Máis de 1.000 persoas pasaron pola Facultade de Veterinaria de Lugo ao longo dos dous días de exposicións que ofreceu Seragro na súa reunión técnica anual. Como é habitual, combináronse as conferencias de persoal técnico, de gandeiros e de representantes da Administración.
Os días 13 e 14 de novembro, o auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu as XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro. Este ano, fíxose especial fincapé en aspectos relacionados coa recría de xovencas, a alimentación robotizada, os avances en podoloxía e reprodución, a xestión axeitada dos datos, as diferentes formas de realizar o traballo agrícola, a problemática da man de obra e o imparable avance da intelixencia artificial aplicada á produción. Más en Vaca Pinta 56.
Durante a inauguración, o presidente de Seragro, Víctor Manrique, destacou o enfoque eminentemente práctico dos relatorios, aspecto especialmente relevante para facilitar unha implantación inmediata das melloras transmitidas, co conseguinte incremento da produtividade e da rendibilidade das ganderías.
A situación do sector en Galicia e a recría como base de futuro
A partir da recompilación, análise e integración de información procedente de fontes estatísticas e documentais oficiais, complementadas con bases de datos económicas e sectoriais sobre a evolución do sector lácteo en Galicia, José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, abriu a sesión do xoves coa presentación dun informe estruturado en sete apartados: o peso do sector lácteo na economía galega; a produción láctea de Galicia no contexto español e europeo; as entregas de leite e a dinámica produtiva no que ía de 2025; a evolución dos prezos do leite; a estabilización tras o ciclo alcista e a persistencia dos diferenciais territoriais; a estrutura produtiva e de transformación das explotacións leiteiras galegas; a situación económica das explotacións e da industria láctea; o equilibrio e as perspectivas da cadea, e a evolución do consumo de leite e derivados lácteos en España.
Nas súas conclusións, Andrade sinalou que Galicia é a principal rexión produtora de leite de España e sitúase entre as dez primeiras rexións leiteiras da Unión Europea, “cun modelo produtivo eficiente e competitivo”.
“O futuro dunha gandería escríbese moito antes de que unha vaca entre en produción”. Con esta frase introduciu Felipe Fraga, do Servizo de Recría de Seragro SCG, a súa conferencia, cuxa premisa principal foi insistir na importancia do ambiente na que medran as vacas. Entre as decisións máis “intelixentes” apuntou dous aspectos fundamentais que se debían ter en conta nas instalacións: a orientación e a ventilación. A partir delas, enumerou as consecuencias dun mal deseño construtivo para os animais e, polo tanto, para a economía da granxa. Pechou a súa intervención mirando cara ao futuro: “Quen inviste nos dous piares principais, inviste no futuro”.
A continuación, na charla “O comezo define o futuro: enfermidades en idades temperás e a súa pegada permanente”, Laura Molina, doutora en Veterinaria e asesora en recría en Rusama Ganadería SL, ofreceu unha revisión do impacto das enfermidades en idades temperás e mostrou algúns dos traballos que se estaban a levar a cabo en España para seguir avanzando na xestión da recría.
Molina centrouse na saúde en idades temperás e en como esta pode xerar unha pegada permanente no animal a niveis reprodutivos e produtivos. Segundo explicou a investigadora, todo o mundo ten claro que as xatas son as futuras reprodutoras e que se traballa con elas para obter rendibilidade na gandería, pero remarcou que “non debemos esquecer que, para acadar ese obxectivo, o piar básico é o benestar das xatas desde o seu nacemento, e para iso debemos empregar todas as ferramentas útiles e rendibles que estean ao noso alcance”.
Posteriormente, Sandra Mella, traballadora de Finca Fonteboa SAT (Frades, A Coruña), presentou este negocio, fundado en 2009 a partir da unión de dúas granxas familiares: Gandeiría Mella SC e Finca Fonteboa. Describiu a explotación, que contaba entón con case 700 cabezas de gando vacún, e a seguir, puxo o foco na recría, “a grande esquecida”. Explicou como evolucionaron no seu coidado, nas rutinas de manexo e na organización dos protocolos, e adiantou que o seu seguinte paso cara ao futuro será a construción dunha nova nave que lles permitirá aumentar o número de animais, para o cal necesitarán unha maior taxa de reposición.
