CON LUPA | Coñecemos a postura de Cataluña ante a nova PAC

Teresa Jordà: “Reclamamos o establecemento de plans estratéxicos territoriais para acercar as axudas ás necesidades do sector"

Iniciado xa en xaneiro o período transitorio entre a Política Agraria Común actual e a futura PAC 2021-2027, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación negocia cos gobernos das comunidades autónomas as liñas que rexerán a súa aplicación a partir de 2023. Coñecer a postura de cada autonomía en todo este proceso é o obxectivo da serie de entrevistas que publicamos no número 22 de revista Vaca Pinta aos conselleiros do ámbito en seis rexións de España, entre as cales suman o 80 % da produción láctea do país: Galicia, Castela e León, Cataluña, Asturias, Cantabria e País Vasco.

---- Le o especial completo nesta ligazón----

Estas son as respostas de Teresa Jordá, conselleira de Agricultura, Gandería, Pesca e Alimentación da Generalitat de Cataluña.

Cales son os pasos máis inmediatos que contan dar neste período transitorio cara á nova PAC?
Neste momento atopámonos con que dispoñemos xa de Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2027, que estamos nunha prórroga da PAC do período 2014-2020  para os anos 2021 e 2022 e á espera de que se chegue a un acordo nas reunións dos trílogos –Parlamento, Consello e Comisión–, para ter a nova PAC aprobada de maneira definitiva. Nesta situación, os pasos que temos que dar agora consisten en acabar de definir como será a aplicación desta nova PAC. Neste punto quero resaltar que o  establecemento do Plan Estratéxico, que teñen que definir os Estados, preocúpanos, porque perdemos capacidade de decisión. Os pasos que estamos a dar van na liña de poder decidir, dentro deste Plan Estratéxico, como podemos establecer a súa aplicación de maneira que se axuste máis ás necesidades do noso sector.

Este ano o Ministerio e as CC. AA. deberán asentar as bases do Plan Estratéxico da PAC no que todas as administracións valoren os intereses de cada territorio e se poida chegar a un grande acordo. Cales serán os piares que defenderá para o sector lácteo catalán?
O mantemento das axudas asociadas ao sector lácteo é un dos elementos que hai que manter de cara á próxima PAC, axudas que teñen que complementar os pagos desconectados que reciben as explotacións. É necesario mantelas para poder darlle continuidade a un sector moi importante dentro da nosa gandería e que, pola situación do mercado, está a pasar por momentos complicados.

Fálase dunha PAC máis “verde”, de ecoesquemas... En que consistirá esta nova liña de financiamento?
Os ecoesquemas son unha nova figura que aparece no primeiro piar, que ten por obxecto profundar nas actuacións a favor do clima e o medio ambiente e o seu establecemento é obrigatorio para os Estados membros. Aplicalos é voluntario para o agricultor ou gandeiro. Nestes intres estamos en pleno debate sobre cales teñen que ser os ecoesquemas a establecer. Non será fácil porque o sector agrario é moi diverso e establecer axudas a nivel xeral vai ser moi complicado. Por este motivo, desde o primeiro momento reclamamos o establecemento de plans estratéxicos territoriais para achegar as axudas ás necesidades do sector. Seguimos insistindo niso, xa que a proposta de regulamento o permite.

Camiñar cara a sistemas máis sostibles de produción require ter dispoñibilidade de base territorial, temas que lle preocupan ao gandeiro para cumprir coas esixencias da PAC. Que políticas están levando a cabo en Cataluña para darlle solución a esta problemática?
A dispoñibilidade de terras é un problema e estamos a traballar para recuperar terras abandonadas para o cultivo e reintroducilas ao sector, co fin de que as empresas que necesiten máis terras poidan ter acceso a elas, do mesmo xeito que os mozos que se incorporan á actividade agraria. Poderémolo facer aplicando a Lei 3/2019 dos espazos agrarios, que prevé o establecemento dun rexistro de terras para, a través da mediación da administración, facilitar o alugueiro de terras, que por diferentes razóns se atopen  en estado de abandono ou baixa produtividade, recuperándoas para o cultivo.


