Publicadas as axudas concedidas a 66 ADSG de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ás Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras (ADSG) de Galicia beneficiarias na convocatoria de 2020-2021. Son un total de 66 agrupacións para as que a Xunta destina 2,1 millóns de euros.

O obxectivo destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais. Estes programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2020 e o 28 de febreiro de 2021. Estas axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, salvo no caso da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), na que o Estado estableceu un programa nacional voluntario en setembro de 2019.

Grazas á aplicación destes programas, increméntase paulatinamente a rendibilidade das explotacións, diminuíndo as perdas ocasionadas por motivos sanitarios e facilitando o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, benestar e sanidade animal.

Galicia é a única comunidade autónoma que mantén, ano tras ano, esta liña de axudas financiada con fondos propios e para abordar o control de determinadas enfermidades animais que non son obxecto de programas nacionais, co fin de contribuír á mellora sanitaria da cabana gandeira apoiando economicamente o soporte técnico e de material aos gandeiros.

Listado completo de beneficiarios