A importancia da recría foi tamén o centro do relatorio de Ares Rubies, auxiliar veterinaria e responsable de xestión e formación de persoal na recría de Granja San José (Huesca). Rubies ofreceu un percorrido por esta granxa oscense con máis de setenta anos de historia. A evolución, a expansión e os datos da situación actual, así como a organización e o funcionamento dos protocolos de recría, foron algúns dos aspectos nos que dividiu a súa exposición. Incidiu en que a recría é un piar fundamental para o futuro da granxa e recalcou que “é moito máis ca unha fase; é o eixe vertebrador sobre o que se sosteñen tanto o presente coma o futuro da granxa”, lembrando que coidar a recría é “coidar a orixe de todo”.
Produción, robotización e xestión
A exposición de Jordan T. Matthews, o primeiro gandeiro estadounidense que participou —de maneira telemática— nas Xornadas de Seragro, xirou arredor da filosofía, as operacións e os resultados de Rosy-Lane Holsteins LLC (Wisconsin, EE. UU.), granxa leiteira da que é socio e cuxo funcionamento se basea no lema “Grandes persoas, grandes vacas, grandes resultados”.
En canto ás “grandes persoas”, consideran fundamental para o éxito a formación efectiva e o plan de carreira do seu persoal.
Respecto ás “grandes vacas”, Matthews enumerou algunhas cifras clave: moxen 1.600 vacas en dúas localizacións, teñen unha produción media de 48,08 kg de leite corrixido por enerxía por vaca e manteñen unha taxa de xestación superior ao 40 %. Así mesmo, salientou as tres prioridades na súa estratexia de cría, adaptada ao mercado queixeiro de Wisconsin: os compoñentes (graxa e proteína), a fertilidade e a lonxevidade.
O socio de Rosy-Lane finalizou lembrando a síntese da súa perspectiva empresarial, coa que acadan “os grandes resultados”: a procura constante de rendibilidade permite o reinvestimento en equipamento, tecnoloxía e sostibilidade.
Tendo en conta que a reprodución é un dos soportes fundamentais na rendibilidade dunha explotación leiteira, Sonia Rodríguez, do Servizo de Reprodución de Seragro SCG, dedicou a súa intervención á análise dos principais factores que se deben ter en conta na inseminación, coma o balance enerxético negativo, o pico de lactación, o momento de inseminación e os métodos principais de traballo.
Segundo Rodríguez, o obxectivo fundamental é “atopar un equilibrio entre inseminar o suficientemente pronto para manter intervalos entre partos, pero cando a vaca estea preparada”.
“Son os robots o mellor investimento para o muxido?”. Analizando datos canadenses, o estudo realizado por Lactanet (Canadá) e presentado pola investigadora Liliana Fadul confrontou os tres sistemas de muxido máis comúns para avaliar o seu impacto real na produción e na persistencia das vacas.
Os resultados expostos indicaron que o aumento de produción atribuído aos robots pode deberse máis ao confort das vacas e ao cambio á estabulación libre que á tecnoloxía en si mesma. A conclusión foi clara: o benestar animal e a frecuencia de muxido son tan cruciais como a tecnoloxía para garantir a rendibilidade.
Miguel Iglesias, xefe de Produto de Vacún de Leite de De Heus, abordou a xestión eficiente da alimentación en explotacións con sistemas de muxido robotizado. Segundo explicou, a implantación de robots esixe un enfoque de nutrición de precisión e unha estratexia alimentaria deseñada especificamente para fomentar o muxido voluntario, elemento fundamental na eficiencia destes sistemas. Baseou a devandita estratexia en tres piares esenciais: o deseño da ración parcialmente mesturada (PMR), a nutrición de precisión e o propio muxido voluntario. Neste sentido, subliñou que a saúde do animal, o correcto deseño da PMR e os accesos eran factores inseparables para maximizar a liberdade da vaca e, consecuentemente, a súa produción.
Iglesias concluíu que o éxito do muxido robotizado se sustenta nunha xestión integral, onde o deseño meticuloso da PMR e o seguimento constante se unan a unha nutrición de precisión. Ademais, insistiu en que o control exhaustivo dos datos e a saúde do animal son aspectos cruciais para un sistema sostible e eficiente.
Marco lexislativo e saúde podal
As avogadas María Jesús Asorey e Noa García, de AUSUM Avogados, abriron a xornada do venres co relatorio “O marco laboral no sector agrario e gandeiro: da norma á práctica”, no que repasaron o cumprimento da normativa laboral, a cal, segundo as súas propias palabras, “non é só unha obriga legal, senón un mecanismo de protección fundamental para os empresarios e traballadores do campo galego”.