“Temos que ter presente que a xeración de emprego e a fixación de xente en territorio rural non pode basearse só nas axudas”

Tamén está por precisar a definición de agricultor xenuíno. Axudará esta figura a fomentar que a superficie agraria se dedique realmente á produción de alimentos e que esta actividade xere empregos e fixe poboación no rural?
Todos temos moi claro que as axudas teñen que ir ás empresas, físicas ou xurídicas, que teñen como actividade principal a agraria. O obxectivo das axudas do primeiro piar  é axudar á renda destas empresas para asegurar a súa viabilidade e competitividade nun mercado globalizado, pero non hai que esquecer que estas empresas producen alimentos polo que, coas axudas, tamén aseguramos unha capacidade de produción de alimentos moi necesaria, como se viu na situación de pandemia dos últimos meses. De todos os xeitos, temos que ter presente que a xeración de emprego e a fixación de xente en territorio rural non pode basearse só nas axudas. Fan falta máis cousas, que resumimos en dotar a este territorio dos máximos servizos posibles, como boas comunicacións por estrada, boa conexión a Internet etc., para asegurar unha boa calidade de vida. O obxectivo é ter xente que viva no territorio, e non só da actividade agraria, senón tamén doutras profesións, diversificando a economía e xerando oportunidades  dentro e fóra do sector agrario. Isto definirémolo na axenda rural, na que estamos a traballar desde hai uns meses.

A futura PAC incluirá requisitos de benestar animal. Pode adiantar como serán estas esixencias?
A reforma incluirá aspectos relacionados coa condicionalidade reforzada, unha serie de requisitos legais de xestión e boas condicións agrarias e ambientais que todos os agricultores e gandeiros deben cumprir para cobrar axudas da PAC. Neste novo período manteranse os requisitos e intensifícanse algúns deles, facendo a PAC máis sostible e máis “verde” en xeral. Os requisitos sobre benestar animal están incluídos no ámbito da condicionalidade desde hai moitos anos e estarán tamén presentes na nova reforma da mesma maneira que ata o de agora.

Outro dos grandes bloques da PAC é a dixitalización. Como beneficiará esta parte especialmente os gandeiros de vacún de leite?
A dixitalización e o uso das novas tecnoloxías permitirán xestionar mellor as explotacións sobre a base de ter máis datos, de poder analizalos e con iso decidir con máis  coñecemento o que repercutirá nunha mellora da xestión e os procesos. Isto ha de ter un efecto positivo sobre a competitividade das explotacións, porque lles permitirá tomar mellores decisións.

Tamén se fala do traspaso xeracional e dun enfoque de xénero. Como abordará estes dous aspectos a nova PAC?

Entendo que o traspaso xeracional é unha medida que ten longo percorrido, polo que en xeral seguirá cos mesmos parámetros que ata o de agora. Hai que continuar coa formación, non só agraria, senón tamén económica, para asegurar coñecementos básicos de xestión dunha actividade económica e tamén sobre comercialización e márketing, para ter coñecemento das canles de venda e de como vender. Ademais, hai que seguir facendo acompañamento e seguimento da aplicación do plan de empresa, para resolver dúbidas e consolidar a actividade. Todas estas condicións han de asegurar o éxito da incorporación, non só nos cinco anos de compromiso, senón máis aló destes. Moitas destas condicións en Cataluña xa as estamos levando a cabo, queremos mantelas e, se podemos, melloralas e amplialas. Para iso, tamén pedimos poder establecer un plan estratéxico propio, para achegar a PAC ás necesidades das nosas empresas agrarias e ao noso sector.

