Abanca presenta unha liña de financiación multidestino para o sector agrogandeiro

Abanca presenta unha liña de financiación multidestino para o sector agrogandeiro

A entidade Abanca lanza un produto de financiación multidestino, pensado para adaptarse ás necesidades de financiación dos clientes do sector agrogandeiro. Desta forma, a nova Liña Financiación Agro Multidestino, permite os profesionais deste segmento unificar nun único contrato a financiación máis habitual de circulante co conseguinte aforro de custos.

O banco ofrece unha única resposta para tres das necesidades máis habituais deste colectivo: o anticipo das axudas PAC, o acceso a fondos para facer fronte aos gastos das campañas agrícolas e gandeiras e a financiación das primas de seguros agrarios contratados en Abanca. Agrupando estes tres destinos, o cliente dispón dos fondos en función das necesidades puntuais que se van producindo ao longo do ano.

Esta solución de crédito formalízase unha única vez por un importe máximo que coincide coa suma dos tres conceptos e cun mínimo de 3.000 euros. Cada 12 meses renóvase na propia oficina, o que permite reducir de xeito notable os custos de intervención asociados habitualmente ás operacións de financiación. As disposicións de fondos realízanse cando o cliente o solicita, tamén na propia oficina de maneira case inmediata ao tramitarse a través dun expediente simplificado.