Comezaches a charla falando de que a coxeira debe considerarse unha enfermidade da transición. Cal é a razón?
A proposta de comezar a pensar na coxeira como unha enfermidade de transición xurdiu pola realidade do campo. Estamos vendo que a maioría dos casos clínicos ocorren ao inicio da lactación e, antes desta proposta de mecanismo sobre como se producen as coxeiras, non podiamos xustificalo co patrón anterior, baseado, sobre todo, nunha acumulación traumática. Ademais, hai unha grande evolución en como as vacas utilizan a enerxía durante toda a lactación e hai moitas limitacións para a achega adecuada de nutrientes, especificamente durante a transición. Cando xuntamos ambas as cousas, vemos que, a partir dunha fonte inflamatoria de calquera orixe, poden deteriorarse estruturas que logo dean lugar a coxeiras.
Que implicacións ten isto para a asignación de recursos nunha granxa?
As implicacións no campo son grandes, porque antes distribuíamos o traballo sobre a coxeira, preventivo ou curativo, a metade ou ao final da lactación. Agora que sabemos que a influencia é maior durante a transición, sobre todo na orixe, temos que concentrar os recursos nese período, xa sexa persoal para o recorte ou investimento en instalacións para diminuír ao máximo esa inflamación que logo nos vai provocar a coxeira.
Por que a incidencia de problemas podais segue a ser tan elevada?
Temos case tanta coxeira como hai dez anos. Hai varios motivos. Un é que aumentamos o nivel produtivo e a produción de leite está asociada a un aumento de coxeiras: se as vacas camiñan máis, están máis en risco porque o seu metabolismo é máis elevado. Non é o mesmo producir 50 litros que 30. Por outra banda, temos o cambio climático. As condicións produtivas para as vacas de hoxe xa non son as mesmas e as granxas aínda teñen que adaptarse, especialmente polo estrés por calor.
Ademais, hai cambios xenéticos nos animais, que determinan maior produción leiteira, pero tamén están asociados a máis coxeiras. Todos estes cambios obrígannos a modificar un pouco o paradigma de como facemos as cousas.
Dis que as coxeiras ao inicio da lactación teñen un maior impacto económico. A que se debe?
Hai moitos estudos —determinísticos, estocásticos…— tentando avalialo, porque é difícil facelo en termos económicos. Ás veces nin sequera se identifica: a coxeira provoca menor produción e véndense vacas por baixa produción cando, en realidade, o motivo era a coxeira. En ocasións véndense por problemas reprodutivos e, en realidade, a vaca non queda preñada porque está coxa.
Todos os estudos coinciden nunha cousa: ao inicio da lactación, a vaca pasou polo período seco, tivo un parto e ten toda a lactación por diante. O impacto dunha intervención sobre o nivel produtivo, cando está aumentando, é moito maior que despois, na cola da lactación. Se hai un momento especialmente caro en produción leiteira, é ao inicio da lactación. E outro motivo grande é que as vacas coxas ás veces morren ou hai que vendelas e, se iso ocorre ao inicio da lactación, é moi custoso.
Falabas do estrés por calor como un dos factores que afectan particularmente ao problema das coxeiras. Que grupo de animais é o máis vulnerable e que recomendacións se poden facer?
Tradicionalmente pensábase que o estrés por calor impactaba directamente na produción de leite, algo visible ao día seguinte no tanque. Pero xa hai traballos que avalían o impacto do estrés por calor cando afecta ao grupo de vacas secas. Ao principio sabíase que había unha transferencia do efecto sobre a produción cando non se refrixeraban as vacas de preparto. Agora sabemos que todo o período seco probablemente ten case a mesma importancia na produción leiteira subseguinte que o que fagamos coas vacas en lactación.
Ese período seco é moi importante e, ademais, as instalacións non adoitan estar adecuadas para as vacas secas cando si o están para as de lactación, así que, se hai un grupo delicado, é o de preparto e o de posparto e, por extensión, todo o período seco.
Nunha estratexia contra o estrés por calor, a sala de espera é o lugar máis eficiente para arrefriar unha vaca ou evitar que se quente, porque están todas xuntas e é moi rendible instalar sistemas alí. A segunda estratexia é instalar sistemas adecuados para vacas antes do parto e no primeiro mes despois de parir.
Que significa a política de cero coxeiras preparto e por que se considera un obxectivo alcanzable dentro do manexo da transición?
Todas as granxas van ter coxeiras; non coñezo ningunha que non as teña. Obviamente, todo o mundo quere ter poucas e, durante anos, fixéronse moitos esforzos para reducilas traballando coas vacas en lactación. Como agora estamos vendo que o impacto se orixina no período de transición, sabemos que non podemos baixar a cero as coxeiras de toda a granxa; iso é imposible, pero si podemos facelo no lote de preparto.
Podemos enfocar moitos recursos nesas vacas secas, que adoitan ser poucas, unha porcentaxe limitada do rabaño. Sabemos onde están, podemos controlalas, non van á sala de muxido… así que xa eliminamos moitos riscos. A política cero significa non permitir ningunha vaca coxa antes do parto, o que nos vai dar moito rendemento despois.
Os produtores teñen medo de facelo porque pensan que están desatendendo as vacas en lactación, cando en realidade, cunha política cero no preparto, non van ter coxas na lactación. É difícil convencelos, pero cando o fan ven resultados moi rápido.
Cales son as regras de ouro do manexo da transición e por que son determinantes para previr?