 

O pasado 1 de xaneiro iniciouse o prazo de solicitude das axudas para 2021. Neste período transitorio, como vai ter garantido o gandeiro o proceso de xestión e de cobro? Pode haber algún tipo de cambio na cantidade das axudas?
O proceso de xestión e cobro está garantido porque para iso estamos a traballar todo o ano. Este é un proceso que non pode fallar e estamos satisfeitos de como se desenvolve cada ano. É certo que pode haber algún cambio na cantidade das axudas, pero isto sempre depende da aplicación dos regulamentos que, como xestor do primeiro piar da PAC, decide o MAPA.

 

Afectarán o brexit e a pandemia provocada pola COVID-19 na repartición de fondos europeos e poderase ver a PAC alterada?
A Unión Europea, con bo criterio, está a afrontar a recuperación da situación provocada pola pandemia con fondos de recuperación e resiliencia, independentes da PAC, co cal, por cuestións da pandemia, a PAC non se verá afectada. É innegable que o brexit terá un impacto sobre o orzamento da UE, que, segundo un informe encargado polo Parlamento Europeo, sería de 3.000 millóns de euros anuais. Pero non só o brexit afecta o orzamento da PAC, hai outras necesidades ás que a Unión Europea debe facer fronte, á parte da pandemia, e isto fai que o orzamento da PAC se reduza nun 10 % respecto ao período anterior.

 

Unha reflexión para rematar. O sector produtor, gandeiro e agrario, demostrou neste último ano a súa relevancia para o país e abasteceu a sociedade de alimentos nos momentos máis difíciles, mesmo cando todos puidemos recoñecer a dependencia exterior que temos para outro tipo de necesidades. Non cre que á hora de  lexislar este tipo de asuntos tan importantes para os gandeiros e agricultores, como a PAC ou o decreto dos xurros, entre outros, seguen sen consultarlles directamente as súas demandas?
Nisto debo dicirlle que discrepo. Todas as actuacións que desde o Departamento de Agricultura, Gandería, Pesca e Alimentación levamos a cabo seguiron un proceso  escrupuloso de participación e consulta co sector, por vontade propia e porque temos unha normativa que o regula. Outra cousa é que haxa discrepancias nas propostas, pero o que si é un feito é que os temas e as decisións importantes se toman despois dun proceso de concertación co sector.


SOBRE A XESTIÓN DE XURROS
“Desde este 21 de febreiro quedan definitivamente prohibidas en Cataluña as aplicacións de xurros con sistemas de prato ou abano”

 

A sostibilidade ambiental é un dos grandes retos que se marca a nova PAC e máis pronto que tarde a aplicación de xurros con sistemas de abano, prato ou canón quedará  definitivamente prohibida para poder cobrar a prima verde da PAC. Que alegacións á norma se presentaron e cando contan que se aprobe definitivamente o decreto estatal sobre nutrición dos chans agrarios?
Desde Cataluña presentamos moitísimas alegacións ao citado proxecto de real decreto. Unha parte delas referíanse á falta de rigor técnico de diversos dos requisitos do proxecto. Respecto da competencia, se moitas autonomías, como Cataluña, teñen competencia exclusiva en materia de agricultura e gandería, non é de recibo que unha norma estatal regule tal grao de detalle, como cando obriga a que as rotacións teñan como mínimo un ciclo de tres anos en secaño e dous en regadío. Para a maioría das explotacións agrícolas de secaño de España hai que pensar coidadosamente se poden asumir as novas obrigacións que expón o proxecto, tanto por custo económico como por capacitación e idade de gran parte dos agricultores. Por todo iso, esperamos que de ningunha maneira se aprobe o devandito RD, pois crearía unha situación caótica, tanto a nivel técnico para as explotacións, como no que se refire á inseguridade xurídica para os administrados ou no que respecta á distribución competencial entre o Estado e as comunidades autónomas.


Máis pronto que tarde a aplicación de xurros con sistemas de abano, prato ou canón quedará definitivamente prohibida para poder cobrar a prima verde da PAC. Seguirán apostando polas prórrogas?

