JAVIER BUENO LEMA, PROFESOR TITULAR DA ESCOLA POLITÉCNICA SUPERIOR DE ENXEÑARÍA DA USC

“As máquinas, o software ou a intelixencia artificial non o van facer todo soas”

Javier Bueno, profesor da EPS de Enxeñaría da USC, analizou nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro o profundo cambio vivido polo sector lácteo en Galicia e en Europa: menos granxas, de maior tamaño e con máis produción, pero tamén máis presión por falta de man de obra e despoboamento rural. Nesta entrevista explica por que a automatización, co robot de muxido como emblema, a formación e a intelixencia artificial serán claves para a competitividade e a remuda xeracional. Máis en Vaca Pinta 56.

 

Como evolucionou a situación das explotacións agrarias de Galicia, España e Europa nos últimos anos?

Cando comecei a traballar na Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo, hai 34 anos, había 75.000 explotacións de vacún de leite. Este ano imos rematar con arredor de 5.000. Iso xa indica como variou a situación. É unha cuestión xeneralizada en toda a Unión Europea: redúcese o número de explotacións, increméntase o seu tamaño e tende á baixa o número de habitantes do medio rural. Isto estase acelerando, é un proceso que vai a máis, polo que a evolución das tecnoloxías xa non é unha opción, senón unha necesidade para garantir a viabilidade das explotacións e a remuda xeracional, dado que a mocidade xa non está disposta a facer determinado tipo de traballos.

Ese gran descenso do número de explotacións é innegable, pero as que permanecen son máis grandes, produtivas e avanzadas?

En efecto. Non é que sexa necesariamente negativo, simplemente cambiou a forma de producir porque tamén cambiou a distribución da poboación de maneira radical.

Non quere dicir que agora produzamos menos, senón todo o contrario: producimos máis, producimos mellor e temos mellores calidades. Temos uns alimentos a uns prezos moi accesibles na Unión Europea e coa maior seguridade alimentaria do mundo. Pero isto ten que facerse dun xeito distinto. Xa non se pode basear na man de obra porque non a temos. As explotacións teñen que tomar outro tipo de decisións e adoptar outros tipos de tecnoloxías para garantir a súa supervivencia e a súa competitividade nun escenario diferente.

Como evolucionou a tecnoloxía no sector agrogandeiro?

Neste momento, o sector que está a liderar a introdución de novas tecnoloxías é o do vacún de leite. O robot de muxido foi un dos grandes éxitos en canto á automatización e á introdución dunha máquina que substitúe un traballo rutineiro e ríxido. Xa temos máis de 700 unidades implantadas en Galicia e cada vez se están a vender máis. En Francia contamos con 18.000 unidades en funcionamento. É algo imparable e consecuencia, como dicía, dunha maior dificultade para atopar persoal, sobre todo para estes traballos que son menos atractivos, como unha rutina de muxido, que se debe facer dúas ou tres veces ao día durante os 365 días do ano.

De que maneira a tecnoloxía pode atraer mozos ou persoas sen vínculo previo co mundo rural?

Todo o que permita substituír esforzo físico por xestión dixital da información e un traballo máis flexible vai atraer máis calquera perfil de traballador. As xornadas partidas están en extinción; agora imos a xornadas continuas para permitir a conciliación. Se unha tecnoloxía me permite facelo dun xeito máis flexible, vai facilitar as cousas. Eu traballo con xente de entre 20 e 23 anos, e o que miran é para o móbil en vez de para o profesor; entón, todo o que lles poidamos poñer nunha pantalla de móbil vai ser máis atractivo ca un traballo manual. Iso non quere dicir que poidamos substituír todo tipo de traballo manual. As máquinas, o software ou a intelixencia artificial non o van facer todo soas. Sempre se requirirá supervisión humana.

Que nivel de presenza terá a intelixencia artificial nas explotacións nos próximos anos?

Está a aumentar a súa presenza porque as explotacións son cada vez máis grandes e máis automatizadas. Estas máquinas xeran un volume maior de información e precisamos axuda de programas informáticos. Para o apoio na toma de decisións, a intelixencia artificial é unha gran ferramenta, sempre supervisada. Hai que introducir o sentido común de quen coñece o sistema produtivo.

Que papel xoga a formación neste proceso?

É un tema fundamental. Precísase formación para o seu manexo e para a súa interpretación. Sería ideal un traballo en rede entre centros de formación profesional, universidades, asociacións profesionais e empresas. Seragro é un bo exemplo de transferencia constante de tecnoloxía e de coñecemento ao sector. Todos os anos xorden temas novos e a competencia é máis global, polo que a información e a formación cada vez son máis necesarias.

Que iniciativas desenvolvedes en Biomodem?

Puxemos en marcha tres proxectos de innovación tecnolóxica con grupos operativos financiados con fondos FEDER. Traballamos en agricultura de precisión para o cultivo do millo forraxeiro e na xestión do xurro, analizando os nutrientes e tomando decisións en base a esa información desde un punto de vista económico e ambiental. É unha actividade que se debería promover máis, ese contacto do sector coa universidade pública, porque permite transferirlle coñecementos ao sector e tamén decatarnos da realidade do campo.