Este é un tema importante; poderiamos facer unha presentación enteira ao respecto. Desde o ano 2007, máis ou menos, estudouse con intensidade cales eran os factores que realmente influían en ter unha transición adecuada. É independente da calidade da granxa: unha granxa con malos resultados produtivos pode ter unha boa transición e unha con bos resultados pode ter unha transición mala; polo tanto, pódese illar o traballo.
Hai cinco cousas fundamentais neste período. A primeira é proporcionar o espazo de comedeiro adecuado: os americanos falan duns 75 centímetros de espazo lineal para calquera vaca aloxada no lote de preparto ou posparto.
O segundo factor, que dependendo do tipo de explotación pode dividirse incluso en dous, é a anchura e a base do cubículo. O máis importante é a base: se é confortable, o resto do cubículo inflúe só un 50 %, aínda que, obviamente, hai que intentar facelo todo ben.
O terceiro punto son os movementos sociais. As vacas son animais de rabaño, gústalles moverse xuntas e teñen xerarquías. Movementos frecuentes dun lote a outro, máis de cada dous ou tres días, non permiten o reaxuste social: están sempre cun nivel de estrés elevado pola entrada continua de animais novos que deben coñecer e cos que deben axustarse.
Relacionado con isto, as vacas entre o día 2 e 10 antes do parto son moi sensibles ao aumento de estrés. Por iso, os movementos deberían facerse ou ben antes de 10 días antes do parto, ou xusto despois de parir. Hai moitas estratexias hoxe nas granxas para adaptarse a este tipo de movementos.
E o último: non se poden ter coxeiras. A coxeira é un dos factores primordiais de cambio de comportamento. Non é só que teñan dor ou lesións que consomen recursos para a curación, senón que tampouco van ao comedeiro e iso cambia totalmente o seu comportamento. De aí a política cero antes do parto.
De que xeito poden os nutrólogos contribuír á prevención de coxeiras mediante a formulación de racións ou o control da inflamación subclínica?
Os nutrólogos xa coñecen moitas estratexias para alimentar vacas en transición. As estratexias para previr hipocalcemia subclínica, por exemplo, permiten formular dietas cun balance catión-anión adecuado e axustar o calcio. Tamén poden reservar alimentos de maior dixestibilidade para ese período no que as vacas están comezando a entrar nunha dieta nova.
Pero a estratexia máis probada é a utilización de minerais, especificamente cinc, cobre, manganeso e cobalto, para a prevención de coxeiras. Coas fontes que utilizamos, o que facemos é diminuír a inflamación subclínica no lote de preparto, o que evita un recambio demasiado intenso das estruturas do casco. Así aforramos enerxía para a produción de leite e preservamos a calidade das estruturas dentro do pé. A estratexia con minerais traza é unha das que levamos probando desde hai uns cincuenta anos.
Cales son os principios básicos do recorte funcional ao secado e por que é esencial unha revisión posterior?
De novo, volvemos á idea de que as vacas durante a transición son as que teñen o risco de recibir todo o impacto, tanto mecánico como inflamatorio. O traballo feito cos podólogos en España e no resto do mundo durante moitos anos foi entender ben cal é a abordaxe ao recortar un pé e cales son os puntos que non se deben saltar. Non vale todo.
Se o tivese que resumir moi rápido, diría que hai que preservar o talón da medial ou o talón da lateral nas patas dianteiras e facer un bo acanalado axial que permita previr úlceras de sola. Iso, xunto cun balance adecuado dos dous dedos e preservando o grosor da sola, case sempre permite arranxar unha vaca adecuadamente. Non fai falta facer máis; o problema é que normalmente facemos demasiado.
Por que revisar vacas durante o secado? Porque algunhas chegan con lesións e sabemos que a transición é crucial para que cheguen sas. Se se arranxa unha vaca cun problema clínico, en dúas semanas deberíase revisar. O obxectivo é que no lote de preparto non exista ningunha lesión activa. Cando conseguimos iso, comezamos a lactación sen risco de lesións novas, e iso é o que nos vai dar a tracción produtiva despois.
A pesar da incidencia alta de problemas, os podólogos están cada vez máis profesionalizados. Non é certo?
Definitivamente. Contar cun bo podólogo é unha das partes máis importantes dun programa de prevención de coxeiras. E, se lle damos a volta, un podólogo malo pode arruinar unha granxa.
A esixencia agora é maior. De feito, xa non son só podólogos, son especialistas en saúde podal. Poden axudar a adecuar outras partes do manexo, a frecuencia e aplicación dos baños, a organización xeral e tamén axudar ao gandeiro a decidir, segundo as condicións da granxa, cando é o mellor momento para recortar. Todas esas decisións poden tomalas xunto co podólogo, que, como digo, cada vez son mellores.
Pero aínda queda traballo de unificación e iso é o que están facendo moitas asociacións: intentar que todos os podólogos teñan unha base mínima de coñecemento para recortar adecuadamente. A partir de aí pódense montar programas máis precisos, coma o arranxo de xovencas antes do parto —que, se o podólogo non é bo, é mellor non tocalas— e o arranxo de casos clínicos.
Hai que lembrar que os podólogos non sempre teñen unha formación específica: moitos si son veterinarios, pero os que chegan novos necesitan adquirir coñecemento anatómico e de resolución de lesións para entender ata onde poden chegar nun recorte; se non, normalmente, quedan curtos porque teñen medo de avanzar demasiado.