Dende hai seis anos, é tradición que no noso equipo xogemos o 20218 na lotería de Nadal. Como algún imaxinará, é unha data, o 20 de febreiro de 2018, o día no que a empresa editora desta cabeceira volveu nacer, un momento no que se deu un golpe sobre a mesa e, fronte a quen creu que calquera podería facer o noso traballo, decidimos demostrar a nosa valía e anos de experiencia neste sector coa presentación do primeiro número de Vaca Pinta.
Sobre as dificultades da posta en marcha desta revista poderiámosvos contar moitas anécdotas, porque non houbo sangue, pero si suor e… pode que algunha bágoa. Poderiámosvos falar de como unha chamada de teléfono a finais de xaneiro paralizou a nosa redacción, ou do cento de chamadas que se sucederon durante as semanas seguintes, nas que a palabra “burofax” se repetiu ata a extenuación. Poderiámosvos explicar a gratitude infinita que sentimos (e que aínda sentimos hoxe en día) cando tantos, tantísimos, anunciantes, colaboradores e amigos, entendendo a posición na que nos deixaba o final abrupto da nosa etapa anterior, decidiron seguir apostando polo noso traballo, polos que estabamos detrás del, independentemente da marca baixo a que se amparase no futuro inmediato.
Poderiámosvos confesar que parte do contido desa edición saíu de temas que levabamos anos desexando poñer en marcha, que o proceso de creación de maqueta non se demorou máis que un par de días, que a web se estruturou en menos dunha semana ou que a portada do primeiro número foi a única na que a dirección non aceptou debate ao respecto, mellor dito, debate houbo, longo e tendido, pero foi en van.
Poderiámosvos falar dun Entroido que algúns pasamos na oficina, preparando cada páxina con agarimo, e outros na estrada, gravando máis e máis traballos para a posta en marcha a contrarreloxo dunha nova cabeceira técnica sobre vacún leiteiro que, por non ter, non tiña nin nome, e de como de tensa, estresante e esperada foi a cita coa FIMA dese ano.
Alí se presentaba a revista. Alí se revelaban as nosas cartas. Alí teriamos a primeira toma de contacto para saber se a aposta por continuar fora un éxito ou un risco mal calculado. Que satisfacción botar a vista sete anos atrás e poder dicir que a partida a gañamos nós. E quizais a sorte estivo da nosa parte, pero, sen dúbida, o noso esforzo e coñecementos tamén entraron en xogo. Sexa como for, aquí seguimos, dando guerra.
Si, desde logo que vos poderiamos contar moitas cousas deses días, porque aínda os lembramos con claridade meridiana, pero na celebración destes cincuenta números tamén queremos deixar espazo para aplaudir a quen estivo a cargo de cada unha das revistas que chegaron ás vosas mans.
Non fallamos nin unha soa vez, nin sequera nos momentos máis difíciles e, por iso, cando saímos airosos dun –enésimo– pico de traballo especialmente duro, lembrámoslle con sorna ao xefe: “Ai, Manel, ter tes un equipo caralludo”. Aínda non chegou o día no que nos quitase a razón ao respecto e é xusto recoñecerlle que leva anos facendo campaña para convencer os máis reticentes de que hai máis xente, á parte del, tecendo esta cabeceira, aínda que sabemos que seguirá habendo quen prefira interpelalo directamente por seguridade ou comodidade.
Agora que nos sobrevoa a revolución da IA, nestes tempos nos que parece que calquera pode sentar diante dun teclado a escribir sen ton nin son, quizais sexa máis importante que nunca lembrar que detrás de cada unha das nosas páxinas, dos nosos vídeos e dos nosos posts hai persoas. En cada Vaca Pinta traballa para vós un equipo de profesionais rigorosos e comprometidos co respecto tanto polo noso oficio como por este sector. Si, apoiámonos nos avances tecnolóxicos para levar a cabo o noso labor, pero non son robots os que vos narran as últimas novidades deste mundo ou vos interpelan nas redes, somos nós: Manel, Raquel, Xandra, Silvia, Gemma, María, Mónica, Eva, Hortensia, Nerea e Iván.
A moitos xa nos coñecedes, claro. Estamos en feiras, xornadas, concursos, granxas etc., mentres que outros permanecen na retagarda, con tarefas de oficina. Algúns levan na mancheta de Vaca Pinta desde o primeirísimo número e outros foron valiosas incorporacións que foron enriquecendo o noso equipo co tempo.
Non nos esquecemos de quen estivo e deixou a súa pegada no “estilo Transmedia”. Mentres escribimos isto, pensamos en Bego, como non, unha querida compañeira e amiga á que botamos moito en falta e non podemos máis que desexarlle todo o mellor nas súas novas aventuras e agradecerlle que fose –e siga sendo– un referente non só de como traballar, senón de como xerar un ambiente laboral íntegro á par que divertido.
Tamén nos lembramos de Killo, o noso artista todoterreo, en todo momento disposto a parar rotativas para atender o último grito de socorro enviado desde a oficina, e de Toño, exemplo de tranquilidade en momentos de caos e o mellor intermediario posible entre os dramas informáticos e o resto dos mortais. A eles sumamos a Patri, a Manolo, a Sandra (ás dúas!), a Sabela, a Iria, a MJ, a Diego, a Emilio, a Rodri, a Eva, a Raúl, a Brais, a Elena... talentos indiscutibles e referentes nos seus campos de traballo cos que sempre é un pracer poder contar.
A todos os compañeiros e compañeiras que deixastes unha parte do voso bo facer nesta revista: grazas. Fixestes de ouro este equipo.
Cincuenta números de Vaca Pinta… dise rápido. Nestes sete anos fixemos máis de sesenta reportaxes en granxas, percorremos a práctica totalidade das rexións leiteiras de España e Portugal, entrevistamos máis dun cento de profesionais e demos cobertura a preto de 300 xornadas e concursos; todo iso sen contar co medio milleiro de contidos elaborados para distintas casas comerciais que confiaron no noso selo para difundir os seus produtos e servizos. Reinventámonos para facer fronte a unha pandemia, fomos abrindo novas vías de traballo e descubríndovos a actualidade –e a realidade– deste sector. Falamos das bondades dos lácteos, de novas tecnoloxías, de resistencias antimicrobianas, da PAC, de enfermidades emerxentes, de instalacións, de recría, de saúde podal, de igualdade, de alimentación, de muxido, de benestar animal… E o que nos queda!
Rematamos xa este editorial especial mirándovos directamente a vós, os que estades ao outro lado –lectores, colaboradores, anunciantes, distribuidores, imprentas, empresas de transporte… amigos e amigas todos. É de xustiza que vos lembremos, unha vez máis, o moito que vos valoramos. Oxalá saibades que non son palabras baleiras. Logo do esforzo titánico que se fixo no seu momento para sacar esta revista adiante, nada tería sentido sen unha resposta positiva da vosa parte. Por iso, cincuenta números despois seguimos agradecendo como o primeiro día o voso apoio, o voso cariño e o voso interese polo que facemos. Hoxe, Vaca Pinta chega á súa quincuaxésima edición e agardamos que sintades esta celebración como vosa, porque desde logo que o é.