- A entidade aumentou substancialmente o seu volume de negocio e logra reducir a súa morosidade, a pesar da excepcionalidade dun ano marcado pola pandemia
Caixa Rural Galega finalizou de xeito satisfactorio o exercicio 2020, cun beneficio lixeiramente superior ao do ano anterior, unha vez realizadas importantes dotacións para blindarse dos efectos que a pandemia poida ter durante o 2021 e en canto se vaian retirando os diferentes estímulos establecidos.
Para alixeirar a carga que está a supor a COVID-19 sobre os seus socios e clientes, a entidade estableceu unha serie de medidas que tratan de aliviar as cargas financeiras de particulares e empresas. Para iso, concedéronse moratorias a empresas e particulares por valor de 11 millóns de euros, co fin de compasar os calendarios de amortización á xeración dos recursos para a súa atención. Tamén se participou nas liñas Covid, instauradas polo ICO, que concederon financiamento por máis de 40 millóns de euros. Sobre estas liñas están a concederse ampliacións de prazo e/ou carencia segundo o establecido nos diferentes Reais Decretos publicados co obxectivo de preservar aquelas empresas que, sendo viables, afrontan dificultades de liquidez.
Tamén se instrumentaron mecanismos para adiantar o pago dos ERTES e prestacións de desemprego aos traballadores afectados para evitar que os atrasos do SEPE afectasen á percepción dos ingresos.
Dentro desta difícil conxuntura, Caixa Rural Galega foi capaz de incrementar os depósitos e o investimento crediticio superando as dificultades que se presentaron e mantendo o emprego e as oficinas sen peches nin recortes.
En canto aos resultados, a entidade conseguiu mellorar lixeiramente o do exercicio anterior, baseándose nunha maior comercialización de préstamos (fundamentalmente hipotecarios para a adquisición de vivenda) e unha maior achega das comisións derivadas da venda de seguros. Os crecementos alcanzados nos depósitos (+19 %) e no investimento crediticio (+24 %) referendan o modelo de negocio de Caixa Rural Galega, baseado nunha proposta de produtos sinxelos, trato personalizado e moderación no cobro de comisións.
Como medida compensatoria para evitar que estes crecementos empeoren os cocientes de apalancamiento e solvencia, a entidade está a proceder nestes momentos a emitir novo capital social entre os clientes que o soliciten, que garante un importe mínimo a cada solicitante para conseguir que un maior número de socios poidan participar.
A pesar da adversa conxuntura, marcada por un importante retroceso do PIB nacional, a entidade conseguiu reducir a cifra de morosidade e situala no 3,5 %, o que supón unha redución de máis dun punto porcentual, fronte á rexistrada ao peche do exercicio anterior. Así mesmo, a cobertura da morosidade mellorou ata alcanzar un 70 %.
Caixa Rural Galega, presidida por Manuel Varela, ten abertas na actualidade 47 oficinas, sen variación con respecto ao ano anterior, e emprega a 155 traballadores.