BANCO SANTANDER PORTUGAL

“Buscamos dar resposta a través dun equipo dedicado e especializado, identificado co sector e cos seus retos”

“Buscamos dar resposta a través dun equipo dedicado e especializado, identificado co sector e cos seus retos”

Santander España e Santander Portugal teñen, no que aos seus clientes agrogandeiros se refire, unha liña de actuación similar. Miguel Von Hafe, responsable da área de Clústeres Estratéxicos (Área de Estratexia Corporativa de Banco Santander Portugal), conta en Vaca Pinta 42 que a entidade está comprometida con axudalos a afrontar os retos relacionados co sector agrícola, gandeiro e forestal, poñendo ao seu servizo o mellor que ten para ofrecer: o seu equipo, a súa proposta de valor e a súa capacidade para operar en diferentes mercados.

Cal é a estratexia actual do Santander con respecto ao noso sector dentro de Portugal?

O sector agroalimentario considérase estratéxico para Banco Santander Portugal. O noso país conta cun sector agrícola e gandeiro cada vez máis moderno e tecnolóxico, capaz de atraer investidores nacionais e estranxeiros. Dispoñemos de recursos naturais e de condicións climáticas óptimas que propiciaron a aparición de novos proxectos agrícolas e agroindustriais de calidade e con escala.

Temos empresarios de calidade e tradición, pero tamén vemos a aparición de novos actores nacionais e estranxeiros, atraídos por un contexto favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos. Como ocorre noutros países cos que nos comparamos, cremos que a contribución do sector agrario e agroalimentario á creación de riqueza crecerá nas próximas décadas.

En Santander Portugal buscamos dar resposta a través dun equipo dedicado e especializado, identificado co sector e os seus retos. A nosa proposta de valor é moi completa e capaz de atender todas as necesidades de financiamento ou servizo que xurdan ao longo da cadea de valor ou en calquera fase do ciclo de vida de empresas e emprendedores. Así mesmo, e en liña coas directrices das institucións europeas, queremos xogar un papel protagonista no que ao financiamento sustentable do sector se refire.

Como describiría o perfil dos seus clientes agrogandeiros?

Somos un país pequeno no que a actividade agraria é moi heteroxénea. Os investimentos en regadío cambiaron a agricultura nalgunhas rexións e propiciaron a aparición de proxectos modernos, con escala, capaces de crear valor e de competir nun mercado global. Cunha superficie agrícola útil duns 3,6 millóns de hectáreas, ao redor do 15 % é de regadío, e é aquí onde se concentra gran parte do investimento.

Con todo, en boa parte do país, a actividade desenvólvese en pequenas explotacións, de agricultura extensiva e estrutura familiar. Hai unhas 300.000 ganderías, das cales o 80 % son familiares e, destas, o 41 % teñen menos de 2 ha. A idade media dos nosos agricultores é de 65 anos; só o 4 % ten menos de 40 anos.

Polo tanto, poderiamos dicir que estamos a vivir dúas realidades. Nas zonas de regadío existe un crecente investimento, intensivo en capital, con escala, moderno, tecnolóxico e altamente eficiente, que atrae investidores nacionais e de todo o mundo.  En contrapartida, temos unha parte de agricultura tradicional, con pouca necesidade de investimento, pero que segue sendo fundamental para o equilibrio social do noso país e para a xestión e ordenación do noso territorio.

Para Santander, todas son importantes. A clave está en que o sector sexa capaz de crear as condicións para que os novos e pequenos produtores se organicen e sintan a confianza e o apoio do Estado, dos bancos e do mercado. Iso será o que os leve a tomar a decisión de levar os seus negocios a niveis superiores.

Como pode axudar o sector financeiro a mellorar o rendemento dunha gandería?

O rendemento dunha explotación gandeira depende en gran medida das opcións e estratexias de investimento dos empresarios. É unha obrigación do sector financeiro coñecer a fondo todos os axentes do mercado, en particular os produtores e a quen os representan, aprender deles e comprender en todo momento as súas necesidades e expectativas.

Deste xeito, a intervención do sector financeiro pode ser fundamental á hora de aplicar estratexias centradas no investimento tecnolóxico e na transición dixital, no investimento produtivo que promova a eficiencia e as ganancias de escala e na adopción de boas prácticas que fomenten a creación de valor a través da certificación do produto final, a promoción de marca, a defensa da orixe e o acceso a novos mercados nacionais e internacionais.


“A clave está en que o sector sexa capaz de crear as condicións para que os novos e pequenos produtores se organicen e sintan a confianza e o apoio do Estado, dos bancos e do mercado”

Na promoción de que aspectos están a facer maior fincapé?

En termos de apoio á tesourería, destacamos o anticipo das axudas da PAC e as Contas de Campaña, instrumentos esenciais para financiar o ciclo das campañas agrícolas. Tamén cabe destacar o uso do confirming, instrumento de apoio ao pago a provedores, e o factoring, útil para anticipar o cobro das vendas a clientes.

En canto ao financiamento a medio e longo prazo, o apoio ao investimento en explotacións agrícolas e gandeiras, tanto en instalación como en transformación, é un dos eixes principais do noso soporte ao sector. Isto materialízase na concesión de préstamos tradicionais ou a través de liñas postas a disposición por socios públicos nacionais ou europeos, con prazos, períodos de carencia, prezos e avais axeitados a cada proxecto concreto.  

Tamén cabe sinalar o leasing de equipos, que pode ser útil á hora de investir na compra ou renovación de equipos menos eficientes, así como as nosas solucións de financiamento a medio e longo prazo para a adquisición de terreos agrícolas.

Que destacaría en canto á oferta de valor da entidade para os próximos anos?

A anticipación das axudas da PAC e o financiamento complementario dos investimentos en explotacións agrícolas e gandeiras son a esencia da nosa formulación para o “Portugal 20-30” e, en particular, para os programas de desenvolvemento rural incluídos nel.

Apoiamos os nosos clientes complementando as fontes de financiamento asociadas a cada proxecto concreto, propoñendo solucións financeiras adecuadas, anticipando os incentivos ao investimento aprobados e contratados, e emitindo garantías bancarias ou declaracións de capacidade financeira.

Así mesmo, Banco Santander esforzouse en negociar liñas de apoio con entidades europeas (BEI/FEI) que, ben a través da repartición de riscos ou da subvención de prezos, facilítanlles aos nosos clientes o acceso ao crédito en condicións máis competitivas á hora de financiar proxectos de investimento que promovan a sustentabilidade, a innovación e a aplicación de boas prácticas agrarias.

O Santander dá en España a posibilidade de solicitar o anticipo da PAC por vías dixitais. Valoran ofrecer esta opción para os seus clientes en Portugal?

A diferenza do que ocorre en España, aquí a posibilidade de adiantar a axuda prevista na PAC é utilizada por un número reducido de produtores. En total, estamos a falar duns centos de operacións realizadas polo sistema financeiro portugués. Este proceso en Portugal aínda non se dixitalizou, polo que segue sendo xestionado de forma tradicional. Cremos, con todo, que a dixitalización alcanzará tamén á anticipación das axudas da PAC, como xa ocorreu con outras das nosas solucións de financiamento.