Un cuarto de século de analíticas de millo forraxeiro no CIAM

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) cumpre 25 anos á fronte da xestión das analíticas de millo forraxeiro en Galicia. Con motivo desta efeméride, recollemos a continuación as reflexións da persoa que estivo coordinando os devanditos traballos desde os seus inicios respecto a como evolucionou a implantación deste cultivo na comunidade neste tempo. Máis en Vaca Pinta 51.

O actual xefe da Sección de Transferencia Tecnolóxica da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Souto Pérez, é o encargado desde 1993 da coordinación dos campos de ensaio dependentes da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

“Xa nese momento realizabamos campos de ensaio de variedades de millo forraxeiro. De feito, durante uns sete anos ocupeime da coordinación de sete ensaios nas principais zonas leiteiras. As casas comerciais facilitábannos as sementes e as axencias de extensión agraria colaboraban na súa implantación”, lembra.

Para falar da orixe dos ensaios oficiais, hai que remontarse a unha xornada técnica sobre millo forraxeiro celebrada na Escola de Capacitación Agraria de Monforte de Lemos a finais de 1998.

“Alí, coincidimos técnicos do Servizo de Produción e Sanidade Vexetal da Consellería e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, así como representantes de cooperativas agrarias, e decatámonos de que estabamos realizando traballos semellantes sen coordinación, polo que propuxemos establecer un protocolo único para os ensaios”, explica.

Creouse entón un grupo de traballo que incluía a persoal da Administración, ao CIAM e ás cooperativas, e que contaba coa colaboración das casas comerciais de sementes. Así mesmo, acordouse establecer catro campos de ensaio en zonas representativas para o cultivo de millo: Ordes (A Coruña), Silleda (Pontevedra), A Mariña (Lugo) e Sarria (Lugo). Comezaron a operar en 1999 e, desde entón, non pararon a súa actividade.

OS FROITOS DE TRABALLO

Non hai dúbida de que o millo forraxeiro en Galicia experimentou unha grande expansión nos últimos 25 anos. Na actualidade, o seu cultivo na comunidade abarca unhas 70.000 hectáreas, mentres que a finais dos 90 se traballaba un terzo desta cifra. En moitas áreas onde antes non tiña presenza, hoxe en día é un cultivo predominante. “Pasar por esas zonas e ver os campos cheos de millo é unha mostra do impacto positivo dos ensaios e da divulgación levada a cabo”, subliña Souto. Paralelo a esta expansión, logrouse unha mellora significativa das técnicas de cultivo e aumentaron os rendementos, o que confirma a utilidade deste traballo.

A evolución non foi casual. “Aumentouse a superficie cultivada, especialmente nas zonas de maior produción leiteira, se ben aínda hai rexións con potencial onde non está de todo introducido. Ademais, a mellora da maquinaria utilizada tanto para a sementeira coma para a colleita foi clave neste proceso”, apunta o xefe da Sección de Transferencia Tecnolóxica.

FACTORES QUE CONDICIONAN A ELECCIÓN DA VARIEDADE

Á hora de elixir unha variedade de millo forraxeiro, explica Souto, cada explotación debe ter en conta a súa zona, as condicións climáticas e o ciclo que quere implantar.

Os dípticos elaborados polo CIAM recollen os ciclos de cultivo de distintas variedades, tendo en conta a data de sementeira e a data estimada de colleita. Polo tanto, “os agricultores deben escoller variedades que se adapten ás súas necesidades, priorizar aquelas con maior índice produtivo e, dentro das de rendemento similar, optar polas que presentan mellores valores de materia orgánica dixestible e de proteína bruta”, destaca.

Os datos dispoñibles nos dípticos refírense, en xeral, á zona máis fría dos catro campos de ensaio, que corresponde co interior da Coruña. “A área máis cálida sería a de Sarria, onde se estima unha diferenza de aproximadamente 15 días no ciclo de cultivo. Isto significa que, dependendo da zona, habería que axustar os tempos de sementeira e colleita para obter o mellor rendemento posible”, sinala o técnico.

