CLUN prevé consolidar o seu crecemento en 2021

CLUN prevé consolidar o seu crecemento en 2021

CLUN celebrou a súa Asemblea Xeral anual en Melide baixo a lema "A Galicia máis cooperativa". Seguindo a orde do día, aprobaron as contas referentes aos exercicios 2019 e 2020. Tamén se presentaron as previsións para a presente xestión, nas que apuntan un crecemento ata completar a súa plena recuperación. Cobra especial importancia no contexto da pandemia durante a que CLUN continuou a súa actividade, para seguir brindando os seus servizos ás socias e socios e seguir abastecendo aos consumidores dos produtos alimenticios das súas marcas Feiraco, Única e Clesa, que sempre estiveron dispoñibles grazas ao "extraordinario esforzo" dos socios e socias gandeiros e das traballadoras e traballadores, tal e como destacou durante a súa intervención José Ángel Blanco, Presidente da Cooperativa.

A estratexia corporativa para os próximos anos, tal e como se puxo de manifesto durante o transcurso da Asemblea, está encamiñada a consolidar o liderado de CLUN como cooperativa agrogandeira así como a aumentar a xeración do valor engadido do lácteo galego sen saír de Galicia.

"Este ano 2021, CLUN paga o leite aos seus socios mellor que ningún outro ano da súa historia", informou Juan Gallástegui, secretario xeral da Cooperativa. Ademais do incremento aplicado ao prezo ao leite en orixe, tamén rebaixou o custo dos pensos, incentivando a aquelas socias e socios que "confían" nos produtos e servizos da Cooperativa. "Temos claro que debe haber unha diferenza aínda maior entre ser cliente do e formar parte de CLUN, porque, á fin e ao cabo, CLUN son as súas socias e os seus socios", asegurou Juan Gallástegui.

Máis información