CON LUPA | Coñecemos a postura de Cantabria ante a nova PAC

Guillermo Blanco: "Non se poden manter os niveis de desigualdade entre beneficiarios, co 80 % dos fondos no 20 % das explotacións"

Iniciado xa en xaneiro o período transitorio entre a Política Agraria Común actual e a futura PAC 2021-2027, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación negocia cos gobernos das comunidades autónomas as liñas que rexerán a súa aplicación a partir de 2023. Coñecer a postura de cada autonomía en todo este proceso é o obxectivo da serie de entrevistas que publicamos no número 22 de revista Vaca Pinta aos conselleiros do ámbito en seis rexións de España, entre as cales suman o 80 % da produción láctea do país: Galicia, Castela e León, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco.

---- Le o especial completo nesta ligazón----

Esta foi a entrevista a Guillermo Blanco, conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria.

Cales son os pasos máis inmediatos que contan dar neste período transitorio cara á nova PAC?

Eu non o chamaría transición. A efectos prácticos os regulamentos comunitarios prorrogaron a PAC 2014-2020 dous anos máis con fondos do novo marco financeiro plurianual. Nestes momentos, un dos pasos máis importantes que debemos dar é o da modificación do noso PDR para adecualo, tanto financeiramente como en cuestión de cumprimento de fitos, indicadores e marco de rendemento, a esa prórroga de dous anos. Ao tempo, seguimos traballando en colaboración co Ministerio e co resto das comunidades autónomas para lograr que o Plan Estratéxico de España para a futura PAC atenda as necesidades de Cantabria e recolla as peculiaridades dos nosos sistemas produtivos, principalmente gandeiros, baseados en explotacións familiares e situados en zonas con limitacións naturais. Nese sentido, adoptamos unha posición conxunta co resto das autonomías da cornixa cantábrica.

 

Este ano o Ministerio e as CC. AA. deberán asentar as bases do Plan Estratéxico da PAC no que todas as administracións valoren os intereses de cada territorio e se poida chegar a un grande acordo. Cales serán os piares que defenderá para o sector lácteo cántabro?

Os piares que defendemos son os dos sistemas tradicionais, de explotacións familiares, que son as que asentan a poboación no territorio. Defendemos o agricultor xenuíno, entendendo como tal o que vive da agricultura ou da gandería. En consideración ao pequeno tamaño das nosas explotacións e a súa base familiar, defendemos límites máximos ás axudas de maior progresividade. Non pode ser que se sigan mantendo os mesmos niveis de desigualdade entre beneficiarios, co 80 % dos fondos acabando no 20 % das explotacións. A desigualdade, identificada como un dos grandes problemas do noso tempo, tamén afecta ao medio rural, e a PAC, como instrumento de estabilización das rendas agrarias, debe contribuír a palialo. Propomos que o pago redistributivo repercuta as explotacións familiares máis pequenas que axudan a fixar poboación no territorio, pero sempre que se trate de agricultores profesionais e que a distribución dese pago non se acoute ao territorio que libere eses fondos, senón que repercuta en todo o sistema. Por suposto defendemos que se sosteñan os pagos asociados e que se manteñan, polo menos, nos niveis da actual PAC, os pagos asociados á gandería, por suposto os asociados á vaca de leite.

 

Fálase dunha PAC máis “verde”, de ecoesquemas… En que consistirá esta nova liña de financiamento?

O Ministerio propúxonos unha carta de liñas de axuda de ecoesquemas coa que se trata de chegar a todos os produtores, é dicir, que todos teñan acceso polo menos a un ecoesquema. Trátase de pagos dirixidos a prácticas beneficiosas co medio ambiente que vaian máis aló das esixencias regulamentarias. Entre esa carta, a que quizais se podería adaptar mellor aos sistemas gandeiros sexa a do apoio á gandería extensiva. Con todo, nós, do mesmo xeito que o resto das comunidades da cornixa, atopamos desproporcionada a oferta dirixida aos agricultores fronte á dirixida aos gandeiros e, especialmente, botamos en falta un ecoesquema ao que puidesen acceder a maioría das explotacións de leite da cornixa cantábrica.


