nun 12 %: “No noso caso, como non hai moitas vacas por robot, temos permisos de muxido lixeiros para que poidan entrar bastantes veces, e de aí vén o tempo libre”, expoñen dende Armoki.

A aposta polo modelo robotizado en tráfico libre xunto con todas as modificacións que levaron a cabo na gandería supuxo unha clara mellora no benestar e na felicidade das vacas. Os exemplares que ían descartar antes destes cambios a día de hoxe melloraron en canto a produción de leite.

O obxectivo principal que se buscaba cos robots e con todos os cambios aplicados era, ademais de que os operarios traballasen mellor, que as vacas vivisen máis tempo e non só que desen máis leite, senón que durasen máis lactacións. Esta meta estase conseguindo con rapidez e efectividade.

UN DESEÑO BEN PLANIFICADO

O proceso de como estruturar as diferentes partes da explotación e de como xestionala foi premeditado. Durante bastante tempo, a familia Landa realizou unha investigación exhaustiva que lles levou a coñecer varias granxas tanto en España como en Europa para, finalmente, construír unha gandería modelo na que destaca o benestar das vacas, a altura da nave, a ventilación e, por suposto, o tráfico libre da man de Lely.

En Armoki actualmente dispoñen de tres filas dobres de cubículos, dun novo modelo de cornadizas sen ferros e de áreas de separación con trabadizas: “Démoslle bastantes voltas. Ao final, optamos por poñer unha zona de trabadizas con portas de separación e a verdade é que nos defendemos bastante ben”, conta Endika Landa. Un dos aspectos que máis chama a atención da granxa é o silencio e a harmonía que alí se sente ao non oírse ruídos de metal, o que ten moito que ver con esta elección de distribución.

Outro cambio está relacionado coas camas, xa que decidiron usar area: “Nas antigas instalacións tiñamos cama de labra e sufrimos bastantes problemas de mamites, que non se debían só á labra, pero si que influían”, expresa Endika Landa. Dende a gandería, afirman que están moi contentos coa area, porque outorga moita saúde ao ubre, menor carga de traballo e, en definitiva, é boa para as vacas.

A EFICIENCIA DAS ÁREAS DE SEPARACIÓN

En Armoki optaron por implementar áreas de separación, ideais para o modelo de muxido de Lely, con dúas zonas diferenciadas: unha en cama quente con palla para vacas en posparto e, a outra, en serraduras para vacas en preparto. “Están separadas por temas xerárquicos e de alimentación, principalmente”, indica Gaizka Landa, outro dos socios da explotación. Así, as vacas de posparto xa comen a ración dos animais de muxido, mentres que as de preparto inxiren un pouco desa con algo de palla a maiores.

Con estas áreas de separación, nas que os animais dispoñen de comida e auga, ademais de acceso ao robot, o manexo é moi rápido e sinxelo: “Ti vés pola mañá e todas as vacas ás que hai que lles prestar máis atención, polos motivos que sexan, xa están xuntas”, explica Gaizka Landa. Así pois, o uso destas áreas, xunto co deseño elixido para a nave, fai que todo o traballo sexa máis eficiente, rápido e produtivo e que as vacas se sintan cómodas en todo momento.

MÁIS ELEMENTOS DA GRANXA

Durante a xornada de portas abertas, outras entidades que colaboran na mellora da gandería cos seus produtos e servizos tamén estiveron presentes: Juan Karlos Urritza, de Albaitaritza; Martín Alzón, de Etxe Holz; Marta Isabel Vicente e Juan José Núñez, de laboratorios MSD, cos colares Allflex, e Lucía García, de Uniform-Agri.