Zeeshan Wadiwala, director da cooperativa Fattoria della Piana (Calabria, Italia), foi un dos asistentes ao Red Cow Event para granxas XL organizado por Lely en Santiago de Compostela. Nesta entrevista, publicada en Vaca Pinta 37, fálanos da filosofía do seu negocio, de como se están centrando en ser eficientes en todos os aspectos posibles para poder mellorar a súa calidade de vida e dos motivos que os levaron a apostar por Lely para robotizar o muxido do medio milleiro de vacas que teñen en produción.
Con que volume de produción estades a traballar en Fattoria della Piana?
Temos algo máis de 1.000 vacas, das cales 450 están en lactación. O 90 % son holsteins italianas e o outro 10 % son de raza parda. Actualmente estamos a producir unha media de 32 litros por vaca e día, cunha porcentaxe de graxa do 3,8 % e de proteína do 3,3 %.
Tedes unha estimación de cal é o voso custo de produción?
Hoxe en día é de entre 20 e 22 céntimos por litro.
Con cantos empregados contades?
Temos en total 117 traballadores. Oito deles están exclusivamente na granxa, facéndose cargo dos animais, e os demais repártense o resto das tarefas.
Realizades labores agrícolas?
Así é. Dispoñemos dunhas 260 hectáreas de terreo, nas que cultivamos millo, diferentes tipos de herba seca e cereais de inverno. O fertilizante que empregamos é orgánico e devolve á terra todos os elementos que se requiren para unha produción de alta calidade.
A nosa maquinaria de última xeración permítenos ocuparnos directamente de todas as fases da colleita. Posteriormente, os pensos utilízanse para alimentar os nosos animais con racións equilibradas e personalizadas, deseñadas para optimizar a calidade do leite.
En que produtos transformades o leite?
Todo o noso leite se transforma en queixo. Tamén compramos leite doutras granxas (principalmente de vaca, pero tamén algo de ovella e de cabra). Cada ano, transformamos 4 millóns de litros do noso propio leite e outros 2 millóns de litros de leite que compramos a terceiros en distintos tipos de queixo: queixo fresco, como a mozzarella e a ricotta, e unha serie de queixos maduros típicos de Italia.
Como realizades a distribución do voso produto e por que zonas?
Contamos con 25 camións que distribúen os nosos queixos por todo o sur de Italia (Calabria, Sicilia…) e tamén exportamos ao resto de Europa e a América do Norte.
Antes de poñerte á fronte deste proxecto, traballaches en Amazon. Como utilizaches a túa experiencia nesta empresa para a xestión de Fattoria della Piana?
Amazon é un sistema interesante. É extremadamente eficiente, xestiona tanto o proceso como ás persoas cun alto grao de precisión e é algo que descubrín que falta en gran medida neste sector. Este é un sector bastante fragmentado, o que significa que, polo xeral, se compón de moitas pequenas explotacións. Como resultado disto, non hai demasiada innovación nin grandes procesos de monitoreo. Neste sentido, algo que me encanta de Lely é que sempre se basea en KPI de monitorización, os membros dos seus equipos buscan obxectivos e adminístranse a través de números, non só por sensacións. Iso tamén é algo da miña experiencia en Amazon que estou a tratar de aplicar na nosa granxa.
Como estades a realizar as tarefas de muxido?
Adquirimos oito unidades do Lely Astronaut A5. Actualmente, estamos esperando para instalar os dous últimos robots, que chegarán a finais de ano. Mentres tanto, seguimos muxindo unhas 150 vacas en sala.
Que vos fixo decidirvos por Lely para robotizar o muxido?
Estudamos outros sistemas de muxido antes de elixir esta marca. Analizamos as posibilidades dispoñibles no mercado e descubrimos que Lely tiña tres vantaxes principais. Por unha banda, como pioneiros en muxido robotizado, teñen a base de datos máis grande e, en termos de análises, son os máis avanzados. En segundo lugar, en canto a servizo, están presentes na nosa zona, que é unha área remota. Por último, teñen o FMS, unha función de consultoría que nos dá unha idea de cales deben ser os nosos obxectivos e como podemos logralos.
Como foi o inicio do traballo nos robots?
Para a posta en marcha o equipo de Lely veu tanto de Milán como dun Lely Center local para axudarnos. Foron xeniais.
