Aira dobra o volume de negocio nos seus primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

Aira dobra o volume de negocio nos seus primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

A cooperativa agrogandeira Aira celebrou este xoves, día 13, a súa asemblea xeral ordinaria en Taboada (Lugo) na que se presentaron as contas do último ano aos seus socios e socias e fíxose balance dos primeiros 5 anos de traxectoria dende o proceso de integración realizado en 2018. Neste primeiro lustro, Aira conseguiu dobrar o volume de negocio e presenta unha facturación consolidada de 206,5 millóns de euros, cun crecemento significativo e constante durante todos os exercicios. Así, a cooperativa pechou este último exercicio cuns beneficios antes de impostos de 4,2 millóns de euros.

Aira segue mostrándose como unha empresa líder e en fase de expansión que creceu en todas as áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro, como o leite ou o penso. A transformación láctea é unha das súas claras prioridades e destinaron un 70 % dos investimentos á industrialización, en especial á planta láctea de Melide.

No 2022 Aira comercializou un total de 115 millóns de litros de leite, fronte aos 91 millóns que se xestionaban no 2018, cando se formalizou o proceso de integración da cooperativa. "A transformacón do leite é unha das prioridades de Aira e unha das liñas nas que imos seguir sumando esforzo", explicou Daniel Ferreiro, o director xeral. A cooperativa tamén está a destinar importantes esforzos a contribuír á dixitalización das granxas con algúns programas especializados.