Explicaron polo miúdo as principais directrices legais e as graves consecuencias do seu incumprimento: obrigas críticas e sancións, así como a xestión práctica do día a día. Tamén mencionaron diversos aspectos de interese actual, entre eles a nova norma de 2025 sobre “xubilación activa”, que permite compatibilizar o cobro da pensión co traballo na gandería, coa posibilidade de acadar o 100 % da pensión tras cinco anos de continuidade laboral.
As integrantes de AUSUM Avogados finalizaron lembrando que o obxectivo da xestión laboral é establecer un marco de seguridade e continuidade: “Cumprir o esencial é protexer o negocio e garantir o futuro estable da granxa”.
Víctor Novo, xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, enunciou as claves do novo Caderno electrónico de explotación (CUE), unha ferramenta central que unificaba a información para garantir a trazabilidade e o cumprimento dos ambiciosos obxectivos medioambientais esixidos polas novas normativas impulsadas polo Pacto Verde Europeo e a Política Agraria Común (PAC) 2023-2027.
Así mesmo, analizou como a lexislación recente non só esixe unha redución no uso de fertilizantes e fitosanitarios, senón que tamén impón obrigas sectoriais estritas na xestión de xurros e na mitigación de emisións en granxas bovinas. Explicou as novas normativas —desde o Plan de Fertilización obrigatorio ata as técnicas de redución de amoníaco— e destacou a importancia de adaptar a xestión das explotacións ás esixencias da nova era dixital e ambiental.
Javier Fernández, do Servizo de Podoloxía de Seragro SCG, reflexionou sobre cal é a mellor estratexia para o recorte preventivo de pezuños en vacún de leite. O estudo presentado, realizado a partir dos datos recompilados en seis granxas (tres con cada método) durante dous anos, comparou dous métodos de recorte preventivo: o de revisión (recorte funcional de todas as vacas adultas cada seis meses) e o de lotes (recorte mensual só nas vacas secas, é dicir, recorte ao secado).
Seguindo a liña da saúde podal, o informe de Arturo Gómez, director global de Investigación e Desenvolvemento de Zinpro Corporation, partiu dunha “afirmación atrevida”: a coxeira é unha enfermidade que se orixina no período de transición. Segundo explicou, o problema reside en que o estrés (calor, parto, enfermidades…) e a dor consomen a enerxía da vaca, a cal, ao estar xa limitada, non pode dedicar recursos a rexenerar ou reparar o casco.
Tras examinar a situación actual en termos de prevalencia da coxeira en diferentes países, enumerou as razóns que apoiaban a idea de considerala unha enfermidade de transición. Coa premisa “Política cero coxeiras preparto”, expuxo as que, ao seu xuízo, deben ser as ferramentas de manexo máis eficaces: xestión, confort, nutrición e podoloxía durante este período crítico. Deu prioridade ao confort e ao espazo no grupo de transición, ao control do estrés por calor en vacas secas, á redución da inflamación mediante o manexo nutricional e á realización dun recorte conservador ao secado, asegurando a curación das lesións antes do parto.
A continuación, enumerou os resultados obtidos tras a súa avaliación: as granxas que realizan a revisión cada seis meses teñen un 12,45 % menos de patoloxías (26,80 %) que aquelas que recortaban por lotes de secas (39,25 %).
Segundo recolleu a súa investigación, o principal problema do método por lotes é que as vacas con máis de 300 días en leite adoitan non pasar polo poldro en doce meses, o que deriva en recortes máis agresivos, coxeiras máis severas e unha maior cronificación das lesións. Polo tanto, a súa experiencia confirmou que as revisións semestrais permiten manter a saúde podal máis controlada e que as patoloxías sexan máis leves.
Xestión de forraxes e uso de intelixencia artificial
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Bueno, analizou a crecente adopción de tecnoloxía e robótica no sector gandeiro como resposta aos cambios estruturais e demográficos. Iniciou a súa intervención facendo referencia á evolución do modelo de explotacións en Europa e en Galicia, que descende en número, pero aumenta en tamaño e eficiencia produtiva.