A normativa catalá, materializada no Decreto 153/2019, de xestión da fertilización do chan e das dexeccións gandeiras, seguiu a súa propia axenda, adaptada á nosa realidade social, económica e ambiental. Hai que lembrar que os xurros son os principais responsables das emisións atmosféricas de amoníaco en Europa Occidental e outras partes do mundo. O amoníaco na atmosfera é un contaminante que hai que reducir si ou si. Desde o 21 de febreiro quedan definitivamente prohibidas en Cataluña as aplicacións de xurros con sistemas de prato ou abano. Nos últimos dous anos xa se foron prohibindo nunha serie de situacións, pero a partir do mes de febreiro afecta xa á  totalidade das situacións. Non hai que esquecer que a aplicación con abano ou prato dá lugar a unha serie de inconvenientes moi importantes: potencia excesivamente a emisión de amoníaco e malos cheiros, incrementa o risco sanitario por deriva dos aerosois, e, se nos centramos nun punto de vista exclusivamente agronómico, dá lugar a unha distribución dos xurros moi pouco homoxénea sobre o terreo, quedando bandas de cultivo infrafertilizadas xunto a outras sobrefertilizadas. De xeito evidente, é unha técnica de aplicación que non só non pode formar parte do futuro, senón tampouco xa do presente.


Non cre necesarias outro tipo de medidas para que o sector se adapte o antes posible aos sistemas que se esixirán nun futuro próximo?
Neste sentido, estamos totalmente a favor de axudar ao sector a adaptarse e son necesarias as iniciativas estatais que se plasmaron no plan RENOVE. Cremos que hai que repetilas, reforzando algúns aspectos: maior dotación económica e maior intensidade da axuda. En paralelo ao plan RENOVE, desde Cataluña, no marco do programa de  desenvolvemento rural, tamén se incentivaron axudas para fomentar a viabilidade das explotacións agrarias promovendo un desenvolvemento máis sostible, coas que se facilitou a incorporación de novas tecnoloxías no sector, que supoñen unha redución das emisións de amoníaco, e unha aplicación máis eficiente das dexeccións gandeiras. Ademais, en Cataluña, por mor da entrada en vigor do Decreto 153/2019, de xestión da fertilización do solo e das dexeccións gandeiras, as explotacións están obrigadas a dispoñer de sistemas que permitan coñecer a concentración de nutrientes e un bo axuste da dose de xurros. Para facilitar a adaptación das explotacións, durante os dous últimos anos habilitáronse axudas específicas para que os gandeiros puidesen adquirir e instalar estes equipos nas súas cisternas de aplicación.


Que opina de que esta normativa sexa unha lei única para todo o territorio nacional e non logre ter en conta as condicións orográficas ou meteorolóxicas de cada rexión?
O feito de que sexa unha norma única para todo o territorio estatal ten dous inconvenientes gravísimos. O primeiro ten que ver coa mesma articulación territorial e de competencia do Estado. Se o Goberno estatal respectase, como está obrigado, o marco competencial vixente, nin tan sequera tería lanzado esta proposta. Invádense de  maneira intolerable as competencias en agricultura, medio ambiente e augas recoñecidas en moitas CC. AA. (seguramente en todas) a través dos seus estatutos de autonomía. O segundo inconveniente é técnico. É tal a diversidade española de sistemas de cultivo, de condicións edafoclimáticas, de realidades socioeconómicas e de presións ambientais, que iso levaría a ter que realizar un auténtico mega real decreto con infinidade de anexos. Sería un monstro: lentísimo de elaborar e acordar, lentísimo de readaptar.


Tampouco diferencia entre os tipos de gandería intensiva e non se pode comparar a realidade do vacún leiteiro, con superficie agraria dispoñible para a aplicación dos xurros como fertilizantes, coa realidade doutro tipo de ganderías intensivas que non practican ningún tipo de agricultura. Como defenderá esta disxuntiva?
As observacións presentadas xa teñen en conta este feito. Este real decreto débese limitar aos aspectos mínimos e básicos, deixando que as CC. AA. na súa normativa cubran estas especificidades.