LELY, ALTA PRODUCIÓN E EFICIENCIA

Case 13.000 kg de leite diarios con dous operarios e cinco Astronaut A5

En Vaca Pinta 38 contámoslles como Ganadería Vilalta, en Tamarite de Litera (Huesca), viviu o paso á robotización da man de Lely Center Los Corrales. Despois de sufrir problemas para atopar man de obra eficiente e cualificada, o propietario descubriu os robots de muxido e decidiu instalar unha primeira unidade do A5. Tras ver os bos resultados, adquiriu máis robots ata contar con cinco a día de hoxe. O éxito chegou rapidamente.

Amadeo Vilalta, propietario de Ganadería Vilalta, atopouse por casualidade cos robots de Lely ao querer facer cambios na súa granxa. Os beneficios foron claros tras a adquisición da primeira unidade. Actualmente, posúen cinco A5, cos que levan funcionando case un ano.
En Tamarite de Litera, provincia de Huesca, sitúase esta granxa que conta cuns 600 animais, dos cales hai 335 en muxido, cunha media de produción de 39 litros diarios por exemplar. En total, producen case 13.000 kg de leite ao día –dato que se extrae de Lely Horizon, unha aplicación de xestión de ganderías que utilizan na explotación– con só dous operarios, tal e como explica Guiomar Aguilar, Farm Management Support (FMS) de Lely. 

O CAMBIO A LELY

“Anteriormente tiñamos unha sala 2x8 de espiña de peixe e quedábasenos xa un pouco pequena e anticuada. A miña intención inicial era comprar outra sala”, explica Amadeo Vilalta. No seu proceso de busca, atopouse cun anuncio no que se vendía unha sala de muxido bastante ampla. A persoa coa cal contactou contoulle a Vilalta que a poñía en venda porque adquirira 10 robots de muxido. “Díxome: ´mira esa opción ti tamén`”, afirma o propietario da gandería. A partir deste momento, empezou a ter contacto coa compañía e comezou o proxecto de robotización da nave.
A pesar do temor inicial e das dúbidas existentes por se os resultados non eran os esperados, decidiron optar por adquirir unha primeira unidade, que actualmente é a que usan as vacas primíparas, para ver como funcionaba este sistema en Ganadería Vilalta. O impacto obtido foi bo e observaron que a robotización se adaptaba ben á súa explotación: “Nun prazo de dez meses, xa tiña postas as outras catro”, asevera Amadeo Vilalta. Desde a gandería aseguran que están satisfeitos coa marca. 


Amadeo Vilalta comezou co seu proxecto de robotización ao adquirir unha primeira unidade do A5. A pesar das dúbidas, viu que os resultados eran positivos e, dez meses despois, xa contaba con cinco robots

BENESTAR ANIMAL E AMPLOS BENEFICIOS 


José María Isábal, de Rumex Grupo Veterinario, percibiu grandes cambios en positivo dende a instalación dos A5 na granxa. “Chama moitísimo a atención o cambio radical no comportamento das vacas, que pasan moito tempo descansando e deixan de ter ese carácter arisco habitual cando hai salas de espera”, explica o veterinario clínico. O profesional informa de que todo isto repercute claramente en aspectos sanitarios; notaron unha mellora en incidencia de coxeiras e na área de fertilidade, ademais de no relativo á calidade de leite con respecto das mamites. “Hai un antes e un despois dende que os robots Lely están en activo”.
Outro factor clave é a distribución da gandería: os animais sitúanse en tres parques diferenciados e, un deles, onde están os dous últimos A5 adquiridos, conta con áreas de separación nas que se atopan exemplares aos que hai que dedicar máis tempo, xa sexa por algún factor reprodutivo ou por algún tipo de patoloxía: “Permite un traballo veterinario dunha forma moi específica con aqueles animais que requiren este tipo de servizo e o resto das vacas están totalmente libres e séntense cómodas; non as molestamos”, asegura.
Os resultados deste sistema quedan cada vez máis claros e patentes. Isábal relata que as áreas de separación teñen actualmente moi pouca densidade de vacas, porque se está reducindo moitísimo o número de exemplares que sofre algún tipo de patoloxía. 
O veterinario tamén asevera que co sistema de tráfico libre os animais non teñen que sufrir longos momentos de espera, o cal resulta ser moi positivo tanto para as vacas como para a explotación en xeral: “A vantaxe deste aspecto concreto de suprimir a sala de espera é algo totalmente revolucionario”, conclúe. A maiores, afirma que a necesidade de man de obra diminúe, co cal esta pode ser máis cualificada e centrarse en aspectos máis relevantes.
“A reflexión final é que o traballo que se fai desde Ganadería Vilalta pon as necesidades e o benestar dos animais no máis alto”, conclúe. 


UN MUXIDO VOLUNTARIO CO TRÁFICO LIBRE
“Nós tiñamos un problema importante á hora de atopar man de obra eficiente e cualificada”, conta Lucía Lavilla, socia da gandería. Tras informarse Amadeo sobre os robots, viron que con este sistema as vacas van soas a muxirse. 
Lely aposta fortemente polo tráfico libre, opción pola que optaron os donos desta granxa: “Como nos din dende Lely, trátase de levar o muxido ás vacas, non as vacas ao muxido”. Ademais, tras a instalación dos Astronaut A5 o rendemento é maior e, con menos recursos, producen máis cantidade de leite que antes.
Unai Etxaiz explica que “outra opción sería unha sala con robots”; porén, é necesario máis persoal que co sistema de tráfico libre. Ademais, este último é máis beneficioso para o benestar dos animais. “Van estar máis tempo descansando e van facer o que elas queiran. Unha vai estar comendo, a maioría deitadas e o resto muxíndose, sen o requirimento de operarios”, explica. 
Por outra banda, coa distribución de Ganadería Vilalta, logran empregar maior cantidade de tempo nos animais que máis o necesitan. Así, as vacas sas pasan máis desapercibidas, xa que non necesitan tanta atención coma as outras. “A maior parte do traballo realizámolo­ detrás do robot, onde se sitúan os animais nos que nos centraremos máis, con celos, patas, inseminación... Desta maneira optimizamos ao máximo o tempo de traballo na granxa”, detalla Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely en País Vasco, Navarra e Cataluña.
Cabe destacar que os animais con algún tipo de patoloxía teñen acceso igualmente aos robots. Desta forma, as que non están, polo motivo que sexa, no grupo principal, poderán afacerse fácil e rapidamente ao robot para o seu uso futuro. “Cando estean nunha condición óptima, van volver coas outras­ vacas. Mentres tanto, teñen cama quente e confortable, dispoñen de comida e de auga e contan con acceso aos A5 as 24 horas”, describe. 
Dende a explotación manifestan que “todo isto a nós nos supuxo unha gran mellora en calidade de vida e as vacas están moito mellor e tranquilas, xa que non pasan tanto tempo na sala de espera”. Tamén Aguilar afirma que na granxa de Amadeo se observan todos os elementos de cow comfort, grazas tanto á implementación dos robots en tráfico libre coma ao uso de camas de area moi cómodas para os animais.