Así mesmo, sinalou coma un dos principais problemas do sector o envellecemento e a despoboación das áreas rurais, o que dificulta a remuda xeracional, e citou un dato revelador: a idade media dos titulares en Galicia é de 63,6 anos. Neste contexto, Bueno fixo fincapé no crecemento da demanda de tecnoloxías destinadas a automatizar tarefas e xestionar máis animais con menos man de obra. En canto a esta evolución tecnolóxica, apuntou que o sector do vacún de leite é o máis avanzado na adopción de robótica, con máis de 600 robots de muxido en Galicia en 2025.
No que respecta á parte agrícola, puxo como exemplos de tecnoloxía de agricultura de precisión os proxectos Millo Preciso e Purinpreciso, que permiten aforrar custos e reducir o impacto ambiental.
O enxeñeiro concluíu a súa charla cunha advertencia: malia a importancia da tecnoloxía, a “intelixencia natural” e a formación seguen sendo esenciais. “A formación en novas tecnoloxías debe ir en paralelo ao dominio do funcionamento básico dos equipos”, afirmou.
Durante a tarde do venres tamén houbo espazo para dúas experiencias gandeiras, neste caso centradas na xestión das forraxes con e sen maquinaria propia.
Carlos Liste, socio de Ganadería Liste SL, de Trazo (A Coruña), describiu a evolución, a situación actual e a estratexia de xestión integral das forraxes da súa explotación, destacando o uso de maquinaria propia. Liste realizou un percorrido cronolóxico desde os inicios da granxa en 1984 ata a actualidade, e lembrou algúns fitos importantes como a constitución da sociedade (2006), as grandes ampliacións de instalacións (2010 e 2020) e o seu avance tecnolóxico (o robot empurrador, as ampliacións na sala de muxido ou os colares electrónicos).
A continuación, mostrou un resumo dos principais datos do seu negocio para centrarse despois no eixe central da granxa: a xestión das forraxes. Explicou que a produción forraxeira con maquinaria propia lles proporciona un control total do traballo. Segundo indicou, en 2023 observouse unha mellora xeral na calidade e produtividade das forraxes, e adiantou unha previsión significativa para ese ano: unha produción total de 7.200 toneladas de silo de millo (59.000 kg/ha de rendemento medio) en 122 hectáreas.
Pola súa parte, Juan Carlos Lodos, socio de SAT Lodos e Pérez, da Pastoriza (Lugo), deu a coñecer na súa intervención a súa granxa familiar dedicada ao vacún de leite, que contaba entón con 282 animais, dos cales 170 eran vacas en produción. Tal como recalcou, o trazo diferenciador do seu negocio é o feito de subcontratar todos os traballos de labranza e de forraxe, producindo sen maquinaria propia.
Despois, puxo o foco no tratamento da recría e finalizou cunha panorámica dos datos reprodutivos, a alimentación, os terreos e as labores agrícolas, concluíndo cunha aclaración: “Todos os traballos de laboreo, forraxe e preparación das racións contratámolos a empresas externas, que están a funcionar perfectamente”.
A conferencia de clausura correu a cargo de Pol Llonch, experto independente na Plataforma de Benestar Animal da Comisión Europea, quen sinalou que a crecente concentración da produción en grandes explotacións de vacún de leite fixo que o manexo e a vixilancia dos animais, tradicionalmente baseados na observación humana, resulten insuficientes e subxectivos. Neste contexto, Llonch centrou a súa intervención en como a gandería de precisión irrompeu coa implantación de sensores —robots de muxido, colares ou bolos ruminais— que xeran un enorme volume de datos continuos e obxectivos sobre o comportamento, a saúde e a produción de cada vaca.
Lembrou que, para converter esa gran cantidade de información en coñecemento útil, a intelixencia artificial (IA) e os seus algoritmos de aprendizaxe son hoxe en día ferramentas esenciais, xa que permiten procesar e integrar millóns de rexistros para xerar modelos preditivos capaces de detectar problemas —como mastite ou acidose— con varios días de antelación, moito antes de que aparezan os síntomas clínicos.
Na súa disertación analizou tamén a capacidade preditiva e prescritiva da IA, que inclúe a posibilidade de anticipar a capacidade produtiva e a resiliencia das xovencas. Concluíu cunha recompilación das oportunidades e limitacións destas ferramentas, advertindo que, aínda que optimizan a eficiencia e o benestar animal, isto non exime do coñecemento práctico nin do papel esencial do gandeiro.
