ENTREVISTA AO CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL DE GALICIA | JOSÉ GONZÁLEZ

“Debemos seguir apostando pola transformación para acadar cada vez mellores prezos e maiores cotas de mercado”

As máis de 7.000 explotacións galegas producen cada ano 2,8 millóns de toneladas de leite, o sector xera máis de 20.000 empregos e achega o 1,5 % do PIB galego. Son cifras que fan que Galicia sexa a rexión máis produtora de España e se manteña entre as dez primeiras de Europa, datos máis que xustificativos para que o Goberno galego elaborase un plan estratéxico para un motor económico tan importante da comunidade. Presentada a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego o pasado mes de novembro, sentamos co conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, para desvelar os obxectivos propostos na revista Vaca Pinta 21.

 

------- Descarga aquí a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego ao completo -------

 

O 40 % da produción láctea de toda España sae de Galicia e expertos do ámbito xa propoñían hai anos a necesidade dun plan estratéxico para un sector tan importante como é o lácteo. Chega a tempo esta Estratexia conselleiro?

Os datos mencionados veñen avalar que Galicia é líder nacional no sector lácteo e atópase, ademais, entre as dez primeiras rexións lácteas de Europa. Somos, por tanto, unha potencia neste eido e debemos seguir avanzando para consolidarnos, aínda máis, no panorama estatal e internacional. Nesa dirección, vimos de presentar a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, como resultado dun inxente labor artellado en distintas mesas de traballo con todo o sector, porque deben ser eles –os produtores e a industria– os que nos marquen o camiño a seguir.

 

Por que agora si se creu necesaria?

Como digo, a Estratexia non xorde agora senón que para a súa elaboración foi necesario un exhaustivo traballo desenvolvido ao longo de varios meses a través de distintas mesas sectoriais, centradas en cuestións como a remuda xeracional, a reorientación produtiva ou a promoción dos nosos produtos lácteos. Despois de coñecer as inquedanzas e recoller as achegas dos distintos axentes, tocou fixar obxectivos e os eixes e accións que deben guiar o lácteo do futuro.

 

Cal foi o primeiro paso que se deu na posta en marcha desta Estratexia?

O primeiro paso foi levar a cabo unha diagnose consensuada sobre a situación do sector lácteo galego, para identificar as súas principais necesidades e camiñar cara ao seu fortalecemento, tanto no eido da produción, da industria e dos mercados, como no tocante ás relacións ao longo da cadea de valor e ás estruturas de formación e de I+D+i. Nese senso, quero destacar que para facer esa diagnose non só tomamos como base as mesas de traballo cos sindicatos, organizacións agrarias e outras entidades relacionadas co lácteo, senón tamén entrevistas persoais.

 

Este sector produtor achega o 1,5 % do PIB galego, pero o impacto na economía de Galicia destácase como moi superior. Como o cualificaría vostede?

Non cabe dúbida de que o sector lácteo é un piar fundamental do noso rural, un dos principais referentes á hora de xerar riqueza e seguir dinamizando as nosas aldeas, que –cómpre lembrar– representan máis do 98 % do noso territorio. Polo tanto, é incuestionable que o lácteo xoga un papel clave no sostemento económico, demográfico, ambiental e paisaxístico de moitas comarcas de Galicia e, polo tanto, do conxunto da comunidade. Así, máis aló das cifras que representa a nivel produtivo e de volume de negocio, eu destacaría que o sector lácteo contribúe de xeito decidido á fixación de poboación, fundamental para garantir un medio rural vivo como base dunha Galicia forte que mira de xeito decidido ao futuro.


“A Estratexia contempla accións de política industrial orientadas a atraer a Galicia novas empresas xeradoras de valor, así como a reforzar as industrias xa asentadas aquí”


O prezo medio do leite, a pesar de recortar distancias co resto de España e de Europa, segue moi por detrás desas referencias. Que debe facer Galicia para equipararse ao resto de Europa?

Quero salientar que na nosa comunidade os prezos do leite medraron case un 10 % entre 2015 e 2019, mentres no conxunto de España subiron arredor dun 6 %. Estamos na boa dirección, polo tanto, pero debemos seguir apostando pola transformación e por impulsar a calidade dos nosos produtos lácteos para acadar cada vez mellores prezos e maiores cotas de mercado. A marca Galega 100 % ou a futura regulación do leite de pastoreo son só dous exemplos de por onde debemos camiñar para consolidar a nosa comunidade como potencia láctea en España e Europa.

 

O presidente da Xunta de Galicia destacou que un dos obxectivos principais de cara a 2025 é chegar ao 75 % do leite transformado en Galicia, cando agora estamos no 52 %. Ademai, o 60 % do que transformamos convértese en leite líquido, de baixo valor engadido, e só o 15 % vai a queixos e o 2 % a iogures.  Como conseguiremos transformar a maior parte dese 75 % en produtos con máis valor engadido?

