A cooperativa rural Clun, que comercializa os lácteos Feiraco, Clesa e Únicla, celebrou a súa asemblea xeral ordinaria o pasado 20 de xuño. José Ángel Blanco Purriños continúa como presidente, tras recibir o respaldo do 98 % dos votos.
"Non son máis que un compañeiro do sector ao servizo do sector, que cre firmemente neste proxecto galego. Clun soubo manter a súa identidade á vez que avanza, compatibilizando o seu compromiso co sector cunha xestión responsable e sostible", afirmou Blanco Purriños.
En canto aos resultados económicos, a cooperativa acadou en 2024 un EBITDA histórico de 8,48 millóns de euros, a mellor cifra dende a súa fundación, tanto en termos absolutos como relativos ao exercicio anterior.
A facturación global situouse nos 249,4 millóns de euros, a segunda máis elevada da súa historia. "Clun representa a calidade dunha terra, unha forma de producir e dunha cooperativa que non renuncia a competir", subliñou o director xeral, Juan Gallástegui.
Desde a entidade informan que están a desenvolver un plan para ampliar a súa recollida de leite, coa incorporación de novos socios. Tras lanzar ao mercado o leite Únicla A2, así como iogures gregos, iogures ricos en proteínas ou kéfir, prevé abrir un novo establecemento no municipio coruñés de Negreira.