O comezo foi, digamos, moi entretido. Empezamos cos tres primeiros robots na primavera e os tres seguintes instaláronse no verán. Nos primeiros empezamos metendo 50 vacas e, cando puxemos os segundos, xa metemos 100. Durante as primeiras dúas semanas, a maioría de nós estivemos na nave todo o día, facendo que as vacas se afixesen a entrar. O primeiro día foi moi difícil, o segundo xa non tanto e, a partir do terceiro día, foi moi fácil. A maioría delas xa ían pola súa conta, só tivemos que atender aquelas ás que lles custou un pouco máis adaptarse.
Mellorou a produción do voso rabaño coa introdución dos robots?
Si. Pasamos duns 27 litros por vaca e día a 32 litros/vaca/día.
Nunha granxa deste tamaño, a xestión do persoal é un tema importante. Como afrontaron os traballadores o proceso de robotización do muxido?
Persoalmente pensei que non reaccionarían ben, pero ao longo de todo o proceso, mentres estabamos a avaliar a decisión, falamos con eles e comunicámoslles por que o estabamos facendo. Explicámoslles que os nosos principais obxectivos eran mellorar a súa calidade de vida e tratar de que tivesen a posibilidade de non ter que traballar pola mañá e pola tarde, que puidesen ter máis días libres e gozar de vacacións máis longas... Por iso, aínda que ao principio foi difícil, a medida que pasamos as primeiras semanas todos se foron situando a favor, porque se deron conta das vantaxes que ten para a súa calidade de vida.
Outra cuestión importante é o benestar animal. Dirías que este aspecto mellorou grazas aos robots?
Si, definitivamente. O número de muxidos diarios por vaca pasou de 2 a pouco menos de 3. Como resultado, o reconto de células somáticas diminuíu. Ademais, vexo os animais máis tranquilos cando ven xente, porque antes, cando alguén viña, a miúdo se axitaban. Agora, cando algunha persoa entra no patio, o cal é pouco habitual, non se estresan.
Tamén lle prestades especial atención á xestión eficiente dos residuos agrícolas. Que tivestes que facer para adaptarvos ás novas normativas ambientais?
En realidade, xa estabamos bastante adiantados antes de que entrasen en vigor as últimas regulacións porque coa planta de biogás xa absorbemos todo o esterco dos nosos animais. Co que debemos ter coidado é con como esparexemos despois o fertilizante, pero en xeral funciónanos ben. Estamos a obter un gran biofertilizante, así que estamos satisfeitos.
Como funciona a vosa planta de biogás?
A planta de biogás permitiunos producir enerxía verde e, con 998 kW/h, é unha das máis grandes do centro e sur de Italia. Creamos un ecosistema autosostible que utiliza refugallos agrícolas para producir enerxía: todo o esterco, as augas residuais e o soro se recollen en dous dixestores onde, grazas a un proceso de quecemento e mestura, pasan por unha fermentación anaerobia que permite a produción de biogás, un gas verde composto nun 55 % por biometano.
Tras a súa obtención, o biogás quéimase nun coxerador, un motor que produce enerxía eléctrica e térmica. A electricidade obtida vendémola, é suficiente para abastecer a 2.680 fogares, mentres que a enerxía térmica a utilizamos na nosa leitería para reducir o consumo de combustibles fósiles.
Cales son os beneficios económicos do tratamento de residuos agrícolas na planta de biogás?
Como dicía, mediante o proceso de fermentación e combustión do biogás, todos os residuos agrícolas do noso negocio se transforman nunha importante fonte de enerxía, mentres que os restos da fermentación se converten en fertilizante orgánico para cultivos forraxeiros, que empregamos como fertilizante nos nosos campos.
Transformámonos nun ecosistema autosuficiente, capaz de producir enerxía a partir dos residuos da industria agroalimentaria e gandeira, e de brindar unha oportunidade para a eliminación e valorización da biomasa que, a partir dos residuos, pode converterse en recurso e fonte de riqueza para a nosa terra.
Antes adoitabamos pagar uns douscentos mil euros ao ano pola electricidade. Hoxe, coa venda da enerxía eléctrica que producimos na planta (uns 2 mW/hora), gañamos preto de 2 millóns de euros ao ano.
Sodes un exemplo de innovación e eficiencia na gandería. Neste sentido, como vedes o futuro do sector lácteo?
Ata o de agora, o sector lácteo sempre foi unha peza do crebacabezas por si só e creo que o futuro terá que ir ligado a estar máis interconectados coas prácticas sustentables de xestión do esterco, coa produción de enerxía e cun ciclo que non só sexa sustentable, senón tamén eficiente. O sector debe pasar a ser parte da sociedade, e non só “unha parte” da sociedade.