Laura e Natalia Camiño, con só 25 e 31 anos, xa dedican o 100 % da súa vida profesional á Ganadería Castelo, a granxa familiar na que tamén traballan os seus pais María Ángeles e José Ramón. Robotizaron o muxido hai ano e medio e o seu futuro inmediato pasa por construír un establo novo para a súa recría. Máis en Vaca Pinta 50.
Localización: A Pastoriza (Lugo)
Propietarios: María Ángeles Prieto, José Ramón Camiño, Natalia Camiño e Laura Camiño
N.º total de animais: 207
Vacas en muxidura: 110
Media de produción: 39 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 4,06 %
Porcentaxe de proteína: 3,55 %
RCS: 170.000 céls./ml
Venda do leite: Entrepinares
A Ganadería Castelo, no concello da Pastoriza, unha das zonas máis produtoras de leite de Galicia, é unha gandería con sorte en pleno século XXI, pois pode presumir de ter incorporada xa a terceira xeración de gandeiros, neste caso gandeiras, á súa historia como negocio familiar, grazas a que as fillas de José Ramón Camiño e María Ángeles Prieto, Laura e Natalia, tomaron a decisión de quedar no campo e dedicar a súa vida ás vacas e á produción de leite.
Todo se iniciou cos seus avós, que comezaron a traballar con tan só catro vacas e foron medrando pouco a pouco ata que en 1997 se sumaron os seus pais. O crecemento continuou sendo paulatino ata chegar ao día de hoxe, no que recontan un rabaño total de 207 animais, dos que moxen 110 produtoras.
Laura Camiño, con tan só 25 anos, leva incorporada xa seis á gandería: “Non foi unha decisión difícil de tomar para min, porque sempre me gustaron moito o campo e os animais. Tamén lles dou as grazas aos meus pais, que desde pequenas nos inculcaron os valores deste traballo con moito amor e respecto”. A súa irmá, Natalia, con 31, a pesar de manter unha temporada profesional fóra, xa conta con dous anos centrada totalmente na granxa.
VISIÓN DAS MULLERES NO SECTOR, UN CAMBIO A BASE DE ESFORZOS
Neste número da revista Vaca Pinta, cuxo lanzamento coincide co mes de marzo, un mes no que se conmemora o Día da Muller e a loita de todas pola igualdade de dereitos na sociedade, quixemos abordar con Laura a súa experiencia persoal dentro dun sector tradicionalmente masculinizado.
“Creo que a gandería é un ámbito visto como máis masculino, porque antes se ligaba a un traballo de maior esforzo físico e a muller, ademais de realizar os labores da granxa, encargábase da casa; pero a día de hoxe isto xa non é así grazas a todos os avances tecnolóxicos que nos foron chegando”, aclara.
Fai fincapé tamén en que, a pesar de quedar moito camiño por andar, a sociedade ten dado pasos importantes neste senso e, na súa opinión, “a educación debe comezar na casa, temos o deber de inculcarlles ás seguintes xeracións que os límites están nas nosas cabezas e que calquera persoa, sexa home ou muller, está capacitada para desenvolver calquera traballo”.
Como muller inmersa no mundo rural, afirma que “nunca me sentín menosprezada por ser muller e traballar no campo. Esa é a realidade, pero considero que aínda nos queda moito que mellorar e que todos os logros conseguidos polas mulleres foron alcanzados tras aguantar desigualdades e ter que demostrar a nosa valía”.
REPASO POLAS INSTALACIÓNS
A nave principal da gandería está distribuída en tres partes, unha máis antiga e dúas máis recentes. Na parte máis actual, para un lado, están as vacas máis novas, de primeiro e segundo parto, e, para o outro, as adultas, do terceiro parto en diante.
Todas as camas dos animais en lactación están compostas por carbonato e serraduras. “Antes utilizabamos palla, pero mantelas ben era moi laborioso e foi por ese motivo polo que apostamos por estoutros materiais, ademais veñen moi ben para fertilizar as fincas e son moito máis cómodos de manexar”.
Nun dos extremos desta nave atópase unha parte máis vella onde manteñen as secas e as xovencas próximas ao parto, en cama fría con serraduras, que fresan cada dous días.
