Agroseguro pechou o mes de outubro constatando o aumento na contratación de pólizas do seguro agrario. Nun momento vital para o campo español, co período de subscrición aberto para os cereais, os legumes, o oliveiral, a uva de viño ou os froitos secos, o número de pólizas contratadas nos dez primeiros meses de 2020 crece un 7 % respecto de 2019. A superficie agraria asegurada aumentou un 47 % ata superar os 4,6 millóns de hectáreas e a produción asegurada pasa os 30 millóns de toneladas, un 18 % máis.
A inestabilidade climática dos últimos anos e a solvencia do sistema español de Seguros Agrarios son as claves vinculadas ao aumento da contratación destes seguros en 2020, segundo indica Sergio de Andrés, director de Produción e Comunicación de Agroseguro.
No últimos quince anos, España viviu varios episodios de seca moderada e unha redución no seu período de recorrencia. A seca hidrolóxica vivida na campaña 2004-2005 repetiuse en 2011-2012, sete anos máis tarde, e, posteriormente, en 2016-2017, cinco anos despois. Estes dous últimos períodos de baixas precipitacións afectáronlle gravemente ao sector agrario e seguen sendo os de maiores indemnizacións nos 40 anos de historia de Agroseguro. O último episodio viviuse no ano hidrolóxico 2018-2019, reducindo a tan só dous anos o período de intermitencia entre os episodios de seca.
Boa parte destas secas impactaron de cheo nos cultivos herbáceos con indemnizacións por encima dos 440 millóns de euros no últimos catro anos. Este ano o sector goza de novo cun 5 % de bonificación por contratación temperá, cuxo prazo finaliza o 15 de novembro.
“Os agricultores das zonas cerealistas de España son consciente de que a seca sufrida en 2017, por exemplo, cun verán e un outono extremadamente secos, veu precedida de meses de choivas abundantes”, lembra Sergio de Andrés. En cambio, en 2019, unha primavera e un outono extremadamente secos e de alta sinistralidade foron a antesala dun outono de choivas torrenciais, como as vividas no arco mediterráneo en setembro. Afortunadamente, o inverno e a primavera de 2020 permitiron ter unha colleita óptima durante este ano.
Máis información na nota de prensa emitida por Agroseguro