"Botamos en falta un ecoesquema ao que puidesen acceder a maioría das explotacións de leite da cornixa cantábrica"

Camiñar cara a sistemas máis sostibles de produción require ter dispoñibilidade de base territorial, temas que lle preocupan ao gandeiro para cumprir coas esixencias da PAC. Que políticas están a levar a cabo en Cantabria para darlle solución a esta problemática?

En Cantabria os pastos comunais supoñen unha importante porcentaxe de superficie dedicada á actividade agraria e o mantemento deses pastos é un obxectivo fundamental para a miña Consellería, que tratamos de alcanzar ben a través de medidas do noso programa de desenvolvemento rural ben con actuacións dirixidas desde a Dirección Xeral de Biodiversidade, Medio Ambiente e Cambio Climático, como a da aplicación de queimas prescritas.

 

Tamén está por precisar a definición de agricultor xenuíno. Axudará esta figura a fomentar que a superficie agraria se dedique realmente á produción de alimentos e que esta actividade xere empregos e fixar poboación no rural?

Estamos convencidos da preferencia que a nova PAC debe outorgar ao sector profesional, pola súa dependencia e maior exposición aos riscos (volatilidade dos mercados, riscos climáticos etc.). En Cantabria, entendemos que facilitar o traspaso xeracional, nun contexto de redución xeral do orzamento da PAC, debe conducir a centrar as axudas do primeiro piar nun agricultor xenuíno entendido só como agricultor profesional. Parécenos correcta a definición desa figura en base a unha porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os ingresos totais, aínda que como complemento consideramos necesario que tamén se inclúan no concepto as persoas afiliadas á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario, aínda que non alcancen aquela porcentaxe mínima de ingresos agrarios.

 

A futura PAC incluirá requisitos de benestar animal. Pode adiantar como serán estas esixencias?

En Cantabria entendémolas desde varios puntos de vista que permitirán deseñar diferentes estratexias. En primeiro lugar, as estratexias orientadas ao pastoreo e, en segundo lugar, as estratexias orientadas á calidade e hixiene na produción, que responderían as esixencias recollidas na estratexia da Granxa á Mesa e pasan pola diminución do uso de antimicrobianos.

 

Outro dos grandes bloques da PAC é a dixitalización. Como beneficiará esta parte especialmente os gandeiros de vacún de leite?

Para nós o fundamental é conseguir facer chegar a banda ancha a todos os recunchos de Cantabria, non só como apoio aos gandeiros da nosa rexión senón como ferramenta de loita contra o despoboamento. A dixitalización do sector só pode redundar na optimización dos procesos produtivos, na mellora da calidade de vida dos gandeiros e na obtención de mellores resultados económicos. Xa na actual PAC priorizamos os proxectos de investimento innovadores que teñan en conta a dixitalización das explotacións.

 

Tamén se fala do traspaso xeracional e dun enfoque de xénero. Como abordará estes dous aspectos a nova PAC?

Cremos que a incorporación da mocidade debe ser unha medida prioritaria no futuro Plan Estratéxico e deben buscarse os mecanismos para reforzar a incorporación da muller ás empresas agrícolas. De momento, contamos coas ferramentas da titularidade compartida ou dos criterios de valoración nas medidas de desenvolvemento rural, pero é necesario realizar os esforzos necesarios para atopar fórmulas que nos permitan impulsar ese necesario acceso da muller ao campo e fomentar a súa participación nos órganos de decisión das entidades xurídicas e das organizacións profesionais.

 

O 1 de febreiro iniciouse o prazo de solicitude das axudas para 2021. Neste período transitorio, como vai ter garantido o gandeiro o proceso de xestión e de cobro? Pode haber algún tipo de cambio na cantidade das axudas?

En relación coas axudas directas non cremos que vaia producirse ningún cambio. No referente ás axudas de desenvolvemento rural temos que modificar o noso PDR para poder adaptalo á prórroga de dous anos, xunto co cadro financeiro correspondente. O risco que podemos correr son os posibles atrasos da Unión Europea na súa aprobación, pero esperemos que as decisións sexan rápidas e poidamos contar con eses fondos canto antes.

