Caixa Rural Galega pechou 2024 con beneficios récord e fortalecendo o seu modelo cooperativo

Caixa Rural Galega pechou 2024 con beneficios récord e fortalecendo o seu modelo cooperativo

Caixa Rural Galega celebrou o pasado sábado en Lugo a súa Asemblea Xeral anual, na que se aprobaron as contas históricas correspondentes ao exercicio 2024. A entidade logrou un beneficio neto de preto de 32 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 47 % respecto ao ano anterior e marca unha nova cifra récord.

Este resultado vén impulsado pola mellora das marxes, derivada da suba dos tipos de xuro oficiais, así como polo aumento do volume xestionado e unha maior eficiencia. A entidade superou os 2.340 millóns de euros en activos, cun crecemento do 15 %, mentres que os depósitos de clientes acadaron os 2.120 millóns (+15 %) e a inversión crediticia neta os 900 millóns (+6,5 %).

A morosidade situouse no 2,35 %, por baixo da media do sector, e a ratio de solvencia alcanzou o 21,16 %, preto do dobre do esixido polo regulador.

Na súa intervención, o presidente Manuel Varela alertou sobre a incerteza internacional e apelou a un marco normativo europeo máis sinxelo. Reivindicou o modelo de Caixa Rural Galega, baseado na proximidade e a xestión responsable, e avanzou que se contempla a apertura de novas oficinas no futuro.