O auditorio do municipio coruñés de Santa Comba foi o escenario, o pasado xoves 10 de abril, dunha xornada técnica sobre produción forraxeira organizada por Botica do Campo e Botica do Xallas, coa colaboración de Fertiprado, Fertiberia TECH e Nanta. O evento reuniu a profesionais do sector agrogandeiro interesados nas últimas innovacións para mellorar a rendibilidade e sostibilidade das explotacións.
A xornada deu comezo coa intervención de Javier Recarey, xefe de área na Oficina Agraria Comarcal de Carballo, quen expuxo as claves da normativa vixente sobre fertilización sostible. A continuación, Teresa Blanco, representante de Fertiberia TECH Europa, abordou o papel dos microorganismos na agricultura do futuro, salientando o seu potencial para transformar os sistemas produtivos.
O relevo colleuno José Freire, director comercial e de marketing de Fertiprado, que afondou nas solucións naturais dispoñibles para optimizar o rendemento das granxas. Pechou a quenda de relatorios Manuel Rondón, director técnico de vacún leiteiro de Nutreco Animal Nutrition Iberia, cunha completa exposición sobre como a dixestibilidade dos forraxes inflúe tanto nos custos de produción como na eficiencia leiteira.
A xornada concluíu cunha visita guiada ao campo de ensaio, onde os asistentes puideron coñecer in situ as prácticas e materiais presentados durante as charlas.