Os comedeiros de todas elas están pintados cunha resina co obxectivo de que sexan máis hixiénicos e máis fáciles de limpar e os bebedoiros, tres en cada lote, límpanos todos os días á mañá e á noite.
Cando construíron a nave nova, colocaron ventilación artificial porque levaban varios anos notando como, sobre todo no verán, as vacas sufrían moito de estrés por calor. “O calor provocáballes moita perda de fertilidade e a verdade é que foron unha marabilla, porque as vemos moito máis frescas e relaxadas”, asegura.
Para o seu benestar tamén se encontran ao longo do establo con varios cepillos de cow comfort. Segundo di Laura, “fan máis que rascar, elimínanlles peles mortas, parasitos daniños e, sobre todo, mantéñenas limpas”.
A limpeza realízase por arrobadeiras de cable que pasan seis veces ao día e todo o xurro é recollido e acumulado en dúas fosas de 500.000 e 1.200.000 litros de capacidade, respectivamente.
A recría máis pequena vive en boxes individuais os primeiros quince días de vida e despois pasa para varios grupos segundo a idade. Desde a desteta ata que son inseminadas e están próximas ao parto, permanecen no establo máis vello da explotación, onde os avós de Laura comezaron co negocio; están estradas con palla e teñen acceso a unha zona exterior.
Neste grupo de frisonas queren poñer o foco canto antes, porque consideran que “a recría é o máis importante dunha gandería, pois ao final son as futuras produtoras. Intentamos telas o mellor posible dentro das posibilidades que dispoñemos agora mesmo, pero non as temos como quixeramos. A nosa intención nun futuro próximo é construírlles unha nave nova para elas”.
ROBOTS E SECADO SELECTIVO
Hai ano e medio que robotizaron o muxido instalando dúas cabinas, unha para cada lote de produtoras. Antes tiñan unha sala en espiña de peixe de oito puntos e tardaban en muxir catro horas pola mañá e catro horas pola tarde.
“A miña nai sempre lle encantaron os robots. Saía a calquera lado e sempre viña falando deles”, indica. A insistencia de María Ángeles, as dificultades que se lles presentaban para atopar man de obra e a idea de que os robots os liberarían dese horario fixo que implica unha gandería de vacas de leite os 365 días do ano foron os tres aspectos polos que, desde a incorporación de Laura, comezaron a valorar esta posibilidade.
Finalmente, deron o salto e, a pesar de que ao principio os animais notaron o cambio e foron conseguindo os obxectivos pouco a pouco, xa están nunha media de 3,10 muxidos por vaca ao día.
Desde que comezaron cos robots teñen moita máis flexibilidade horaria e ven as vacas con moitísimo maior benestar animal: “Andan moito máis tranquilas, ao seu aire, e aumentaron a produción”.
Ademais, o manexo diario cambioulles moito. Antes detectaban celos e enfermidades a ollo e, agora, cos colares de identificación, perfeccionaron moito o control do rabaño. Cada mañá, a primeira hora, Laura senta no seu despacho a revisar a información que lle ofrecen os robots e así organiza o seu día.
“En temas de fertilidade melloramos moito, porque inseminamos sempre no momento máis óptimo e na detección de enfermidades adiantámonos aos problemas, porque antes, cando dabamos visto os sinais físicos, a cousa xa era grave”, recoñece Laura. Así tamén reduciron moito o uso de antibióticos, algo que a lexislación vén esixindo cada vez con máis forza.
A informatización da granxa tamén lle dá outra liberdade: “Eu podo faltar en calquera momento porque agora levo todo no móbil. Aínda que non estea aquí as 24 horas, sigo tendo todo baixo control e iso dáche tranquilidade”.
Así mesmo, coa chegada dos dous robots de muxido, acordaron implementar o secado selectivo. Cando queren secar as súas vacas, vanlles restrinxindo o acceso ao muxido, vanlles diminuíndo a cantidade de penso e, finalmente, utilizan en todas o tapón de secado, agás naquelas que teñan o reconto de células somáticas alto.Para instaurar este sistema e controlar a calidade do leite na súa explotación contan co asesoramento de Mónica García, veterinaria e técnica de Calidade do Leite no Centro Veterinario Meira.

En que consiste o seu asesoramento en Ganadería Castelo?