Para impulsar a transformación a Estratexia ten en conta accións de política industrial orientadas a atraer a Galicia novas empresas xeradoras de valor, así como a reforzar as industrias xa asentadas aquí. A maiores, primaremos nas axudas públicas a transformación do leite en produtos e derivados lácteos e novas apostas innovadoras que persigan adaptarse ás demandas do mercado. Potenciaremos tamén as DOP de queixo galegas, para que axusten os seus formatos e envases ás esixencias dun consumidor cada vez máis preocupado polo benestar animal, o medio ambiente e a saúde. Son só algunhas das pautas que rexerán o futuro do lácteo galego co obxectivo de xerar cada vez maior valor engadido, dende Galicia para o mundo.

 

Como programan ese obxectivo de aumentar o peso das DOP de queixo galegas na transformación industrial?

Esta medida inclúe a adaptación das DOP ás demandas dos consumidores a nivel nacional e internacional, pero tamén impulsar campañas de promoción e reforzar a cultura de orientación ao mercado dentro dos consellos reguladores. Todas as accións da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego fíxanse cun horizonte temporal ata o ano 2025, polo que iremos avaliando o seu cumprimento e reorientando se fose preciso. Neste caso, como non podía ser doutro xeito, da man dos consellos reguladores das DOP de queixo galegas.

 

Como podemos explicar que as queixerías galegas con DOP sexan das que peor pagan o leite en Galicia cando unha queixería que produce produtos de marca branca é, pola contra, unha das empresas que máis lles está pagando a materia prima aos produtores?

Unha das principais cuestións que persegue a Estratexia é a profesionalización do gandeiro e, en consecuencia, o reforzamento da súa posición negociadora. Por iso propoñemos crear unha asociación profesional de gandeiros-empresarios a nivel galego ou fomentar a entrada das cooperativas no capital de novos investimentos industriais en Galicia, cun compromiso de subministración que reforce o seu papel como aglutinadoras do leite dos seus socios. Tamén avogamos por mellorar a transparencia –e a interlocución– ao longo de toda a cadea de valor do leite, polo cumprimento do chamado acordo lácteo e por reactivar o Observatorio do Sector Lácteo a nivel autonómico, implantando un sistema de estudo de custos de produción do leite en Galicia que inclúa o desenvolvemento dunha aplicación web para que o gandeiro poida calcular os custos da súa explotación e obter informes comparativos con respecto ao sector.

 

É curioso que as industrias produtoras de queixos con DOP non traballen co selo Galega 100 %. Non cre necesaria unha revisión desta disxuntiva?

Máis aló do selo distintivo de cada un dos produtos lácteos, a aposta global da Xunta é pola calidade. Unha aposta que levaremos a cabo potenciando unha marca de calidade que sexa paraugas como punta de lanza para mellorar o posicionamento competitivo e a visibilidade do conxunto do sector. Para seguir nesa liña, continuaremos impulsando a formación e a investigación, para reforzar a transferencia de coñecemento aos produtores e industrias e que poidan desenvolver novos produtos que conquisten aos consumidores non só pola vía da calidade que sempre caracterizou a Galicia senón tamén pola da diferenciación.


“Reforzaremos a promoción dos produtos lácteos da man de prescritores de referencia que poderán avalar os beneficios para a saúde derivados do consumo de produtos lácteos”


Mellorar o posicionamento dos produtos lácteos galegos é un dos cinco grandes obxectivos de cara a 2025. En que piares se asentará esta tarefa?

Para consolidarnos como potencia, fomentaremos o consumo de produtos lácteos galegos mediante accións de promoción dentro e fóra da nosa comunidade, pilotadas pola Xunta pero tamén polo propio sector. Nesa liña, queremos difundir o máximo posible a marca Galega 100 % ou as DOP de queixo galegas. Tamén regularemos a marca de leite de pastoreo e a de produción integrada como elementos diferenciadores que nos encamiñen cara a novos nichos de mercado, sen esquecernos de sensibilizar o conxunto da sociedade sobre a importancia dun sector primordial para Galicia.

 

Non cre necesario afondar na sensibilización dos consumidores sobre os aspectos positivos da produción láctea galega, que está á cabeza no control da sanidade e do benestar animal?

