Máis de 70 delegados procedentes de 15 países reuníronse en Oporto (Portugal) do 10 ao 12 de xuño para formar parte da 14ª edición do Foro de Expertos en Benestar dos Animais de Granxa, organizada por Boehringer Ingelheim.
Co lema "Making calving more comfortable" (facer o parto máis confortable), púxose o foco nunha comprensión máis profunda da dor que senten as vacas e os xatos durante o parto para facilitar unha mellor toma de decisións sobre o manexo da dor e a mellora do benestar, segundo expuxeron os expertos internacionais durante o desenvolvemento do encontro.
"Para nós este foro é importante porque reúne aos mellores especialistas en benestar animal a nivel internacional en torno a temas concretos relacionados coa materia. Trátase dunha reunión periódica, de moita calidade técnico-científica, que hoxe por hoxe é referente no sector", explica Manuel Cerviño, asesor técnico de Ruminantes de Boehringer Ingelheim Animal Health España, sobre esta conferencia anual que se celebra desde o ano 2008.