COVID-19

Sánchez busca o apoio do tecido empresarial español para frear a recesión económica

O primeiro paquete de medidas presentado hoxe, co que se poñen a disposición 200.000 millóns de euros, establece, no plano sanitario, como prioridade máxima frear a curva de propagación da enfermidade e, no plano económico, controlar a caída do emprego e a produción favorecendo, entre outras cousas, os expedientes temporais de regulación de emprego (ERTE) fronte aos despedimentos.

A primeira hora desta tarde, o presidente do Goberno comparecía de novo antes os medios para presentar as últimas medidas previstas para tratar de frear a crise económica xurdida por mor da emerxencia sanitaria do COVID-19. Sánchez falou dunha “situación sanitaria sen precedentes” que está a ameazar a produción, a industria, a distribución e o consumo do país e na que o obxectivo agora, dixo, é non deixar a ninguén atrás.

Deste xeito, o apoio ás familias, aos traballadores, ás empresas e á investigación son o catro eixos principais desta actuación na que se producirá a maior mobilización de recursos económicos da historia recente do país: poranse a disposición un total 200.000 millóns de euros (o equivalente a case o 20 % do PIB anual), dos cales a gran maioría, 117.000 millóns, sairán de fondos públicos.

No que máis concirne ao sector primario, os anuncios de maior relevancia son os que seguen:

 

MATERIA LABORAL

Co obxectivo de evitar que unha crise que se espera sexa de carácter estacional teña un impacto negativo permanente no noso mercado, , aprobouse un conxunto de medidas de empregabilidade. Así, a prioridade agora é incentivar a suspensión dos contratos e a redución das xornadas para frear o despedimento dos traballadores.

  • Os traballadores asalariados poderán adaptar a súa xornada para facer fronte á necesidade agora aínda maior de conciliación. Así mesmo, promoveranse e facilitaransen os axustes temporais de persoal a través dos expedientes temporais de regulación de emprego para frear o número de despedimentos. Estes ERTEs terán unha consideración especial e os traballadores terán dereito á prestación por desemprego aínda que non cumpran o tempo de cotización mínima. Ademais, o percibimiento desta prestación non computará a efectos de cobros posteriores por desemprego.
  • No referente os autónomos, aprobouse flexibilizar o acceso á prestación por cesamento de actividade, esta será compatible coa exoneración do pago de cotas á Seguridade Social e tamén poderán acollerse a ERTEs no caso de autónomos que conten con traballadores. Ademais, no referente aos expedientes temporais de regulación de emprego, eximirase aos empresarios da súa achega das cotas á Seguridade Social co obxectivo, primeiro, de aliviar as cargar financeiras ás que terán facer fronte e, segundo, de recuperar o emprego canto antes.

 

MATERIA ECONÓMICA

“O Estado vai proporcionar ao tecido empresarial español toda a liquidez que se necesite para manterse operativo para evitar que a situación desencadee en problemas de solvencia”, declarou Sánchez.

  • Isto estará garantido mediante a creación dunha liña de avais por valor de ata 100.000 millóns de euros, “o que se agarda que permita mobilizar de entre 150.000 e 200.000 millóns de euros no sistema económico do país se se incorporan nos cálculos o sector privado”, especificou.
  • Así mesmo, aprobáronse liñas de avais adicionais de 2.000 millóns de euros para as empresas exportadoras coa intención de favorecer mecanismos áxiles e, en apoio ás pemes, traballarase tamén en programas para a dixitalización e o desenvolvemento de i+D.
  • Ademais, e para protexer o tecido empresarial do país, tamén se reformou a normativa sobre investimentos exteriores para impedir que empresas de países de fóra da UE se poidan facer co control de entidades españolas en sectores estratéxicos aproveitando a caída do valor das súas accións.
  • Por último, adiantaron que continúan traballando nas medidas para facilitar a reestruturación de créditos a explotacións agrarias afectadas pola seca.

 

MATERIA TRIBUTARIA

Como adiantamos esta mañá, a Axencia Tributaria vén de publicar unha guía de instrucións provisionais para solicitar o adiamento de débedas previsto no Real Decreto Lei Covid-19. Pódense aprazar débedas ata 6 meses, con 3 meses de carencia (nos que non se pagan intereses), relativas a IVE, IRPF e Imposto de Sociedades, que se deberán de presentar no mes de abril (data límite o 20 de abril) relativos ao primeiro trimestre de 2020.

O adiamento de débedas para pemes e autónomos alcanza ata un máximo de 30.000 euros.


VER: Guía da Axencia Tributaria para o adiamento de débedas


Outras disposicións de interese

  • Destinaranse 600 millóns de euros ao financiamento de prestacións básicas a cargo dos servizos sociais das comunidades autónomas. Amplíanse as subministracións de enerxía e de auga para garantir os servizos públicos esenciais e garántense, así mesmo, os servizos de telecomunicacións.
  • Establécese unha moratoria no pago das hipotecas das vivendas para garantir o dereito da vivenda ás persoas con máis dificultades.