Ampliado nun 61 % o orzamento das axudas para a utilización de maquinaria agrícola común

Grazas a este aumento do orzamento, espérase que sexa posible aprobar todas as solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos indicados.

A orde da Consellería do Medio Rural publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) anuncia a ampliación do orzamento de 3 a 4,8 millóns de euros para as subvencións á maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia. As axudas cubrirán ata un 35 % dos custos da compra, podendo chegar ata o 50 % se se trata dunha adquisición para zonas con limitacións naturais ou se procede dunha fusión, e serán susceptibles de beneficiarse das mesmas os estudos técnico-económicos de viabilidade.

Estas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), buscan promover o uso común de maquinaria na comunidade cos obxectivos de introducir novas tecnoloxías no sector, racionalizar os custos de mecanización, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.