Cifras récord de produción co robot GEA

José Manuel Vázquez e Marlene Mouriño decidiron construír un establo totalmente novo para o seu rabaño, xa que as instalacións que herdaron dos seus familiares quedaban pequenas e incómodas. A cambio engadiron a idea de querer robotizar o muxido confiando en GEA, cos obxectivos de aumentar o número de muxidos e, en consecuencia, os litros de leite producidos e de conseguir maior flexibilidade horariaa. Máis en Vaca Pinta 47.

Estrearon a nova nave e o robot hai un ano e, despois deste tempo, comparten connosco todos os seus beneficios.

Están muxindo as súas produtoras unha media de 3,5 veces ao día, xa chegan a 45 quilos diarios por vaca e o reconto de células somáticas reduciuse máis da metade.

GANADERÍA ROXELO

Localización: Rodeiro (Pontevedra)

Número total de animais: 110

Vacas en muxidura: 60

Media de muxidos: 3,5

Media de produción: 45 kg/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,67 %

Porcentaxe de proteína: 3,40 %

RCS: 100.000 cél./ml

Por que motivos decidiron robotizar o muxido?

Tomamos a decisión de robotizar o muxido das nosas vacas para conseguir unha mellor calidade de vida, maior benestar para os animais e obter máis muxidos e máis produción.

Por que elixiron GEA e cales son as características que máis valoran deste robot de muxido?

Decidímonos por GEA pola calidade do muxido, polo foso e a posibilidade de colocación manual e pola separación por cuartos, porque vexo que é importante. No caso de vacas con edemas ou de xovencas, pódelo colocar manualmente, o que non se pode facer noutros sistemas de muxido.

Ademais, o servizo técnico dos seus distribuidores na zona, Tecnor Lalín Maquinaria, é profesional ao 100 %. Cando hai algún problema, están aquí ao momento.

Permítenlles maior flexibilidade e conciliación familiar?

Na granxa traballamos a miña muller, Marlene, e eu. Comezamos o día ás oito da mañá e en dúas horas temos todo listo, o manexo do establo e da recría. A miña muller compaxina o traballo na granxa coas tarefas relacionadas cos nosos fillos e eu encárgome do resto dos labores da granxa, coma o carro e demais.

Os robots permítennos maior flexibilidade de horarios; por exemplo, ás oito da tarde estamos na casa ceando todos xuntos, o que antes era impensable, e conseguimos unha mellor conciliación familiar.


“Tiñamos unha produción media de 37 ou 38 quilos e desde que muximos cos robots subimos ata os 45”

Que produción actual teñen na granxa e cal foi o incremento desde a instalación do robot?

Co outro sistema de muxido, tiñamos unha media de produción de 37 ou 38 quilos; desde que muximos cos robots, subimos ata os 45, é dicir, un incremento duns 7 ou 8 quilos. Cremos que podemos aumentar máis esta cifra se logramos incrementar a media de muxidos e perfeccionar o benestar animal.

Cantos muxidos están conseguindo de media por día?

Agora mesmo mantémonos nunha media de 3,5 muxidos ao día.

Que opinan do robot de muxido en canto ás calidades do leite?

Grazas aos robots melloramos moito na calidade do muxido, sobre todo en canto a mamites. No establo vello, no verán sempre tiñamos problemas de mamites e, dende que estamos co muxido robotizado, esquecémonos de picar unha vaca con antibiótico.

O reconto de células somáticas reduciuse de 260.000 a menos de 100.000.

Melloraron a reprodución por ter posto os colares Cow Scout?

Co muxido robotizado monitorizamos os animais cos colares e no tema de celos melloramos moito, porque reducimos os días entre partos e detectamos os celos rapidamente. Ademais, conseguimos anticiparnos a certas enfermidades porque xa vemos as alarmas no programa antes de ver a vaca enferma no establo.


“Melloramos moito a calidade do leite, sobre todo en mamites, porque nos esquecemos de inxectar as vacas con antibiótico”

Vemos unhas instalacións moi coidadas e moi funcionais. GEA interveu no seu deseño?

Si. Para o deseño deste espazo, contamos co asesoramento dos técnicos de GEA e, polo que estamos vendo, está funcionando ao 100 %, con moi bos resultados e sen case atrasos.

Antes de entrar aos robots, os animais pasan por unha porta preselectora e unha sala de espera e ao finalizar o muxido tamén colocamos unha porta de postselección.

Todo está pensado para un mellor benestar dos animais e para que as vacas en celo ou con algún tipo de enfermidade non anden polo establo, senón que estean tranquilas na zona de separación.

Neste establo notamos as vacas moito máis tranquilas e iso repercute nunha maior produción.

Teñen algún equipamento máis de GEA?

Ademais do robot e dos colares Cow Scout, colocamos unhas placas de arrefriamento co fin de conseguir maior eficiencia enerxética e reducir o consumo de electricidade. Con elas conseguimos reducir a temperatura do leite de 35 a 12 graos antes de pasar ao tanque e iso nótase, pois estamos coa mesma tarifa e non aumentamos os consumos.

Pensan en medrar ou en instalar máis robots no futuro?

Esta granxa está pensada para poder medrar no futuro e montar un segundo robot. Non sei se isto chegará a suceder, porque dependerá das seguintes xeracións, pero, pola nosa experiencia, estamos moi contentos.

Pablo Lago, nutrólogo de Coren en Ganadería Roxelo

 

“A vantaxe do robot GEA é que sempre utiliza a táboa que máis se adapta ao animal segundo a produción e as vacas arrancan con moita máis forza que noutros robots”

 

Como foi a adaptación da alimentación dos animais no momento da robotización?

A adaptación foi moi sinxela. Ao principio, José Manuel pensaba en ir trasladando os animais para a nave nova e muxir no robot por lotes, pero ao final decidimos pasar todo o rabaño xunto e a verdade é que a transición se fixo de marabilla; iso si, uns días antes déuselles un pouco de penso do robot para que se fosen acostumando.

Que alimentación toman agora?

A ración está composta por 24 kg dun silo de herba de alta calidade; 9 kg dun silo de herba un pouco máis fibrosa, para evitar o consumo de palla debido ao prezo que ten hoxe en día; 15 kg de silo de millo e 9,5 kg de concentrado. Despois, no robot estamos proporcionándolles unha media de 6,5 kg de penso. En definitiva, estamos achegando uns 28 quilos e medio de materia seca total en ración.

A partir de aquí imos cambiando a mestura en función dos cambios de forraxes que poida haber e no robot axustamos as táboas en función da produción e dos días de leite.

A vantaxe que ten o robot de GEA é que sempre utiliza a táboa que máis penso lle dá ao animal segundo a produción. Así, as vacas arrancan con moita máis forza que noutros robots, que utilizan táboas moito máis pechadas no posparto e nos días de leite.