CON LUPA | Coñecemos a postura de Asturias ante a nova PAC

Alejandro Calvo: "A nosa posición é clara para fortalecer o modelo de explotación familiar"

Iniciado xa en xaneiro o período transitorio entre a Política Agraria Común actual e a futura PAC 2021-2027, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación negocia cos gobernos das comunidades autónomas as liñas que rexerán a súa aplicación a partir de 2023. Coñecer a postura de cada autonomía en todo este proceso é o obxectivo da serie de entrevistas que publicamos no número 22 de revista Vaca Pinta aos conselleiros do ámbito en seis rexións de España, entre as cales suman o 80 % da produción láctea do país: Galicia, Castela e León, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco.

---- Le o especial completo nesta ligazón----

Viaxamos a Asturias para coñecer as inquedanzas que defenderá o conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial do Principado, Alejandro Calvo, na negociación co Ministerio e o resto de comunidades.

Cales son os pasos máis inmediatos que contan dar neste período transitorio cara á nova PAC?
Asegurar o financiamento para 2021 e que non houbese ningún tipo de incerteza era o máis importante, e conseguiuse. Dispomos de suficientes recursos para manter o nivel  de financiamento que viñamos tendo durante todo o período. Ademais, a modificación do plan de desenvolvemento rural que realizamos o ano pasado permitiunos  crecer este ano e o próximo. É un modelo ao que lle queremos dar continuidade a partir de 2023 e que supón poder dar máis axudas asociadas ao noso modelo de produción. Non só garante os pagos directos senón que as axudas complementarias vaian precisamente á alta montaña, á produción en espazos naturais protexidos, á produción en ecolóxico..., é dicir, a aqueles proxectos que definen o modelo de explotación familiar de Asturias e da cornixa cantábrica.

Este ano o Ministerio e as CC. AA. deberán  asentar as bases do Plan Estratéxico da PAC no que todas as administracións valoren os intereses de cada territorio e se poida chegar a un grande acordo. Cales serán os piares que defenderá para o sector lácteo asturiano?

As catro comunidades da cornixa cantábrica –País Vasco, Cantabria, Galicia e Asturias– fixamos un documento de posición conxunta no que defendemos que no plan estratéxico se integren as nosas propostas, o noso carácter diferencial. Entendemos que a nosa posición é clara para fortalecer o modelo de explotación familiar, así como a figura do agricultor xenuíno, que vive e traballa no medio rural, e ese modelo tamén nos debe servir para o sector  lácteo, que é realmente o que máis nos preocupa. Nós reclamamos que haxa unha proposta estratéxica sectorial para a produción de leite na cornixa cantábrica. Por unha  banda, temos que ver cales son as posibilidades de manter as axudas que temos actualmente e, por outra, que as axudas complementarias, vía ecoesquemas, establezan ecoesquemas específicos para o noso sector lácteo, que  permitan que non se perda ningún recurso dispoñible. As catro comunidades estamos a traballar para ter ecoesquemas comúns e varios deles van ir destinados ao noso sector lácteo.


Fálase dunha PAC máis “verde”, de ecoesquemas... En que consistirá esta nova liña de financiamento?
Desde a nosa perspectiva, as medidas complementarias que se expoñen a través de ecoesquemas teñen que ir destinadas a recoñecer modelos de produción, non a ser  limitacións ao modelo.


Camiñar cara a sistemas máis sostibles de produción require ter dispoñibilidade de base territorial, temas que lle preocupan ao gandeiro para cumprir coas  esixencias da PAC. Que políticas están levando a cabo en Asturias para darlle solucióna esta problemática?
Unha das grandes liñas de traballo da Consellería, que o vén sendo desde hai moito tempo, son as concentracións parcelarias públicas e ademais tamén se está traballando en modelos de xestión onde a Administración facilite a mobilidade de terras no ámbito privado e mesmo público-privado. Ademais, unha das prioridades desta lexislatura é  avanzar na creación dun banco de explotacións, que permita mobilizar os recursos de explotacións que deixan a súa actividade para as persoas que se incorporan ou para aquelas en actividade que teñen necesidade de máis base territorial. Tamén temos que poder reorganizar, porque as nosas explotacións teñen distintos usos, xestionan de maneira integral o territorio, teñen horta, teñen forraxe e tamén superficie forestal. Debemos ordenar todo isto adecuadamente para que o uso sexa o máis rendible en cada caso.