 

Afectarán o brexit e a pandemia provocada pola COVID-19 na repartición de fondos europeos e poderase ver a PAC alterada?

O marco financeiro plurianual xa está pechado, como ben saben, e nese acordo xa se tiveron en consideración estas cuestións. Non creo que poidamos ir cara atrás desde o pactado a finais do ano pasado.

 

Unha reflexión para rematar. O sector produtor, gandeiro e agrario, demostrou neste último ano a súa relevancia para o país e abasteceu a sociedade de alimentos nos momentos máis difíciles, mesmo cando todos puidemos recoñecer a dependencia exterior que temos para outro tipo de necesidades. Non cre que á hora de lexislar este tipo de asuntos tan importantes para os gandeiros e agricultores, como a PAC ou o decreto dos xurros, entre outros, seguen sen consultarlles directamente as súas demandas?

En primeiro lugar, a relación da miña Consellería coas organizacións profesionais agrarias que teñen representación en Cantabria é permanente, continua e de gran lealdade en ambas as direccións. Son escoitadas en todos os ámbitos de traballo da miña Consellería, en algo tan importante como na elaboración de novas normas e, por suposto, no desenvolvemento dos traballos para a futura PAC. Máis aínda, cónstame que son tamén escoitadas nos traballos que respecto diso está a desenvolver o Ministerio. Chegar a todos os gandeiros un por un e recoller cada demanda é moi difícil, pero para iso están estas organizacións profesionais, as cooperativas e as asociacións de produtores coas que en Cantabria, insisto, mantemos un diálogo fluído e continuado.


SOBRE A XESTIÓN DE XURROS
“Apostamos por flexibilizar o real decreto, que permita excepcións e que sexamos as CC. AA. as que as poidamos regular como coñecedoras do territorio e dos nosos sistemas produtivos”

A sostibilidade ambiental é un dos grandes retos que se marca a nova PAC e neste apartado xoga un papel importante a xestión das dexeccións gandeiras. Que alegacións á norma se presentaron e cando contan que se aprobe definitivamente o decreto estatal sobre nutrición dos chans agrarios?

Nós apostamos por flexibilizar o real decreto, de tal maneira que permita a incorporación de excepcións e que sexamos as comunidades autónomas as que as poidamos regular como coñecedoras do territorio e dos nosos sistemas produtivos. As alegacións ao texto foron numerosas, especialmente desde a cornixa cantábrica, esperemos que o Ministerio non se precipite na aprobación e estude e acepte as alegacións recibidas.

 

Máis pronto que tarde a aplicación de xurros con sistemas de abano, prato ou canón quedará definitivamente prohibida para poder cobrar a prima verde da PAC. Seguirán apostando polas prórrogas?

Nós non apostamos por ningunha prórroga. En Cantabria realizouse un estudo sobre estrutura de explotacións e pendentes e establecéronse excepcións en base a iso.

 

Non cre necesarias outro tipo de medidas para que o sector se adapte canto antes aos sistemas que se esixirán nun futuro próximo?

Efectivamente este problema débese tratar desde diferentes enfoques, ademais distintos en función dos tipos de explotación ou comarcas: enfoques individuais de valorización de excedentes ou enfoques comunitarios, establecemento de sistemas de recollida ou sistemas mancomunados de aplicación etc.

 

Que opina de que esta normativa sexa unha lei única para todo o territorio nacional e non logre ter en conta as condicións orográficas ou meteorolóxicas de cada rexión?

A nosa opinión está claramente aliñada coa defensa das peculiaridades climáticas e orográficas da España húmida, e así llo fixemos chegar ao Ministerio.

 

Tampouco diferencia entre os tipos de gandería intensiva e non se pode comparar a realidade do vacún leiteiro, con superficie agraria dispoñible para a aplicación dos xurros como fertilizantes, coa realidade doutro tipo de ganderías intensivas que non practican ningún tipo de agricultura. Como defenderá esta disxuntiva?

Como xa lle dixen, defendendo as competencias das CC. AA. e esixindo a aplicación de excepcións.