Efectivamente. Para dar mostra do imprescindible papel que desempeña o sector lácteo nos aspectos de coidado e de benestar animal, a Estratexia persegue, precisamente, crear unha rede de granxas modelo que poidan ser visitadas polos nenos, para que dende moi pequenos sexan coñecedores do potencial leiteiro da nosa comunidade e dos aspectos positivos da produción láctea. Tamén queremos sensibilizar sobre as características nutricionais do leite e os seus derivados e sobre o papel das vacas na transformación e no aproveitamento da herba e doutros cultivos en proteína en forma de leite ou carne para o noso consumo.

 

Que se pode facer no mercado para loitar contra os lobbies que poñen en dúbida o valor nutritivo do leite e os seus beneficios cando a evidencia científica demostra o contrario?

Pois precisamente, contra a desinformación, apostamos pola información. Así, reforzaremos a promoción dos produtos lácteos da man de prescritores de referencia (nutricionistas, persoal médico, científicos ou cociñeiros de relevancia nacional e internacional) que poderán avalar os beneficios para a saúde derivados do consumo de produtos lácteos. Tamén introduciremos nas estratexias de comunicación información científica sobre estes efectos positivos dos lácteos, para contrarrestar campañas falsas e interesadas.

 

Como se logrará pulir as asperezas e relacións entre os diferentes axentes da cadea de valor do leite?

Mellorar a interlocución entre todos os elos da cadea parécenos clave. Por iso, fomentaremos o asociacionismo gandeiro e flexibilizaremos as condicións para o recoñecemento dunha OPL, co obxectivo de afondar na súa profesionalización e que asuman un papel relevante na negociación do leite e na prestación de servizos aos seus asociados. Ademais, promoveremos a incorporación da distribución comercial dentro da Organización Interprofesional Láctea e impulsaremos a rexionalización e descentralización da INLAC para darlles resposta ás particularidades propias do sector lácteo galego. A finalidade é velar polos intereses do sector lácteo galego tendo en conta o seu peso na produción estatal, así como mellorar o funcionamento da cadea en beneficio de todos e cada un dos axentes implicados.


“Impulsaremos a rexionalización e descentralización da INLAC para dar resposta ás particularidades propias do sector lácteo galego, tendo en conta o seu peso na produción estatal”


Camiñar cara a modelos máis sostibles de produción parece inevitable. Que accións impulsará para incentivar este tipo de sistemas?

Neste ámbito, para nós é unha prioridade poñer en valor a produción de leite de pastoreo e en ecolóxico e adoptar un sistema único e validado de medición da pegada de carbono para o sector lácteo galego, desenvolvendo un estudo que permita mellorar o coñecemento da contribución das granxas á preservación da biodiversidade. Nas axudas públicas, primaremos os investimentos que contribúan á mellora do impacto ambiental das granxas e ao benestar animal, así como á eficiencia enerxética. Non podemos esquecernos de impulsar accións de economía circular. Así, no marco dunha lei galega para a xestión integral das dexeccións gandeiras apostaremos por ordenar a produción, recollida, transporte e almacenamento dos xurros, establecendo un sistema integral de xestión que garanta a trazabilidade ata o seu tratamento final. Quero salientar que, ao abeiro desta norma, crearemos plantas de tratamento de xurros para xestionar e valorizar os excesos de produción e elaboraremos unha guía con pautas de manexo e de control.

 

Anunciou unha certificación para o pastoreo. Como se vai xestionar esa certificación para garantir que sexa un pastoreo de verdade?

A idea é regular de xeito efectivo o que se pode entender como leite de pastoreo, xa que actualmente hai marcas que están a empregar esta denominación sen ningún tipo de pauta ou control común. As explotacións terán que cumprir uns requisitos para adherirse a esta certificación, entre eles acreditar que teñen suficiente superficie dedicada a pastoreo e que as vacas pastan un mínimo de horas. Nesa liña, estamos a traballar na idea de colocarlles aos animais dispositivos GPS que serían supervisados polo organismo encargado de efectuar os controis e o seguimento da marca de leite de pastoreo, para darlles rigor e confianza aos consumidores.

 

Se queremos producir máis sostible, como vai a Xunta solucionar a pouca dispoñibilidade de base territorial e regular a utilización de terras agrícolas como forestais?

Neste apartado cómpre destacar que no primeiro semestre de 2021 teremos aprobada a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que nos permitirá mobilizar terra abandonada ou en estado de infrautilización mediante instrumentos como os polígonos agroforestais. Nesa liña, queremos apostar polo acordo entre gandeiros e agricultores para a produción de forraxe a demanda, promovendo a rotación de cultivos e optimizando o aproveitamento da terra. Tamén seguiremos decretando procesos de reestruturación parcelaria e acometendo a ordenación de usos en zonas de produción leiteira, traballando para que a terra das granxas que pechan se poña a disposición doutras explotacións lácteas, co conseguinte aumento da súa base territorial e da súa competitividade. Nesa dirección, esixiremos ademais o estrito cumprimento da lexislación vixente que impide a forestación de terras agrarias, aplicando o réxime sancionador pertinente.

