Delagro daba por pechada hai unhas semanas unha campaña complexa, que provocou algún que outro desvelo nos seus equipos de compras, pero que culminou cun final feliz e co orgullo de non deixar a ningún socio sen acceso a produtos esenciais para o funcionamento dos seus negocios. O certo é que foron varios factores os que se foron sumando ata formar a tormenta perfecta e, con todo e a pesar diso, Delagro conseguiu manter firme o rumbo e chegar a bo porto.
"Xa viñamos dunha situación moi complexa desde a campaña pasada debido á pandemia, que golpeara ás cadeas loxísticas internacionais. O mesmo sucedeu coa tendencia do incremento dos prezos de custo de materias primas, ao que se sumaron as crecentes dificultades na garantía de subministración a nivel global. Afortunadamente puidemos sortear esas situacións cun equipo de profesionais que se envorcou para que non quedásemos nunca sen stock, traballando con axilidade e flexibilidade", explica José Manuel Díaz, responsable Comercial e de Marketing de Delagro.
Así mesmo, Ana Martínez, directora adxunta de Produción Vexetal, apunta que aos incrementos de prezos e dificultades de garantir o stock sumouse un factor produtivo, polo que "a materia prima reduciu o volume co que chegaba ao mercado. Producíronse inundacións en Alemaña e tamén se padeceron secas en Centroeuropa. Doutra banda, China comezou unha tendencia de redución da súa produción polo cumprimento dos límites do protocolo de Kioto, o que provocou o peche dalgunhas fábricas que non cumpren medidas de límites de contaminación. Cando China deixa de vender, isto ten un impacto a nivel mundial". A esta delicada situación sumouse o impacto da guerra. "Tiñamos xa toda a campaña canalizada, cando os principais celeiros do mundo, que son Rusia e Ucraína, entraron nun conflito bélico e deixaron de provernos. O impacto foi enorme no prezo e na dispoñibilidade de materias primas e fertilizantes", engade.
"O prezo márcao o mercado, e desgraciadamente Delagro non ten poder para influenciar nunha redución desa subida de prezos. O que si podemos facer é exercer de dique de contención. Debemos ter en conta que, se Delagro desaparecese mañá, o mercado viviría automaticamente un repunte de prezos. A dimensión e o poder de negociación da nosa cooperativa funciona como unha áncora dos prezos, delimita unha zona na que se pode vender un produto, tirando dos prezos cara abaixo", asegura Javier Caneda, responsable da área de Produción Vexetal.
"O éxito da eficacia de Delagro nesta campaña foi ter o stock en tempo e forma para todos os socios, aínda que para logralo houbese que remar contra vento e marea”, corrobora Díaz.
Incerteza e flexibilidade para a próxima campaña
A estratexia de anticipación cada vez é máis difícil de aplicar ante a incerteza imperante, pero as compras e o deseño da estratexia máis adecuada para executalas non se deteñen en Delagro. "Con este panorama, xa tivemos que comprar as sementes pratenses do próximo outono e os plásticos de ensilado. Estamos a analizar agora as compras dos fertilizantes que se utilizarán a próxima primavera", explica Caneda.
Así, a formulación de cara á próxima campaña adaptouse ás circunstancias, nunha rápida viraxe de estratexia. "Ao non ter visión de futuro ante a altísima incerteza preferimos ir máis ao día. As previsións están moi á baixa, pero tamén é o noso papel o de equilibrar esas previsións en función de posibles escenarios, establecendo os stocks de seguridade en función de históricos. As compras non cesan e preferimos ir dando pasitos curtos, pondo en marcha todas as ferramentas que nos permiten movernos con axilidade e sen risco", finaliza.