Claas puxo en marcha oficialmente a súa "fábrica do futuro" para a produción de tractores en Le Mans (Francia), tras tres anos de transformación. Grazas ao uso intensivo das últimas tecnoloxías dixitais, esta planta establece novos estándares de produción.
En 2017, Claas deu luz verde a outro gran investimento en Le Mans. Investíronse 40 millóns de euros principalmente na modernización completa das liñas de montaxe e na transformación dixital da planta. Así, desde a adquisición de Renault Agriculture en 2003, os investimentos en Le Mans, o centro de desenvolvemento de Vélizy e o centro de probas e validación de Trangé ascenden a uns 80 millóns de euros.
A modernización da planta abre horizontes completamente novos para a produción de tractores cada vez máis complexos e personalizados. Para iso, redeseñáronse moitos procesos complexos, especialmente no ámbito da loxística interna. Mediante animacións en 3D e lentes de realidade virtual, simuláronse innumerables escenarios posibles para mostrar todas as etapas da montaxe, desde o bastidor inicial até o tractor terminado e probado.
Grazas á nova infraestrutura loxística, os empregados dispoñen de moito máis espazo nos seus postos de montaxe ergonómicos. Agora só se transportan á cadea de montaxe as pezas que se necesitan no momento adecuado. Nalgúns postos de traballo, os empregados poden comunicarse máis facilmente coa axuda de auriculares. Ademais, as cores claras do interior e a última tecnoloxía de iluminación LED crean unha atmosfera de traballo agradable e que favorece a concentración, próxima á da luz natural.