ABS España e a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC asinaron un acordo relacionado coa formación práctica do alumnado, ao amparo do plan piloto de formación dual. Trátase dunha iniciativa pioneira de estadías en empresas e entidades, a través da cal os alumnos poden desenvolver as súas prácticas e o Traballo de Fin de Grao baixo a titoría dun docente do centro universitario e do persoal da empresa en cuestión.
O obxectivo principal deste plan piloto de formación dual é fomentar que os alumnos poidan obter unha boa formación práctica no seu último curso de Veterinaria naquelas áreas que teñen maior oferta laboral pero que presentan problemas para contratar a persoal cualificado. O decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, considera que esta iniciativa favorece a unha maior conexión e relación do centro universitario lugués con entidades colaboradoras, ABS unha delas.
ABS decidiu sumarse ao convenio por varios motivos. En primeiro lugar, para dar a coñecer as actividades da empresa entre estudantes e profesionais do sector. Seguidamente, consideran que é unha vía para poder captar talento entre os futuros egresados. Finalmente, buscan motivar ao alumnado para traballar no campo da sanidade animal, achegando unha visión distinta e atractiva do sector. "Desde ABS esperamos motivar os estudantes veterinarios a traballar na área de vacún", afirma Juan Cainzos, director de ABS en España.