CLUN consolídase como unha empresa en continuo crecemento na súa asemblea xeral ordinaria anual

A cooperativa rural galega CLUN celebrou o pasado venres, 15 de xullo, a súa asemblea xeral ordinaria de 2022 na que se aprobaron as contas do ano anterior, 2021, que mostran que a empresa consolidou a súa evolución positiva e o seu crecemento desde 2019.

A cooperativa facturou en 2021 máis de 188 millóns de euros, un 7,5 % máis con respecto a 2020. Esta cifra é consecuencia do aumento de vendas en máis de 3 millóns e medio de unidades de leite das súas marcas Feiraco, Clesae Únicla nun ano. Ademais, a planta de Clesa aumentou a súa produción, pasando de fabricar menos de 2 millóns de quilos de produto en 2012 a superar os 35 millóns desde que CLUN se encarga da súa xestión.

Durante a reunión, o director xeral da empresa, Juan Gallástegui, defendeu a xestión da cooperativa e sinalou que "os números avalan o traballo serio e rigoroso dun equipo que funciona como un todo" e destacou que todas as empresas do grupo arroxan un ebitda positivo, nunhas contas que foron aprobadas por unanimidade. Así mesmo, sinalou a necesidade de seguir profesionalizando a xestión e renovándose.

Tamén, sinalou o compromiso da cooperativa co sector e dixo que "na medida das nosas posibilidades, trataremos de que a suba de custos de produción non repercuta nos gandeiros", prometendo un aumento no prezo do leite e levando a cabo unha política de apoio ao sector.

Por outra banda, o director da división agrogandeira de CLUN, Ángel Miranda, subliñou tamén que cada vez máis gandeiros e veterinarios confían nos servizos da cooperativa, dado que "para unha granxa ten moitas vantaxes pertencer á cooperativa", afirmación que se ve reforzada polo aumento da venda de pensos nun 12 % con respecto ao exercicio anterior.