Abanca celebra unha xornada sobre sostibilidade en Semana Verde 2026

Abanca celebra unha xornada sobre sostibilidade en Semana Verde 2026

Abanca, en colaboración con Medrar Innovation Office e Semana Verde, celebrará mañá xoves un encontro no recinto feiral da Semana Verde de Galicia, en Silleda, centrado nos retos e oportunidades da valorización enerxética nas ganderías.

Durante a xornada, os asistentes poderán coñecer casos de implantación de éxito en Galicia e descubrir novas oportunidades de financiamento sostible para as súas granxas.

O acto terá lugar no pavillón 1, na primeira planta, e comezará ás 11:30 horas coa recepción dos asistentes e un café de benvida. A continuación, inaugurarán o encontro Jesús Combarro, director de Abanca Agro, e Hugo Criado, CEO de Medrar Innovation Office.

Ao longo da mañá desenvolveranse varios relatorios a cargo de Leticia Regueiro, de Medrar Innovation; Jesús Pablo, gandeiro da SAT Xustás; e María García, xerente de Sustentabilidade en Abanca. A xornada concluirá cunha mesa redonda moderada por Luis García, de EFA Fonteboa.

O encontro finalizará cun aperitivo e o sorteo, entre os asistentes, de dous estudos gratuítos de cálculo de pegada de carbono, plan de redución de emisións de CO₂ e valorización enerxética.

A asistencia é gratuíta, aínda que o aforo é limitado, polo que é necesario inscribirse previamente.