A cooperativa Aira celebrou este venres o seu segundo encontro de traballadores baixo o lema "Aira, xuntos de raíz", no hotel Finca Quinteliña, de Chantada. Durante o evento, no que participaron preto de 300 traballadores que integran a cooperativa, puxéronse de relevo as raíces que sustentan Aira e a vinculan ao territorio, ao tempo que se reivindicou o poder da cooperación e o esforzo do seu equipo de profesionais, que son parte imprescindible da "Tribo Aira".
"Xuntos de raíz é moito máis ca unha frase. Define o que somos e o que queremos seguir sendo: unha tribo. Nunha tribo, todos importan. Cada persoa conta. Aquí non hai pezas pequenas nin papeis secundarios. Aira é moito máis ca unha cooperativa, é unha gran tribo formada por gandeiros, agricultores, traballadores e técnicos, que compartimos un obxectivo claro: fortalecer o noso sector, protexer o noso medio de vida e garantir o futuro das vindeiras xeracións no rural galego", expuxo Cándido Cancelo, director xeral de Aira.
Tamén a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou, a través dun breve vídeo, o papel relevante de Aira como motor do rural galego: "Sodes fundamentais para asegurar un rural sostible desde todos os puntos de vista. Parabéns polo voso esforzo, compromiso co medio rural e polo voso traballo".