Tamén está por precisar a definición de agricultor xenuíno. Axudará esta figura a fomentar que a superficie agraria se dedique realmente á produción de  alimentos e que esta actividade xere empregos e fixe poboación no rural?
A PAC é unha política fundamentalmente sectorial, que ten que axudar a que os agricultores e gandeiros poidan seguir producindo alimentos de maneira estratéxica, con  base nos recursos que temos no territorio. Nós entendemos que, para que haxa actividade e para que esa produción vaia cara a un modelo de maior integración co territorio, é moi importante que se bonifique, se priorice, a xente que xa está, é dicir, a xente que vive e traballa no medio rural, fronte a modelos máis empresariais que externalizan o traballo ou que mesmo non teñen unha presenza física no territorio. Aí hai unha diferenciación clara entre o modelo do norte e o doutras zonas de España. Defendemos  o noso modelo de explotacións familiares, que está máis aliñado cos obxectivos da Unión Europea, pero sen esquecer que do que se trata é de dar unhas condicións adecuadas para producir alimentos sans, saudables e dunha maneira estratéxica no noso territorio.

 

A futura PAC incluirá requisitos de benestar animal. Pode adiantar como serán estas esixencias?
Os requisitos de benestar animal que se expoñen agora teñen que ver coa limitación a desenvolvementos de modelos de produción intensivos ou mesmo ultraintensivos, como poden ser as macrogranxas. En Asturias, nin sequera legalmente poden desenvolverse. Non os entendemos como modelo porque están moi lonxe da nosa realidade.


“A dixitalización vai ser moi importante sobre todo á hora de tomar as mellores decisións que permitan ser máis rendibles”

Outro dos grandes bloques da PAC é a dixitalización. Como beneficiará esta parte especialmente os gandeiros de vacún de leite?
O sector lácteo é un sector moi avanzado a nivel de innovación e tamén en canto á súa dixitalización. O que temos é que dotar os gandeiros de ferramentas que lles permitan xestionar mellor, que poidan ver onde están os seus factores de competitividade e rendibilidade e para iso a dixitalización vai ser moi importante, non só en canto a mellorar mecanización senón, sobre todo, á hora de tomar as mellores decisións produtivas que lles permitan ser máis rendibles.

 

Tamén se fala do traspaso xeracional e dun enfoque de xénero. Como abordará estes dous aspectos a nova PAC?

Hai unha discriminación positiva transversal cara ás mulleres en todas as liñas de axuda, que, ademais de ser xusta, tamén recoñece unha realidade. O peso das mulleres no medio rural é crecente e, sobre todo, éo na incorporación en gandería e nalgúns sectores da agricultura.

 

O pasado 1 de febreiro iniciouse o prazo de solicitude das axudas para 2021. Neste período transitorio, como vai ter garantido o gandeiro o proceso de xestión e de cobro? Pode haber algún tipo de cambio na cantidade das axudas?
As garantías son as mesmas. Cada ano hai que adaptar a convocatoria ao regulamento nacional que as regula e neste caso, dentro do período de transición, as novidades van ser en positivo porque incorporamos case 30 millóns máis de euros ao financiamento da Política Agraria Común en Asturias. En gran medida, case 15 millóns, irán aos pagos agroambientais e directamente á indemnizatoria de montaña, a razas autóctonas, ás axudas para produción en espazos naturais. Varíanse os módulos de axuda e, por tanto, cando agricultores e gandeiros fagan a súa simulación apareceranlles de maneira directa. Espero que sexan ben recibidas porque vai ser unha moi boa noticia para eles.


Afectarán o brexit e a pandemia provocada pola COVID-19 na repartición de fondos europeos e poderase ver a PAC alterada?
Iso xa se resolveu. A dúbida que había era cal ía ser o recorte. O que se logrou na negociación é que se mantivesen os fondos, similares aos que houbera no anterior período, polo que esa incerteza desapareceu coa aprobación do marco financeiro o ano pasado.

