Agroseguro expuxo este xoves en Santiago de Compostela (A Coruña) as novidades do Plan 2026 de seguros pecuarios. A xornada contou coa asistencia das entidades coaseguradoras e das súas redes comerciais en Galicia.
O novo plan entrará en vigor xa o 1 de xuño con 15 liñas de seguros pecuarios, entre gandeiras e acuícolas.
Sergio de Andrés, director xeral de Agroseguro, destacou a evolución positiva da contratación dos seguros agrarios durante os últimos anos. “Levamos tres exercicios consecutivos por enriba dos 1.000 millóns de euros; en concreto, en 2025 alcanzáronse os 1.029 millóns”.
Ademais, detallou algunhas prioridades nas que se está a traballar en 2026 e, en particular, a mellora da implantación dos seguros gandeiros, onde “aínda contamos con marxe de mellora, fundamentalmente en gando vacún de carne”.
A continuación, José Bernardo, director territorial de Agroseguro para Galicia, explicou as cifras máis importantes do seu ámbito. “En Galicia, o seguro de gando vacún de reprodución e produción conta cun nivel de implantación moi elevado, rolda o 70 %”, afirmou.
Para o plan 2026, as novidades máis salientables son o incremento das indemnizacións por crías, a revisión dos valores de aseguramento dos animais e a mellora, así mesmo, das indemnizacións nas explotacións cárnicas, mediante unha ampliación do rango de idade e unha actualización da compensación dos animais máis lonxevos.
Ademais, incorporouse cobertura fronte a pneumonías en animais produtivos e enterotoxemias en non produtivos, e elimínase o período de carencia para os animais que proceden de centros de recría ao regresar á explotación de orixe.
Por último, inclúense nas coberturas do seguro os centros de testaxe e elimínase a retirada e destrución de animais mortos na explotación como garantía adicional, aínda que se poderá seguir contratando a cobertura de gastos a través da liña de seguro específica para iso.