CON LUPA | Coñecemos a postura de Castela e León ante a nova PAC

Jesús Julio Carnero:“O financiamento da nova PAC en 2021 e 2022 ten menos diñeiro en relación á vixente, mal empezamos”

Iniciado xa en xaneiro o período transitorio entre a Política Agraria Común actual e a futura PAC 2021-2027, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación negocia cos gobernos das comunidades autónomas as liñas que rexerán a súa aplicación a partir de 2023. Coñecer a postura de cada autonomía en todo este proceso é o obxectivo da serie de entrevistas que publicamos no número 22 de revista Vaca Pinta aos conselleiros do ámbito en seis rexións de España, entre as cales suman o 80 % da produción láctea do país: Galicia, Castela e León, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco.

---- Le o especial completo nesta ligazón----

Compartimos hoxe a entrevista a Jesús Julio Carnero, conselleiro de Agricultura, Gandería e Desenvolvemento Rural da Xunta de Castela e León, realizada antes de coñecer o seu positivo por COVID-19. Sabemos que segue hospitalizado pola enfermidade e aproveitamos para desexarlle unha pronta recuperación.

Cales son os pasos máis inmediatos que contan dar neste período transitorio cara á nova PAC?

Por unha banda teremos que xestionar as axudas actuais con eficacia e á vez  levar a cabo os traballos de concreción do Plan Estratéxico da nova PAC que se aplicará a partir de 2023. Por iso, os traballos a desenvolver nos próximos meses serán  decisivos de cara ao futuro e, neste sentido, tamén quero destacar que é necesario afrontar que intervencións se van efectuar cos fondos adicionais do instrumento do novo  fondo de recuperación e resiliencia, tanto na dotación xeral como na específica para Feader, que é necesario incorporar ao orzamento dos actuais Programas de  Desenvolvemento Rural. Recentemente aprobouse o real decreto de transición para os anos 2021 e 2022 e quero resaltar dous aspectos significativos: un, a falta de converxencia progresiva en todo o período no que se podía materializar –ata 2026–, dado que o Goberno de España optou por unha converxencia brusca nos anos 2021 e  2022. Ao meu xuízo, a nova PAC é suficientemente nova e rupturista por si mesma, polo que optar pola prudencia e a aterraxe suave dos diferentes criterios sería a mellor  opción de éxito na súa implantación; dous, no real decreto atopámonos con algo que non queriamos e que xa sospeitaramos: o financiamento da nova PAC ten menos diñeiro en relación á vixente, case un 2 % en 2021 e un 2 % en 2022 para todos os agricultores e gandeiros  españois, iso xa no período transitorio, mal empezamos.

 

Este ano o Ministerio e as CC. AA. deberán asentar as bases do Plan Estratéxico da PAC no que todas as  administracións valoren os intereses de cada territorio e se poida chegar a un grande acordo. Cales serán os piares que defenderá para o sector lácteo de Castela e León?

O  Plan Estratéxico da PAC será o documento de gobernanza da nova PAC no período inicial 2023-2027. No devandito documento integraranse tanto as intervencións do  primeiro piar (axudas directas), como as de desenvolvemento rural. O sector lácteo é un sector que se caracteriza por ser un modelo de produción intensivo, moi profesional
e cunha forte presenza de explotacións de tipo asociativo. Con estas características, defenderemos sen dúbida que sexa considerado dentro das axudas asociadas como na  actualidade e que se teñan en conta as particularidades do modelo asociativo á hora de definir o tamaño de explotación, tanto para esta axuda como para a aplicación do  límite máximo da axuda básica (capping). Así mesmo, incluiremos intervencións no ámbito de desenvolvemento rural vinculadas á eficiencia enerxética e á modernización  de explotacións.


“Defenderemos que se teñan en conta as particularidades do modelo asociativo do sector lácteo á hora de definir o tamaño da explotación”

Fálase dunha PAC máis “verde”, de ecoesquemas... En que consistirá esta nova liña de financiamento?

