Con motivo do Día Mundial do Leite, Elanco Animal Health lanza a campaña dixital Blanco y en botella para promover os beneficios do leite e dos seus derivados, así como a importancia dunha alimentación sa, segura e saudable. Con esta iniciativa Elanco tamén quere apoiar e agradecer o labor diario de produtores, gandeiros e veterinarios que traballan para que os alimentos cheguen ao consumidor mantendo a seguridade alimentaria e todas as súas propiedades.
Esta iniciativa enmárcase no programa Sumando Juntos, unha iniciativa de acción social de Elanco que ten como obxectivo facilitar o acceso a proteínas de alto valor biolóxico a persoas en situación de vulnerabilidade en España. A proteína de alto valor biolóxico é esencial para unha boa saúde e calidade de vida e atópase no leite e os seus derivados, nos ovos e na carne. A actividade de Sumando Juntos involucra a distintos actores da sociedade que están aliñados co propósito desta iniciativa: entidades de carácter social que se ocupan de facerlle chegar os alimentos ás persoas en situación de necesidade, empresas produtoras que realizan doazóns de alimentos procedentes da súa produción, así como empresas de retail e distribuidores de Elanco que destinan unha porcentaxe das súas vendas a este proxecto. Entre as distintas accións realizadas ata a data, cabe mencionar as doazóns de queixos e derivados lácteos realizadas por Grupo Entrepinares a través de Cruz Vermella e Cáritas a familias en situación de vulnerabilidade na provincia de Lugo.
O leite e os derivados lácteos conteñen nutrientes esenciais para a vida
O leite de vaca é un alimento nutricionalmente completo, achega proteínas, graxas, auga, hidratos de carbono simples, vitaminas A, D, E, B2 e B12 e minerais como o calcio, fósforo e potasio. É importante integrar o consumo de leite de vaca e dos seus derivados á nosa alimentación diaria e en todas as etapas da nosa vida, sempre adaptando as racións segundo sexo, idade, peso e saúde.
Os lácteos son esenciais dentro dunha alimentación completa e equilibrada, razón pola cal a OMS recomenda o seu consumo. Entre os múltiples beneficios de consumir lácteos destacan: melloran o funcionamento do sistema nervioso e da flora intestinal, preveñen a osteoporose e manteñen a saúde dos ósos, favorecen o crecemento dos músculos, axudan a controlar a presión alta e diminúen o risco de infarto, reducen o risco de formación de caries e axudan a baixar os niveis de ácido úrico.