Por outro lado, puntualiza que, aínda que si hai diferenzas de rendemento dependendo da zona de cultivo, a dixestibilidade dos híbridos non presenta tanta variabilidade. “As variedades de ciclo máis longo adoitan ofrecer maiores producións, pero as de ciclo curto ás veces mostran mellores niveis de dixestibilidade, polo que a elección final dependerá das características e obxectivos de cada gandería”.

ENSAIOS E EVOLUCIÓN DA INVESTIGACIÓN

Inicialmente, as responsabilidades para o desenvolvemento dos ensaios oficiais das variedades de millo forraxeiro en Galicia estaban repartidas entre distintos organismos. O Servizo de Extensión Agraria encargábase dos campos de Silleda e Ribadeo, mentres que o Servizo de Produción Vexetal xestionaba os da zona central da Coruña e o centro-sur de Lugo. Ademais, este último servizo coordinaba as relacións coas casas comerciais, recollía as sementes e organizaba a distribución de fertilizantes, insecticidas e outros produtos nos distintos campos. Tamén realizaba as determinacións analíticas dos controis de produción. Xunto coas administracións públicas, colaboraban as cooperativas e as propias casas comerciais, mediante a xa extinta central de compras.

Co paso dos anos, a responsabilidade dos ensaios foi centralizándose e, actualmente, é o CIAM a entidade que se encarga da planificación, o seguimento, o control de produción, as relacións comerciais e a análise de laboratorio. Isto foi a consecuencia dos cambios nos organismos e servizos da Administración ao longo do tempo.

“Desde a Administración, considérase que este servizo é de grande utilidade para agricultores e gandeiros, xa que proporciona datos obxectivos que lles permiten elixir as variedades máis adecuadas para as súas explotacións. Por iso, é necesario seguir nesta liña de traballo e animar as casas comerciais que aínda non participan a colaborar, a enviar as súas variedades para os ensaios”, remarca Souto, xa que isto permitiría ampliar a base de datos dispoñible e seguir mellorando a información posta a disposición do sector.

RETOS DE FUTURO PARA O CULTIVO DO MILLO FORRAXEIRO

De cara aos vindeiros anos, é necesario seguir aumentando a superficie de cultivo, xa que aínda hai zonas onde o millo forraxeiro está pouco implantado, especialmente fóra das áreas con maior produción leiteira. Ademais, será fundamental buscar variedades melloradas que presenten maior rendemento, menor incidencia de enfermidades e maior resistencia a fenómenos meteorolóxicos adversos, coma o encamado.

Por outro lado, aínda que o incremento das temperaturas en Galicia non parece afectar de maneira significativa ao cultivo, si se están a experimentar períodos de seca máis pronunciados. Neste senso, cómpre lembrar que na comunidade galega o millo forraxeiro non se rega de maneira habitual. “Non obstante, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo xa se están a realizar ensaios con rego, especialmente mediante sistemas de goteo, para avaliar as diferenzas en rendemento e para explorar a viabilidade de incorporar esta práctica no futuro, de maneira particular en zonas máis afectadas pola seca”, expón Souto.

Outro factor climatolóxico que está a ter un impacto importante son os ventos fortes. O pasado ano, por exemplo, rexistráronse episodios que provocaron o encamado de cultivos sen recoller, o que xerou perdas significativas. Por iso, será clave seguir avanzando na mellora xenética das variedades, para o que será necesario promover innovacións tecnolóxicas que permitan desenvolver cultivos máis resistentes a estes fenómenos e con maiores rendementos.

As casas comerciais están a traballar nestas melloras e están a incorporar innovacións como a agricultura de precisión, que permite axustar as doses de sementeira e fertilización en función das características do solo dentro dunha mesma parcela. Estes avances son fundamentais para optimizar a produción e para adaptar o cultivo ás necesidades actuais.

Tamén cabe lembrar que, aínda que o millo forraxeiro está moi presente nas principais zonas produtoras de leite, hai outras rexións gandeiras en Galicia, como as de produción de carne, onde apenas se cultiva. Respecto a estas áreas, o xefe da Sección de Transferencia Tecnolóxica subliña que presentan un gran potencial para a expansión do cultivo, xa que o millo forraxeiro é de fácil ensilado e proporciona moi bos rendementos.