Os ecoesquemas quizais sexan a intervención máis  innovadora incluída na proposta de regulamento da futura PAC, que establece que os Estados membros deben establecer obrigatoriamente unha lista de ecoesquemas nos seus plans estratéxicos. Con todo, é un réxime voluntario, é dicir, os agricultores e gandeiros terán a posibilidade de elixir  se se comprometen a cumprir as prácticas agrícolas e gandeiras beneficiosas para o clima e o medio ambiente que esixe un ecoesquema concreto e como contrapartida  recibirán unha axuda anual. En definitiva, son intervencións para contribuír a alcanzar os obxectivos específicos de carácter ambiental recollidos na proposta de regulamento e que teñen relación coa preservación dos recursos naturais, a biodiversidade e o cambio climático e, á fin e ao cabo, cos compromisos do Pacto Verde  Europeo.

 

Camiñar cara a sistemas máis sostibles de produción require ter dispoñibilidade de base territorial, temas que lle preocupan ao gandeiro para cumprir coas  esixencias da PAC. Que políticas están levando a cabo en Castela e León para darlle solución a esta problemática?

Desde reformas anteriores practicamente a totalidade das intervencións da PAC que se destinan ao sector agrario están baseadas nun modelo de pago por hectárea e iso, en  ocasións, presenta dificultades ao existir sectores gandeiros que non dispoñen ou teñen dificultades de atopar base territorial ou ao non corresponderse cun modelo  produtivo máis intensivo, como pode ser o caso do vacún de leite. En Castela e León, e en xeral en España, é unha das necesidades identificadas: facilitar o acceso á terra, especialmente aos mozos que se incorporan ou aos novos agricultores. Por iso, implementamos actuacións como a posta a disposición dos concellos das masas sobrantes de concentración para a súa adxudicación preferente a novos agricultores, o acceso ao crédito para adquisición de terras a través do Instrumento Financeiro e, de cara a un  futuro, cremos necesario incorporar no ámbito das intervencións territoriais unha medida de apoio á transmisión de explotacións por parte dos agricultores de idade  avanzada cara a novos agricultores que estean interesados en iniciar a actividade agraria ou ampliar a súa explotación.

 

Tamén está por precisar a definición de agricultor  xenuíno. Axudará esta figura a fomentar que a superficie agraria se dedique realmente á produción de alimentos e que esta actividade xere empregos e fixe poboación no  rural?
Se analizamos a evolución dos perceptores da PAC nos últimos anos, pódese observar que existe un descenso significativo do número de perceptores desde 2015 –con máis de 900.000 perceptores en España– ata 2020 –con preto de 650.000–, pero que esta redución non supuxo a diminución da superficie cultivada, o que quere dicir que é un  cambio que xa se vén producindo. Incorporar o concepto de agricultor activo é unha das razóns de que isto suceda. Agora, para a reforma post 2020, introdúcese o concepto de agricultor xenuíno, unha definición importante e de gran transcendencia. Identificamos esta figura con aqueles que realizan a actividade agraria real, na que se asumen  riscos de carácter empresarial. Por iso, consideramos que para a definición de agricultor xenuíno sería adecuado utilizar o criterio da ratio de ingresos agrarios respecto de  ingresos da totalidade das súas actividades económicas ao redor dun 25 %, como un criterio excluínte. Este concepto e outras cuestións débennos levar a un modelo de  futuro do sector que siga desempeñando o principal obxectivo da PAC, que é garantir a subministración de alimentos de forma sostible, contribuíndo a manter vivo o tecido
económico do medio rural.

 

A futura PAC incluirá requisitos de benestar animal. Pode adiantar como serán estas esixencias?
Unha das recomendacións da Comisión sobre o contido dos plans estratéxicos é incorporar medidas para seguir coa mellora do benestar animal mediante a promoción e o
apoio de mellores prácticas, coñecementos e investimentos. Son moitos os esforzos xa realizados polos gandeiros para mellorar as condicións de produción das explotacións. Na miña opinión, débese ver como un investimento que a curto, medio e longo prazo redunda nun beneficio para o produtor. Trátase, principalmente, de deseñar as explotacións de forma que se permita un mellor aproveitamento dos recursos, o que se traduce ao final nun incremento das producións, tanto en cantidade
como en calidade, en definitiva, un maior valor engadido.

