A entidade financeira renovou o seu convenio de colaboración coa Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca) e unirase ao Instrumento Financeiro de Xestión Centralizada de Garantía de Carteira 2023-2027 (IFGC-G). Con esta adhesión, Abanca poderá ofrecer mellores condicións de financiación ao sector primario, cunha garantía pública do 80 % sobre os préstamos. Desde a institución bancaria trasladan que esta medida permitirá a mozos, agricultores, gandeiros, silvicultores e industrias agroalimentarias acceder máis facilmente ao crédito, fomentando o crecemento sostible do medio rural.
O IFGC-G está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) e a comunidade autónoma adherida. Naceu co obxectivo de impulsar investimentos na mellora das explotacións, comercialización e transformación de produtos agroalimentarios, modernización ou creación de regadíos, proxectos forestais, instalación de mozos e novos agricultores ou proxectos Leader.
En paralelo, Abanca e Saeca renovaron o seu anterior convenio de colaboración para seguir ofrecendo avais e finanzas ao sector primario nas mellores condicións. Esta actualización incorpora unha garantía pública de ata o 100 %, facilitando que os profesionais poidan acometer os seus proxectos cun maior respaldo financeiro.
Ambos acordos foron asinados en Madrid no marco da feira Fruit Attraction 2024. O presidente de Saeca, Pablo Pombo, rubricou os novos pactos co director executivo de Banca Corporativa, Empresas e Pymes de Abanca, Víctor Casal, e co director de Negocio Institucional do banco en España, Centro Noroeste e Mediterráneo, Víctor Ortiz.