A cooperativa agrolimentaria Aira celebrou este xoves a súa Asemblea Xeral Ordinaria no concello lucense de Taboada, na que se renovou o consello reitor. José Ramón Ratón Varela, da granxa chantadesa Riazón SC, é o novo presidente, tras ser a única candidatura presentada.
Ratón, que xa formaba parte do anterior consello, pasa a presidir un equipo no que se incorpora como vicepresidenta Inés Jul López, e no que continúan Óscar López, como secretario; Eladio Sánchez, como tesoureiro; e os vogais José Salgueiro e José Manuel Gómez.
A eles súmanse tamén como vogais Ana María Freire, Román Torres, Carmen Silva, Adrián Blanco, Jessica López, Antonio López, Ana Negro e José Manuel Mahía.
José Manuel López Tellado, presidente saínte, estivo presente na Asemblea e agradeceu a confianza depositada durante estes oito anos de mandato, sinalando "o orgullo de pertencer a unha Cooperativa que é un exemplo de unión, responsabilidade e compromiso co futuro do noso rural".
Pola súa banda, José Ramón Ratón indicou que: "Continuaremos traballando con compromiso en todo o que, con tanto esforzo, se foi construíndo ata hoxe, e seguiremos sumando para que Aira sexa sentida e vivida por todos os socios e socias que a conforman".
No transcurso da asemblea tamén se presentaron as contas do exercicio anterior. Aira acadou un volume de negocio de 205,5 millóns de euros e un EBITDA de 8,5 millóns de euros.