Entre todas as solucións de muxido que ofrece a marca GEA, o Batch Milking é aquela que combina o sistema clásico de muxido en sala coa robotización do propio muxido coa colocación de robots en paralelo. Na última edición do Congreso Internacional de Medicina Bovina, organizado por Anembe e celebrado en Córdoba, a empresa desenvolveu un simposio para presentar o formato xunto a dous gandeiros pioneiros en confiar nas súas vantaxes. Ver máis en Vaca Pinta 46.
Héctor Salas, especialista en Xestión do Gando e Soporte de Vendas, foi o encargado de impartir a charla, que abriu coa pregunta “Por que se está falando tanto deste sistema?”, ao que respondeu que, sinxelamente, o concepto está a dar que falar porque en tan só un ano e medio xa foron 11 as ganderías que se decantaron por esta opción para o seu muxido. “Sendo algo diferente, un concepto distinto, dá a sensación de estar en pleno auxe”, destacou o técnico.
Principais vantaxes
O Batch Milking é un sistema automatizado que encaixa en granxas de entre 200 e 800 animais, que queren automatizar o seu muxido e que confían máis na maneira de traballar das salas, pero con toda a tecnoloxía vinculada ao robot.
As súas principais vantaxes son a flexibilidade á hora de adaptarse a calquera gandería, a calidade de muxido que achegan os robots e a seguridade alimentaria para granxas medianas, posto que “o feito de realizar todo o proceso de muxido dentro da mesma tetoeira e nunha única colocación garante que o leite de todos os tetos é analizado e controlado individualmente segundo os criterios de calidade que estima o produtor”, apuntou.
- Maior flexibilidade
- Total adaptabilidade
- Calidade de leite
- Maior eficiencia en rutinas diarias
10 vacas por hora e robot
Das 11 ganderías que optaron polo Batch Milking, xa hai catro que están muxindo os seus animais desde hai meses, unha que está a penso, a piques de arrincar, e varias na instalación. En canto a rendementos, Salas compartiu cos asistentes que “a media de produción que están a alcanzar estas granxas móvese entre os 36 e os 41 litros por animal e día, e que están muxindo entre 9 e 10 vacas por hora en cada un dos puntos de muxido”.
Cada vez hai unha menor cantidade de granxas de vacún de leite, pero máis grandes e tecnoloxicamente máis avanzadas, polo que “este sistema pode chegar a encaixar moito. A nosa experiencia é positiva e estamos a ver que os gandeiros están contentos cos resultados”, indicou.
O Batch Milking converteuse así nunha alternativa máis do porfolio de GEA e é unha solución, entre outras, que pon ao alcance dos clientes. Segundo engade Héctor Salas, “debemos ser conscientes de que en cada granxa hai que facer un estudo para analizar se esta solución é a que máis encaixa. Unha serie de premisas marcarán se a decisión é a adecuada ou non”.
Tras a súa explicación, subiron ao estrado Josep Masramon e Ramon Falgueras, de El Bruguer e La Coromina, dúas das granxas que xa están a traballar con Batch Milking, para compartir cos asistentes toda a súa experiencia co sistema.
LA COROMINA
Localización: Gurb (Barcelona)
- Vacas en muxido: 265
- Número de robots: 8
- Número de muxidos: 3
- Media de produción: 39-40 l/vaca/día
Por que decidiu dar este paso?
Estivemos a piques de instalar unha sala de muxido convencional paralela 2x10, pero cos robots podiamos aproveitar un edificio antigo que tiñamos, conservar os tanques de leite e a refrixeración, e, considerando estes puntos, o investimento era parecido.
Ademais, o persoal era un tema delicado e preocupábanos. Máis que aforrar postos de traballo, queriamos facer as cousas un pouco mellor e que o muxido fose sempre igual. Pareceunos que era unha boa opción e estamos contentos con iso.
Por que elixiu GEA?
Eliximos GEA por varias razóns. En primeiro lugar, polo bo servizo que ten GEA na nosa zona; en segundo lugar, porque nos parecía que o robot era un pouco máis rápido que algún da competencia, e, en terceiro lugar, porque o sistema de Batch Milking non o estaba montando todo o mundo e, se podes ter unha referencia, como a granxa que vin en Alemaña ou El Bruguer, iso é moito mellor que ser o primeiro.
Que beneficios destacaría?
O traballo resulta moito máis cómodo, o muxido realízase sempre igual e o benestar dos animais é moito maior. As vacas están máis tranquilas, entran voluntariamente ao robot e a granxa continúa funcionando igual, porque é como ter unha sala de muxido robotizada.
Estamos moi contentos co sistema, porque é outra maneira de traballar. É todo un antes e un despois, pola comodidade do persoal, polo traballo ben feito e polo benestar das vacas.
EL BRUGER
Localización: Sant Julià de Vilatorta (Barcelona)
- Vacas en muxido: 350
- Número de robots: 10
- Número de muxidos: 3
- Media de produción: 35-38 l/vaca/día
Por que decidiu dar este paso?
Facía tempo que o meu irmán e eu pensabamos nos robots e a miña prioridade era unificar o manexo das dúas zonas da granxa; ademais, no noso caso, cunha das miñas fillas, contamos con substitución xeracional e iso tamén nos axudou a desenvolvelo.
Por que elixiu GEA?
Eu teño moita confianza en GEA porque son xente moi seria. Dende o ano 1978, xa cos meus pais, traballamos con eles e o distribuidor que teñen nesta zona é excepcional. A maiores, as máquinas son boas e sobre todo do robot destacaría a calidade de leite, que xa notamos dunha maneira importante, e a opción de separar o leite teto por teto.
Que beneficios destacaría?
Este sistema deunos tranquilidade e a tranquilidade non se paga con diñeiro. Ademais, para atraer á xente nova a este negocio, hai que modernizarse. Se non damos ferramentas para que a mocidade se sinta atraída, aquí non quedará ninguén.
Agora, miramos o ordenador e en media hora temos claro todo o que pasa na granxa vaca por vaca. Isto é unha marabilla, o soño de calquera gandeiro.