 

O traspaso xeracional e garantir un futuro para este sector é outra das grandes preocupacións. Que medidas porán en marcha?

Sen dúbida, o futuro do rural está ligado á remuda xeracional. Por iso, no marco da Estratexia crearemos un Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo no ámbito familiar e desenvolveremos un programa de preparación para a sucesión. Isto é, un servizo público de intermediación entre titulares de granxas e potenciais interesados. Para promover esa continuidade á fronte das explotacións, estableceremos incentivos fiscais e outras medidas de apoio financeiro, orientaremos as axudas á incorporación e as de plans de mellora e incrementaremos a idade máxima para resultar beneficiario das achegas á incorporación de persoas agricultoras mozas.


“É unha prioridade poñer en valor a produción de leite de pastoreo e en ecolóxico e adoptar un sistema único e validado de medición da pegada de carbono para o sector lácteo galego”


Alégranos moito que se considere o sector como un motor económico e falou vostede na presentación da Estratexia de escolas de negocio para os gandeiros. Como serán estas escolas e que outro tipo de formación contan ofrecerlles?

Queremos acuñar o termo de `gandeiro-empresario´ e, para iso, hai que perfeccionar a formación dos nosos profesionais do sector lácteo. Con ese obxectivo, revisaremos os contidos formativos relacionados tanto nos centros dependentes da Consellería, como na FP e na Universidade, para que os produtores adquiran coñecementos sobre contabilidade, TIC, mercados ou consumo. Principalmente, interésanos que dominen a xestión empresarial e por iso valoramos, ademais, a posta en marcha de accións específicas por parte de escolas de negocios. En paralelo, avogaremos polas modalidades de formación profesional dual, para combinar o ensino no centro educativo coa aprendizaxe na propia granxa. Así mesmo, queremos primar a formación universitaria e a FP fronte aos cursos de capacitación agraria á hora de valorar as solicitudes de axudas para a incorporación de mozos ao agro, coa finalidade de fomentar un sector cada vez máis profesionalizado e competitivo.

 

Que orzamento vai ir asociado á Estratexia?
A Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego abarca unha ampla diversidade de actuacións, polo que non sería axeitado falar dun orzamento único. Así, aos máis de 350.000 euros previstos en 2021 para botar a andar a Estratexia hai que engadir, por exemplo, os dous millóns que inclúen as contas da Consellería do Medio Rural para seguir desenvolvendo figuras como os polígonos agroforestais, previstas na futura Lei de recuperación da terra agraria para devolver á produción parcelas abandonadas e permitir, por exemplo, ás explotacións lácteas, contar con máis base territorial para producir forraxes ou promover pasteiros. Nesta liña, quero poñer de relevo tamén que aumentará case un 54 % –ata superar os tres millóns de euros– a partida para a implantación de pastos. Son moitas as frontes de actuación polo que tamén poderiamos incluír aquí dende os case 78 millóns contemplados no programa de modernización e diversificación do tecido produtivo rural -para nutrir axudas como as dos plans de mellora e a incorporación de mozos ao agro- aos 1,45 millóns previstos para a promoción de produtos agroalimentarios ou o 40% que aumentará o investimento en formación.
 
Que eixes se van dedicar a ese orzamento?
Os eixes de actuación no seo da Estratexia están claros e arredor deles xiran todas as medidas e accións incluídas, así como os presupostos consignados. Deste xeito, o obxectivo é incidir na produción, na industria, nos mercados, na cadea de valor e na formación e innovación ao alcance do sector, para lograr o fortalecemento individual de todos os axentes involucrados e, o que é máis importante, o fortalecemento do conxunto en beneficio de consolidar Galicia como potencia láctea en España e no mundo.

 

Para rematar, se tivese que quedar con tres grandes obxectivos cumpridos en 2025, cales elixiría?

O obxectivo primordial da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego é consolidar Galicia como unha das principais rexións lácteas de Europa, cun alto nivel de competitividade, sostibilidade e capacidade de resiliencia. Nesa liña, perseguimos continuar posicionados entre as 10 principais rexións leiteiras do continente, afondando na alta calidade dos nosos produtos e nun respecto cada vez maior polo coidado do medio ambiente e do benestar animal. Ligado con esta finalidade, aspiramos a transformar o 75 % do leite que producimos, para xerar riqueza e emprego na nosa comunidade. Así mesmo, traballaremos por acadar un sector forte e cada vez máis profesionalizado, no que os gandeiros se formen e as industrias sigan innovando no marco dunha cadea de valor caracterizada pola transparencia e a boa relación entre todos os axentes implicados.