Bayer pon en marcha unha formación sobre manexo na sala de muxido

En liña co compromiso de Bayer co sector veterinario e gandeiro, dous colectivos esenciais que están a traballar intensamente durante a situación actual, a compañía reafirma o seu apoio e pon en marcha unha formación sobre manexo e benestar animal para os profesionais que traballan nas salas de muxido de vacún de leite.

Nas salas de muxido adoita haber unha rotación elevada de persoal que, ás veces, non ten formación previa, polo que resulta fundamental asegurar que dispoñen das ferramentas e os coñecementos adecuados para desenvolver ben o seu labor e garantir o benestar dos animais.

Por iso, Bayer pon en marcha esta formación a través dunha plataforma de mobile learning -é dicir, accesible a través dun móbil ou unha tablet-, dirixida a todos os traballadores da sala de muxido de vacún de leite. A formación está dispoñible nesta ligazón.

Os contidos son moi prácticos e visuais e están elaborados polo grupo B-MAST de Bayer, un grupo de veterinarios especialistas en calidade de leite que se reúnen de forma periódica para intercambiar experiencias, coñecementos e planificar accións interesantes para o sector.

No curso abórdanse diferentes técnicas aplicadas acerca do manexo na sala de muxido (antes, durante e despois do mesmo) e baséanse nos talleres formativos que impartiu o ano pasado o grupo B-MAST a veterinarios de vacún de leite.

Máis información na nota de prensa emitida pola compañía