Carlos Busto e Teresa Ares dirixen a granxa familiar Finca Varela, no municipio coruñés de Rois, e moxen un total de 270 animais. Ata inicios deste ano realizaban o muxido de todas as súas produtoras nunha sala de espiña de peixe de 18 puntos, 9 de cada lado, e tardaban en cada quenda, mañá e tarde, unhas catro horas.
Mellorar o tempo e a calidade de muxido eran os seus dous obxectivos principais e, da man de Agrícola Coruñesa, distribuidor de GEA na zona, decantáronse por apostar pola sala rotativa T8900 de 32 puntos.
Ao proxecto sumaron a incorporación dun novo tanque, de 30.000 litros, e a monitorización de todas as súas frisonas cos colares CowScout, con detección de celos e información da ruminación.
Reduciron a máis da metade o tempo de muxido, o traballo fáiselles moito máis cómodo e agradable, e notan as vacas moito máis tranquilas.
FINCA VARELA
Localización: Rois (A Coruña)
Número total de animais: 530
Vacas en muxidura: 270
Número de muxidos: 2
Media de produción: 37 litros/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,80 %
Porcentaxe de proteína: 3,50 %
RCS: 180.000 cél./ml
Que sistema de muxido tiñan antes?
Tiñamos unha sala de espiña de peixe de 2x9.
Por que se decidiron polo modelo de rotativa T8900?
Levabamos moito tempo valorando a opción de cambiar porque investiamos moito tempo no muxido, unhas 4 horas.
Valoramos a opción de colocar 4 ou 5 robots, pero o investimento determinábanos moito a cantidade de vacas a muxir. Por exemplo, hai dous meses que muxiamos unhas 30 ou 40 vacas menos e ese cambio en número de animais, se nos decantásemos por catro robots, implicaría necesitar un robot máis.
A sala T8900 pareceunos máis cómoda para o muxido e por iso nos decidimos por este modelo.
Por que elixiron GEA?
A principal causa foi o seu distribuidor na zona. Traballamos con eles sempre, xa nos instalaron os sistemas de muxido anteriores e coñecemos como responden.
A maiores, unha das cousas que máis me gustou desta T8900 foi o tipo de cabinete. Ao ser baixo, facilita moito a entrada e a saída dos animais ao posto de muxido.
Outro detalle a destacar son as tetoeiras IQ, coas que nunca hai perda de aire. Finalmente, tamén me gustou moito o brazo posicionador sobre o equipo de muxido, pois axuda a que se manteña ben colocado durante todo o proceso.
Como recordan o proceso de cambio?
O cambio foi fácil. O 13 de febreiro pasamos de muxir pola mañá na espiña de peixe a facelo pola tarde na rotativa.
Como foi a adaptación dos animais?
Os primeiros dous ou tres días lémbroos bastante duros, porque non sabían entrar ben e tivémoslles que axudar tanto a entrar como a saír. Despois dunhas cantas veces, xa comezaron a facelo soas perfectamente.
Que beneficios están a notar?
A principal diferenza é o tempo de muxido. Antes tardabamos 4 horas e agora en 1 hora e 40 minutos témolo feito. Logo, é unha sala moi cómoda para traballar, moito máis ampla e ten moita máis luz.
Por último, vemos as vacas moi tranquilas. Creo que o estar cada unha delas na súa praza individual benefíciaas nese sentido.
Incorporaron outros equipos GEA?
Ademais da sala, incorporamos un tanque de frío novo e monitorizamos todas as vacas cos colares CowScout.
Achégannos datos de celos e de ruminación, que miramos todos os días.
Detectamos o momento óptimo para inseminar a cada animal e os datos de ruminación permítennos adiantarnos a posibles enfermidades.
Tras catro meses de traballo con esta rotativa, que valoración fan do cambio?
Estamos satisfeitos coa máquina, porque muximos en menos da metade de tempo e os nosos animais están moi cómodos, co cal cremos que iso lles fará incrementar a súa produción un pouco máis.
Francisco Antelo
Agrícola Coruñesa, distribuidor na zona
“O seu sistema IQ garante que non existan perdas de baleiro durante o muxido”
Que características destacaría da rotativa T8900?
Desta rotativa destacaría, en primeiro lugar, o seu novo cabinete. A vaca, tan pronto chega ao sitio de saída, xira moito mellor, porque pasa a cabeza por encima e sae sen dificultades.
Ademais, o seu brazo posicionador axuda a colocar a tetoeira e a que o xogo de muxido se suxeite ben no ubre, sen causarlle tanto peso ao animal.
Por último, o seu sistema IQ garante que non existan perdas de baleiro durante o muxido.
E do proxecto en Finca Varela?
Na sala de espera colocamos un empuxador para que os animais entren ao ritmo do muxido e á saída todos pasan por unha porta de postselección que os dirixe ao establo ou a unha zona de enfermería, en función das necesidades.
Co cambio de sala, en Finca Varela instalamos tamén os colares CowScout, que lles achegan datos de ruminación e de celos.
Como están a ser os primeiros resultados con este novo sistema de muxido?
Carlos e Teresa están encantados con ela, porque, á parte de reducir o tempo de muxido de 4 horas a 1 hora e media, notan moita máis comodidade para traballar. De facer o traballo nun foso a facelo nestas instalacións, con moita máis luz, a actitude cambia moito. A xente que moxe está moito máis contenta.