Agroseguro presenta en Lugo as novidades do Plan 2025 de seguros pecuarios

Agroseguro presenta en Lugo as novidades do Plan 2025 de seguros pecuarios

O vindeiro 1 de xuño entra en vigor o Plan 2025 de seguros pecuarios, que inclúe 15 liñas de seguros gandeiros, entre elas as de vacún de reprodución e produción.

O Comité Técnico de Entidades desenvolve esta semana en Lugo un encontro sobre o novo Plan, ao que asisten representantes de Agroseguro e das entidades aseguradoras que forman parte da agrupación.

Na previa desta cita, o director xeral de Agroseguro, Sergio de Andrés, atendeu a Vaca Pinta na granxa de vacún ecolóxico Casa do Alcalde, situada no concello lucense de Outeiro de Rei. "Escollemos Galicia e, en particular, a provincia de Lugo por ser unha das máis representativas no que respecta ao aseguramento do gando", manifestou.

O director destacou que "nos últimos anos melloramos bastante as coberturas dos seguros de gando", ao tempo que adiantou que "o prezo mellorouse nalgunhas das liñas, un factor que o fai máis atractivo para o gandeiro porque cobraría unha cantidade maior de indemnización".

Segundo os datos de Agroseguro, a cobertura do gando representa "aproximadamente un 25 % dos seguros, tanto no recibo da prima, que é o indicador sobre o que nos medimos, como no capital asegurado, que é o prezo de aseguramento de cada animal polo número de cabezas existentes".

"Sete de cada dez vacas están aseguradas en Galicia", salienta Sergio de Andrés, que conclúe que "a satisfacción dos gandeiros está actualmente nun oito sobre dez. Porén, cada día hai que mellorar e escoitar ao sector para incorporar máis novidades".