Caixa Rural Galega celebrou a súa asemblea xeral anual este sábado coa presenza do consello reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e dos representantes das xuntas preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Chantada, Ribadeo, Santiago de Compostela e Lugo marcadas, do mesmo xeito que no ano 2020, polas medidas de protección contra a covid-19.
O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2020, das que destaca un beneficio neto que acadou os 5,75 millóns de euros, cifra que supera lixeiramente á do ano 2019 e que supón sete anos consecutivos con incremento de resultados tras a pasada crise financeira.
Tamén estaba na orde do día a elección do novo vicepresidente tras a baixa de Venancio Rocha, que deixou o consello reitor de maneira voluntaria tras máis de trinta anos de presenza no mesmo. Foi elixido o cargo Anxo Ramil Castelo, membro do consello reitor desde o ano 2002 e actual secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida "San Simón da Costa".