Volven os premios Exceleite para recoñecer as mellores explotacións de vacún de leite de Galicia

Esta mañá publicouse no DOG a convocatoria de sexta edición dos premios Exceleite, un recoñecemento á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de gandeiros e produtores galegos de leite cru de vaca.

Os premios “Exceleite” distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período que vai desde agosto de 2021 a xullo de 2022.

Ademais, as explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).