Por que son fundamentais a nutrición de precisión e o muxido voluntario en ganderías con robots?
Quixen falar concretamente da nutrición de precisión porque permite manexar a granxa doutro xeito, cubrir requirimentos a custo e acadar obxectivos que en ganderías con sala non se podían (potenciar picos de produción, persistencias, aditivar vacas concretas ou facer lotes específicos), xa que con configuracións de robot e táboas de alimentación se pode conseguir. Tamén permite controlar a eficiencia alimentaria e o ISCA individual: darlles máis ás que o merecen e menos ás que non tanto. Respecto do muxido voluntario, é controvertido, pero independentemente do sistema, o que se busca é que a vaca teña a liberdade de muxirse soa, que o gandeiro non teña que ir buscala constantemente, e mediante manexos da alimentación pódese optimizar que as vacas vaian voluntariamente. Pequenos trucos de acceso, utilización de forraxes e dixestibilidade axudan a maximizar o muxido.
Que factores se deben considerar ao deseñar a ración parcialmente mesturada?
Trucos moi sinxelos: carros picados e lixeiramente húmidos, densidade enerxética e proteína coordinadas co penso do robot, tamaño de partícula axeitado, evitar sorting e deseñar a ración con 6-8 litros menos do obxectivo da granxa. Tamén son moi importantes o manexo das sobras e o contido de fibra. Manter a fibra efectiva ou indegradable é clave para o sistema.
Que características debe ter o penso do robot?
O primordial é que estea ben granulado, con alta durabilidade e palatabilidade, adaptado ao que se faga no carro e aos rendementos que se busquen. Debe ser apetecible, sen finos, ben granulado, limitando materias primas non palatables como certas graxas ou cinzas. As cinzas que non se vehiculen no robot aprovéitanse no carro.
Que datos son imprescindibles para aplicar nutrición de precisión?
Hai que ter un enfoque holístico: ademais dos datos, hai que entrar no patio e ver feces, movemento, ruminación, enchido ruminal, descanso e inxestión. Logo comprobaranse os datos do robot: consumo de penso, penso non dispensado, número de muxidos, fluxo, mamites...
Como inflúe a fibra indixerible na inxestión, produción e frecuencia?
O manexo da fibra é clave. Un exceso afecta á dixestibilidade das forraxes, variable segundo estacións, climatoloxía, procesado e colleita. Forraxes dixestibles fomentan o muxido voluntario e o rendemento; forraxes indixeribles reducen a produción e enlentecen as vacas. Aínda así, débese manter un mínimo non degradable para a saúde ruminal.
Como inflúe a saúde no muxido voluntario e como xestionala?
Vacas coxas ou con problemas en transición (hipocalcemia, cetose, alteracións do patrón alimentario, desprazamentos de abomaso…) irán peor ao robot, expresarán peor o seu potencial leiteiro e terán peores picos. As acidoses son frecuentes; ocorren se non se controlan as sobras, a inxestión real de fibra ou se se empurran as vacas ao robot, garantindo que coman penso, pero non fibra suficiente. Estes erros producen vacas brandas ou con problemas a curto e medio prazo.
Como se optimizan os datos para eficiencia e benestar?
Poñer un robot implica un cambio de relixión: estabas afeito a un TMR e agora tes un volume enorme de datos. Non abonda con mirar o dashboard inicial; detrás hai dispersión e tendencias que poden anticipar problemas. Hai que sentarse, analizar datos, fixarse en KPI como saúde, picos de produción, arranque de vacas e xovencas, e avaliar se certos animais non acadan os obxectivos que esperamos.
Existen trucos para técnicos e gandeiros?
Si. Moitos son simples e requiren observación. Os datos son importantes, pero hai que correlacionalos co que se ve: vacas perdendo condición corporal, por exemplo. Erros comúns inclúen non comprobar as sobras e a fibra inxerida. Outras prácticas: axustar velocidades de dispensación e descenso de táboas, accesos ao muxido, flexibilizar muxidos ao inicio da lactación, baixar requirimentos de leite nos primeiros 30-40 días e, noutras fases, esixir leite mínimo para evitar ubres fláccidos e asegurar muxidos viables.