 

Unha reflexión para rematar. O sector produtor, gandeiro e agrario, demostrou neste último ano a súa relevancia para o país e abasteceu a sociedade de alimentos nos momentos máis difíciles, mesmo cando todos puidemos recoñecer a dependencia exterior  que temos para outro tipo de necesidades. Non cre que á hora de lexislar este tipo de asuntos tan importantes para os gandeiros e agricultores, como a PAC ou o decreto dos  xurros, entre outros, seguen sen consultarlles directamente as súas demandas?
O recoñecemento a que o sector agrícola e gandeiro é estratéxico e prioritario é evidente. Nesta crise o que se puxo de manifesto é a importancia de producir alimentos en todos os territorios, que é algo que non se pode delegar. Un exemplo claro é que a única política estratéxica a nivel comunitario que hai é a Política Agraria Común, porque se entende precisamente que é unha actividade estratéxica, que en Asturias fai chegar 150 millóns ao ano. Nós traballamos coas organizacións de produtores, tivemos en  conta as súas demandas e necesidades e acordamos con elas as alegacións que presentamos ao decreto.

 


SOBRE A XESTIÓN DE XURROS
“Temos que garantir que os gandeiros teñan alternativas de xestión dos residuos, da súa valorización; traballaremos para que haxa unha transición”

A sostibilidade ambiental é un dos grandes retos que se marca a nova PAC e neste apartado xoga un papel importante a xestión das dexeccións gandeiras. Que  alegacións á norma se presentaron e cando contan que se aprobe definitivamente o decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios?
Sempre dixemos que Asturias e os seus sectores agrícolas e gandeiros, con carácter xeral, non son un problema en canto ás súas emisións nin aos residuos que teñen as súas  explotacións, pero, puntualmente, temos zonas nas que hai cuestións que resolver, sobre todo naquelas con máis intensidade de produción de leite. As nosas alegacións  centráronse naquelas cuestións que, con carácter xeral, aparecían no borrador de decreto e que encaixan con dificultade co modelo de explotación familiar asturiano e coa nosa xeografía, para que poidan ser corrixidos. Acordámolas e enviámolas en outubro. Despois prorrogouse ese período de alegacións, co que tampouco hai un prazo  efectivo para a posta en marcha deste decreto. Confiamos en que se van atender as nosas alegacións, que principalmente teñen que ver co uso de determinados dispositivos, o manexo de residuos sólidos, o uso de sistemas de abano ou a incorporación ao terreo. O que lle pedimos ao Ministerio é que esas especificidades poidan territorializarse, que o decreto nacional se desenvolva a nivel de comunidade autónoma, a través dunha resolución na que nós poidamos adaptar a súa aplicación ás peculiaridades do noso territorio, e en gran medida haxa unha transición para que a xente que actualmente dispón duns materiais para a xestión dos residuos poida seguir utilizándoos e manexándoos dunha maneira similar a como vén facéndoo ata o de agora.

Máis pronto que tarde a aplicación de xurros con sistemas de abano, prato ou canón quedará definitivamente prohibida para poder cobrar a prima verde da PAC. Seguirán apostando polas prórrogas?

Como xa sinalei, ten que haber unha transición porque non vai ser rendible implementar determinados sistemas de inxección en función do tamaño da explotación. Temos que garantir que eses agricultores e gandeiros teñan outras alternativas de xestión dos residuos, da súa valorización; polo tanto, traballaremos para que haxa unha transición, se chegase o caso.

 

Non cre necesarias outro tipo de medidas para que o sector se adapte canto antes aos sistemas que se esixirán nun futuro próximo?
Cremos que ten que haber axudas e, como sinalei, un período de transición.

Que opina de que esta normativa sexa unha lei única para todo o territorio nacional e non logre ter en conta as condicións orográficas ou meteorolóxicas de cada rexión?
O que pedimos é que nos deixen desenvolver por comunidades unha resolución específica de aplicación anual en base a todas as peculiaridades de cada unha das comunidades.

Tampouco diferencia entre os tipos de gandería intensiva e non se pode comparar a realidade do vacún leiteiro, con superficie agraria dispoñible para a aplicación dos xurros como fertilizantes, coa realidade doutro tipo de ganderías intensivas que non practican ningún tipo de agricultura. Como defenderá esta disxuntiva?
Como dixen anteriormente, o que se poida valorizar e usar dentro da explotación hai que utilizalo.