 

Outro dos grandes bloques da PAC é a dixitalización. Como beneficiará esta parte especialmente os gandeiros de vacún de leite?
Temos que ser conscientes de que ao sector agrario se lle piden para a futura PAC esforzos adicionais para xirar cara a un modelo de produción máis sostible. En todo caso,
debemos ter en conta que é quizais o único sector económico, que aínda que é emisor de gases de efecto invernadoiro e doutros efectos ambientais, pode contribuír de  forma positiva á sostibilidade ambiental e á mitigación do cambio climático con técnicas adecuadas de produción sostible. Para conseguir estes obxectivos ambiciosos será necesario potenciar o coñecemento, a innovación e as novas tecnoloxías, incluída a necesidade de acceso a Internet de banda ancha rápida, a dixitalización e os servizos de  asesoramento e intercambio de datos. 

 

Tamén se fala do traspaso xeracional e dun enfoque de xénero. Como abordará estes dous aspectos a nova PAC?
Respecto á substitución xeracional, a Comisión Europea considera que debe converterse nunha prioridade do novo marco político e por iso propuxo, como un dos  obxectivos específicos para a nova PAC, atraer e apoiar os novos agricultores e facilitar o desenvolvemento empresarial nas zonas rurais. Compartimos este obxectivo. Só será posible desenvolver un sector agrícola próspero se se produce un auténtico traspaso xeracional. No que respecta ao enfoque de xénero, o Ministerio fai bandeira do logro, pero en principio simplemente  se engadiu no obxectivo específico 8: “Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o  desenvolvemento local nas zonas rurais, incluíndo a bioeconomía e a silvicultura sostible”. En todo caso, cremos que a Comisión deberá aclarar se a muller poderá recibir
axudas diferentes e superiores. Nós estamos a prol da discriminación positiva a favor da muller.


O pasado 1 de xaneiro iniciouse o prazo de solicitude das axudas para 2021. Neste período transitorio, como vai ter garantido o gandeiro o proceso de xestión e de
cobro? Pode haber algún tipo de cambio na cantidade das axudas?

Castela e León desenvolveu un sistema de xestión propio para a tramitación da solicitude única das axudas da Política Agraria Común, que inclúe todas as novidades para  facilitar a súa presentación e evitar erros ao confeccionala. Este sistema permitiulle á nosa comunidade estar á cabeza de execución dos pagos, efectuando todos os anos  pagos de anticipos nos prazos máis breves posibles, de forma que os agricultores reciben anualmente no mesmo ano da solicitude aproximadamente o 95 % do total das súas axudas. O programa está dispoñible no Portal PAC da Xunta de Castela e León.

 

Afectarán o brexit e a pandemia provocada pola COVID-19 na repartición de fondos europeos e poderase ver a PAC alterada?

Esperemos que non. O Goberno ten que poñer todos os esforzos niso, en convencer a Europa de que, aínda que o Reino Unido non siga irmandado co resto dos países, non  ten por que supoñer un risco para os nosos agricultores e gandeiros. Máis aló de todos os inconvenientes, a clave de todo isto é que se hai pouco non internacionalizabamos e empezamos a internacionalizar as nosas producións agroalimentarias, agora debemos abrir máis ese abano, é dicir, chegamos a unha serie de mercados, pero hai que   abarcar moitos máis, porque iso nos vai dar seguridade á hora de levar a cabo a nosa acción exterior.


SOBRE A XESTIÓN DE XURROS
“No caso de que percibamos que o sector xa está preparado non serían necesarias máis prórrogas””

A sostibilidade ambiental é un dos grandes retos que se marca a nova PAC e máis pronto que tarde a aplicación de xurros con sistemas de abano, prato ou canón quedará definitivamente prohibida para poder cobrar a prima verde da PAC. Que alegacións á norma se presentaron e cando contan que se aprobe definitivamente o decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios?
Desde a Xunta de Castela e León actualmente estanse valorando todas as posibilidades e en que situación se atopa o sector respecto da adquisición de maquinaria que poida afrontar as  esixencias do real decreto. No caso de que percibamos que o sector xa está preparado non serían necesarias máis prórrogas.