A creación de Agrobotica remóntase a 1994, ano no que 12 socios, que xa se dedicaban profesionalmente ao sector gandeiro, buscaban ofrecerlle mellores condicións ao mercado en Galicia. Máis en Vaca Pinta 49.
O rápido crecemento da empresa evidenciouse coa inauguración, ese mesmo ano, da primeira tenda en Lalín e, sucesivamente, de varias tendas nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Na actualidade, Agrobotica suma un total de 18 delegacións situadas estratexicamente por todo o territorio galego e unha eficiente central de compras no Polígono Industrial de Lalín, onde dispoñen dun amplo almacén de mercadorías e dun sistema de repartición eficiente para poder chegar e darlles servizo a todos os seus clientes.
Dende os seus inicios, o obxectivo principal foi ofrecerlles aos seus clientes un amplo abano de produtos da máis alta calidade, sempre acompañado dun servizo directo e personalizado que resolvese de maneira inmediata as súas necesidades.
Ao longo de todos estes anos, Agrobotica converteuse nun referente en Galicia grazas a un importante esforzo en recursos técnicos e humanos e á solidez do seu equipo de traballo, que pon o seu máximo empeño na mellora e na modernización do sector agroveterinario galego.
ELÍAS REGO, UN DOS 12 FUNDADORES DE AGROBOTICA
Como naceu o proxecto de Agrobotica?
Éramos un grupo de amigos que traballábamos no sector e un día reunímonos porque detectabamos necesidades no mercado que non estaban sendo cubertas. Decidimos montar este proxecto porque as tendas existentes non chegaban a onde debían e ese foi o motivo principal.
Cantas tendas tiñan ao inicio?
Comezamos con 12 tendas, distribuídas por varios puntos de Galicia, nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo.
Que diferenzas notan agora respecto daqueles primeiros tempos?
Os maiores cambios foron a nivel burocrático: receitas, libros de explotación, distintos carnés para a aplicación de produtos... A maior revolución foi no ámbito administrativo.
No aspecto comercial, agora hai máis empresas, pero menos gandeiros, aínda que os que hai son máis grandes. Ademais, o noso público ampliouse moito cara aos animais de compañía e ás persoas afeccionadas ao campo.
Que diría que os diferencia no mercado?
Ofrecemos todo tipo de produtos e complementos para gandeiros, agricultores e veterinarios. Creo que o que máis nos diferencia é o trato personalizado, a proximidade e a rapidez do servizo.
A nosa central permítenos ter un servizo moi áxil, cunha gran cantidade de mercadoría almacenada. Isto dános acceso a bos prezos e permítenos cubrir rapidamente as necesidades dos nosos clientes.
Que supón para un dos fundadores cumprir 30 anos?
É un orgullo. Hai poucas empresas que chegan aos 30 anos. Ademais, é difícil que un grupo tan diverso coma o noso siga levándose ben despois de tanto tempo.
Cales son as súas perspectivas de futuro?
A competencia, sendo boa, sempre está presente. Creo que moitas persoas seguen preferindo comprar vendo o produto directamente.
O que considero máis problemático é a remuda xeracional. Por iso, o futuro é incerto. De todos nós, probablemente só dous ou tres teñamos sucesores.
ALBERTO PAYO, RESPONSABLE DE COMPRAS NA CENTRAL DE AGROBOTICA
Cal é a filosofía de traballo de Agrobotica?
O noso principal obxectivo é ofrecerlle un servizo integral ao gandeiro a través dunha central de compras e diferentes sucursais distribuídas por toda Galicia. Nos inicios comezamos con 12 sucursais e actualmente contamos cun total de 18.
Dende a central xestionamos as compras cos nosos principais provedores, empresas e laboratorios, e dende aquí distribuímos, co noso propio camión, dúas veces por semana a todas as nosas tendas.
Con que liñas de produtos contan?
Somos distribuidores de produtos zoosanitarios, con marcas como MSD, Zoetis, Virbac, Ceva, Bayer, Elanco, Syva ou Fatro; tamén de fitosanitarios, con Bayer; produtos químicos, cun distribuidor histórico como Proquimia e Proquideza; sementes de millo, como Bayer-Monsanto e Caussade; sementes de herba, como Fertiprado, e todo tipo de complementos necesarios para os gandeiros e agricultores.
Ademais, contamos cunha liña de leites maternizados e cunha propia de pensos para animais de compañía, CaninDog e CaninGat.
Mantéñense sempre á vangarda e en constante formación?
Si. A través das empresas coas que traballamos logramos estar ao día das últimas novidades. A realidade é que todas estas marcas apostan pola investigación e a innovación, e sempre que lanzan un novo produto ao mercado presentan as súas características nas nosas tendas. Isto permítenos ofrecerlles todas estas novidades aos nosos clientes coa máxima celeridade.
Cantas persoas forman parte hoxe en día do proxecto de Agrobotica?
Na central traballamos un total de oito persoas, e detrás de cada delegación xeralmente hai dúas ou tres. Se facemos cálculos, somos arredor de sesenta profesionais en total.
Como diría que evolucionou o sector nestes 30 anos?
Cambiaron moitas cousas, sobre todo en termos de control. Antes podíanse comprar todo tipo de medicamentos e fitosanitarios sen grandes requisitos, pero agora esíxenche moitos máis. Estou convencido de que o control é o camiño, pero non debería supoñer tantas trabas como ocorre actualmente. Tanto os veterinarios como os gandeiros perden moito tempo na xestión dos papeis. O control debería ser moito máis dinámico.
Do mesmo xeito, o noso público tamén se ampliou. Seguimos dirixíndonos ao sector gandeiro e agrícola, pero tamén sumamos moitos clientes con pequenos animais. As nosas tendas están en localidades con bastante poboación e atendemos moitas persoas con pequenas hortas ou animais por afección.
Que valoración fai destes 30 anos e como ve o futuro?
Despois de 30 anos no mercado, seguir sendo un referente en Galicia é todo un orgullo, e agardamos poder continuar moitos anos máis.
Creo que o futuro pasa por seguir potenciando ese trato próximo. Mentres as persoas sigan confiando no equipo de Agrobotica, aí estará o noso futuro.
Satisfacer as necesidades do sector gandeiro e agrícola.
-
Ofrecer a máis ampla gama de produtos.
-
Confiar nas mellores marcas do mercado.
-
Brindarlles a mellor atención e trato directo aos nosos clientes.