Caixa Rural Galega reforza o seu compromiso co financiamento de vivenda pública en Galicia

Caixa Rural Galega reforza o seu compromiso co financiamento de vivenda pública en Galicia

Caixa Rural Galega asinou un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para facilitar o financiamento destinado á promoción e construción de vivendas protexidas de promoción pública.

O acordo permitirá ofrecer préstamos para a construción ou promoción de fogares públicos e a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias, garantindo sempre a protección permanente dos inmobles. O convenio ten unha vixencia de catro anos.

Con esta relación, a entidade financeira galega reforza o seu compromiso co desenvolvemento social e económico de Galicia. O convenio establece liñas de financiamento tanto para proxectos impulsados pola Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) como polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

"Cremos na importancia de apoiar iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas e fomenten a cohesión territorial. Este acordo permítenos seguir traballando por un futuro máis sostible e accesible para todos", destacou o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez.