Boehringer Ingelheim Animal Health presentou hoxe a publicación titulada Manifesto: desafíos do século XXI en prevención, benestar e saúde animal, un traballo de análise, dispoñible en formato dixital e impreso, que recolle as grandes cuestións a afrontar na prevención, o benestar e a saúde dos animais para garantir a saúde global no mundo. Ademais, a iniciativa pretende fomentar o debate en torno ao enfoque One Health (Unha Saúde).
Segundo Elena Gratacós, directora xerente de Boehringer Animal Health España, “o compromiso da nosa empresa é cos animais e cos veterinarios, tanto en clínicas como granxas, cos propietarios de mascotas e coa sociedade en xeral. Neste sentido, queremos contribuír de forma decisiva a innovar e avanzar na solución dos retos aos que nos enfrontamos como sociedade en materia de saúde animal e humana”.
O Manifesto é froito dunha profunda análise realizada nun momento de especial relevancia marcado pola crise sanitaria causada polo novo coronavirus SARS-CoV-2. A obra foi elaborada por un grupo de recoñecidos especialistas formado por Cristina Muñoz Madero, Joaquim Segalés Coma, José Manuel Sánchez-Vizcaíno Rodríguez, Luis Ortega Mora, Luis Miguel Cebrián Yagüe e Pol Llonch Obiols.
Así mesmo, o manifesto contou coa colaboración en calidade de prologuista dunha experta de recoñecido prestixio internacional no ámbito do concepto One Health: a doutora Jonna AK Mazet.
O obxectivo desta iniciativa é que sirva de base para pór en marcha iniciativas, medidas e compromisos de mellora a nivel institucional e administrativo “que contribúan a que animais e humanos vivamos nun mundo máis saudable neste século XXI”, coa convicción de que só desde unha perspectiva One Health será posible avanzar “cara a unha atención sanitaria global avanzada e preventiva”.
A publicación estrutúrase en seis apartados nos que se desenvolven os retos máis perentorios relacionados coa colaboración entre veterinarios e médicos para previr as zoonosis, os sistemas de vixilancia para a detección precoz de enfermidades, a vacinación e a inmunoloxía, o benestar animal, o uso racional dos antibióticos e o papel clave do veterinario no desenvolvemento do enfoque One Health nas políticas de saúde pública.
Podes consultar o manifesto completo neste link.