GEA EN SAT OS CARRÍS (FRIOL, LUGO)

Confianza en GEA para deseñar o cambio ao muxido robotizado

A incorporación paulatina da robótica foi a tónica habitual destes últimos anos na gandería lucense SAT Os Carrís (Friol). 

A mellora en xestión de rabaño achegada polos colares CowScout, sumada ao desexo de lograr os tres muxidos ao día, foi o punto de inflexión para que os seis socios da granxa desen o paso de apostar pola instalación de catro robots R9500 de GEA.

O deseño do proxecto centrouse en dous puntos de muxido, cada un deles con dous robots; sala de espera; portas de preselección, para darlles acceso soamente a animais con permiso de muxido, e postselección, para ter concentrado o espazo no que vixiar aqueles animais que o necesiten.

Despois dun ano de traballo con robots, lograron os tres muxidos de media, aumentaron a produción das súas vacas e xa notan un benestar animal moito maior.

Ademais, aseguran conseguir unha rutina de traballo máis cómoda, máis sinxela e moito máis atractiva para os propios socios, os empregados e as próximas novas xeracións.

Localización: Friol (Lugo)
Número total de animais: 390
Vacas en muxidura: 200
Media de muxidos: 2,9-3
Media de produción: 39-40 litros/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,70-3,80 %
Porcentaxe de proteína: 3,20-3,30 %
RCS: 120.000 cél./ml

“Os robots permiten adaptar a xornada laboral á que se podería ter en calquera outro traballo”

Que sistema de muxido tiñan antes?
Tiñamos unha sala 2x10 de GEA con muxido traseiro. Estabamos moi contentos con ela, porque funcionaba ben, pero botabamos moito tempo co muxido, unhas tres horas máis ou menos. Ese foi un dos motivos polos que empezamos a pensar na robótica.

Cales foron as causas que motivaron o seu paso ao muxido robotizado? 
As vacas cada vez son máis produtoras de leite e teñen que ter a mellor calidade de vida, entón criamos que tiñamos que buscar o terceiro muxido. As únicas formas de conseguilo eran con man de obra externa ou coa robotización. 

Ademais, os robots permiten adaptar a xornada laboral á que se podería ter en calquera outro traballo. Ves pola mañá e pola tarde, pero vaste cedo, tes conciliación familiar e iso é moi importante.

Comezamos a automatización da nosa granxa cun arrimador de comida, grazas ao que deixamos de estar tanto tempo nela.
Ao deixar de vir tanto, démonos conta de que comezabamos a perder un pouco o control dos animais e isto levounos a instalar a identificación de todo o rabaño cos colares CowScout. Achegáronnos unha cantidade enorme de datos en canto a detección de celos, ruminación, inxestión ou actividade.

Cada paso cunha nova tecnoloxía resultábanos mellor e, valorando o tema do terceiro muxido, foi cando nos decidimos polos robots. Ao final, a robotización está aí, hai que adaptarse a ela e sacarlle o máximo partido.

Por que elixiron GEA?
Decantámonos por GEA porque xa coñeciamos a marca e porque ten algunhas diferenzas en comparación co resto. 

Por unha banda, sempre quixemos o foso e non estamos arrepentidos para nada. O foso permite unha accesibilidade ao ubre grazas á cal podes atallar calquera problema que teña unha vaca sen levala a outro sitio.

Doutra banda, a separación por cuartos tamén está moi ben. Podes refugar o leite dese teto á drenaxe e seguir destinando o leite dos outros tres ao tanque.

Por último, o servizo técnico é algo fundamental. No noso caso, non podemos pedirlle nada máis ao distribuidor da marca na zona, Tecnor Lalín Maquinaria. 

Como deseñaron o proxecto?
Á hora de pensar como instalar os robots démoslle bastantes voltas. Visitamos moitas granxas, barallamos diferentes opcións, mesmo o tráfico libre e, ao final, quedamos con este sistema no que cada par de robots conta con portas de preselección, sala de espera, saída guiada e postselección. 

“A postselección achéganos moitas vantaxes, sobre todo, moita comodidade”

A porta preselectora só permite a entrada á sala de espera a aquelas vacas que teñen permiso de muxido e a postselección distribúenos o rabaño cara ao establo ou cara a unha zona de enfermería. 

Así, está todo nun circuíto moi cómodo e penso que foi unha moi boa elección. A nós achéganos moitas vantaxes e, sobre todo, moita comodidade, porque usas esta zona todos os días e non tes que molestar ao resto para localizar un ou varios animais en concreto. É moito máis fácil.

Como lembran o proceso de cambio?
Empezamos cos dous primeiros robots a última semana de xuño de 2022. Lémbroo con algo de medo ao principio, a verdade. Leva o seu tempo, porque unhas vacas adáptanse mellor que outras, pero pensei que ía ser moito peor. A adaptación foi moi boa.

Logo, tardamos seis meses en arrincar coa segunda fase e esta resultou máis difícil, porque tivemos que compaxinar a instalación do terceiro e cuarto robot no sitio da antiga sala de espera e deunos un pouco máis de guerra, pero moi ben. Mellor do esperado.

Que beneficios lles achegou a robotización do muxido? 
Chegamos a unha media de 2,9 ou 3 muxidos ao día e incrementamos un par de litros a produción. Ademais, o traballo é moi diferente.

En canto a produción, esperamos que o aumento aínda poida ser maior, pero levamos pouco tempo e foron moitos cambios. Ademais, notamos os animais supertranquilos.

Por outra parte, a nós o traballo cambiounos moito. Non é tan físico como antes. Podemos permitirnos unha xornada de traballo máis normal e con menos horas. Agora, cos catro robots, unha persoa soa é capaz de sacalos adiante nun momento puntual, non ten problema. É un traballo moito máis levadío e, ademais, máis atractivo, tanto para a xente externa como para a xente nova. É moito mellor. Ten moitas vantaxes.

Como está a ser a súa experiencia cos colares CowScout?
Moi boa. Por unha banda, se unha vaca deixa de comer polo que sexa xa che salta unha alarma. Aínda que ti non a vexas mal, ela está mal e o colar funciona de maneira instantánea. Anticipámonos a calquera caso clínico. 

Doutra banda, no referente á detección de celos, funciona ao 100 % tanto en xovencas como en vacas.

O último paso na robotización da granxa foi a instalación da amamantadora V640.

Si. Levamos tan só unha semana con ela, pero vemos xa moi bos resultados. Os xatos van moi ben.

 

Tras o tempo de traballo cos robots, que valoración fan do cambio?
Non nos acordamos de volver atrás. Penso que melloramos bastante. É que non ten nada que ver, o noso traballo é moito máis sinxelo, moi cómodo e nada pesado. 

Estamos moi, moi contentos coa decisión de pór robots GEA.

De momento, a idea é estabilizarse e o crecemento dependerá do que queiran facer as novas xeracións.