Sergude acolleu un seminario sobre miniplantas de biogás para as explotacións

O pasado xoves 14 de outubro celebrouse no CFEA de Sergude, centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), un seminario sobre as posibilidades do biogás nas explotacións galegas, no que participaron gandeiros, técnicos de cooperativas e o alumnado de 2.º curso de Produción Agropecuaria.

Os técnicos de Norvento Enerxía profundaron nas características do biogás e as súas facultades como fonte de ingresos extra nas explotacións e explicáronlles aos asistentes que “o biogás non é máis que o gas resultante da fermentación, no medio anaerobio, da materia orgánica, neste caso o xurro. Para que iso suceda, necesítase un ambiente idóneo no que proliferen  microorganismos, en cargados desa tarefa”. Como resultado final, obteríase un gas composto fundamentalmente por metano (50-75 % volume) e CO2 (25-50 % volume).

Entre os usos que pode ter o gas obtido, expuxeron tres:

1.            Calor, co emprego dunha caldeira.

2.            Electricidade, ben sexa para autoconsumo e/ou inxectando a rede. A mellor opción é empregalo para o autoconsumo que precisemos e vender o excedente.

3.            Produción de biometano, ben sexa para combustible de coches ou inxectando a rede de gas. Para isto, necesítase un engadido á instalación que a día de hoxe presenta un custo elevadísimo para as pequenas instalacións.

Describiron varios exemplos e calcularon que, dependendo do número de vacas das explotacións, o investimento se podería recueprar entre os 7 e os 12 anos.

Finalmente, concluíron que canto máis grande sexa a planta de biogás, máis rendible vai ser, xa que xera moita máis enerxía e, por tanto, máis enerxía se pode vender.