O asesoramento que facemos nesta granxa consiste en manter o rabaño o máis san posible para que sexa o máis rendible. Para iso, baseámonos no control leiteiro, no secado selectivo en facer visitas mensuais, revisar que mamites clínicas houbo, que mamites subclínicas hai, que vacas hai para secar e que áreas de mellora podemos abordar.
Cando empezou a traballar con eles e por que?
Empecei a traballar nesta gandería en 2020, facendo auditorías de boas prácticas e welfare quality para a empresa Entrepinares. Pouco despois, comezamos a desenvolver os programas de calidade de leite, porque non tiñan asesoramento con ningún técnico e a idea era mellorar un pouco neste aspecto.
Como é de necesario un programa de calidade do leite nas granxas?
Eu creo que, hoxe en día, os programas de calidade de leite son fundamentais polo tema do secado selectivo, pois hai que saber que vacas secar con antibiótico e cales non, e para mellorar a saúde do ubre co fin de facer máis rendibles as explotacións.
Que protocolo lles recomenda para ter unha boa calidade de leite?
A diferenza é que antes había que investir moito tempo na sala de muxido e, agora, o tempo que se dedica ao muxido é menor, entón hai que ser moito máis coidadoso coas camas, por exemplo. Hai que arranxalas máis veces ao día, para que estean secas e limpias, ao igual que o resto das instalacións. Tamén deberiamos fixarnos todos os días en se temos vacas coxas, controlar que os robots funcionen correctamente e revisar os informes que xera o robot, posibles alarmas, condutividade, se hai baixadas de producción...
Aquí, cando cambiaron de sala a robots, tamén houbo un cambio nas camas, pasaron de camas de palla a camas de serraduras e carbonato. A verdade é que as vacas van moi ben e hai moi poucas mamites. Neste senso, é básico que as camas estén ben cheas de material, limpas e secas.
Que incidencia de mamites teñen nesta gandería?
En 2024, a incidencia de mamites foi moi baixa, mantívose por debaixo do 10 %, e a prevalencia foi dun 18 %.
Desde cando puxeron en marcha o secado selectivo e por que llelo recomendou?
Comezamos a facer o secado selectivo pasados uns meses de colocar os robots para que se estabilizase todo. Xa levamos un tempo co sistema e está funcionando ben. Conseguen unha maior redución do consumo de antibióticos, un menor risco de inhibidores en tanque e unha maior facilidade á hora de facer o secado das vacas e nos partos.
Como axuda a xestión correcta dos datos á hora de detectar problemas?
Co sistema informático que teñen os robots, dispoñemos de moitos máis datos e anticipámonos aos problemas.
Para os traballos de calidade de leite, utilizo os informes dos robots e un programa no que cargamos o control leitero e as microbioloxías que realizamos ao longo dos meses.
Posteriormente, eu veño a explotación e reviso que todo se corresponda. A continuación, analizo as vacas no robot para comprobar se teñen algo, se hai que sacar mostras, se hai que tratar ou o que sexa.
MENÚS POR LOTES
Para un correcto funcionamento do sistema robotizado de muxido, Laura recoñece que é fundamental xestionar ben a alimentación dos animais. “Para dar coa clave pasamos traballo, pero, pouco a pouco, fomos conseguindo chegar a onde estamos hoxe”, indica.
A dose de penso subministrada a cada produtora no robot é axustada por eles en función da súa produción e forma parte da súa ración diaria de alimento que consta de 0,5 kg de palla, 1 kg de alfalfa, 3,5 kg de silo de herba, 8 kg de concentrado e 27 kg de silo de millo.
Pola contra, as secas e as xovencas comen outra ración que elaboran con 13 kg de silo de herba, 5 kg de palla, 4 kg de silo de millo e 4 kg de concentrado.
Para as becerriñas, segundo nacen, teñen preparado o seu penso starter e agua a libre disposición desde o primeiro día. Están con leite ata os dous meses, que se destetan, e, seguidamente, pasan a tomar un penso específico de recría, que lles mesturan cun pouco da ración das xovencas, composta por raigrás deshidratado e un pouco de rolo seco. Cando se empezan a inseminar xa comezan a tomar a ración das xovencas.
ROTACIÓN DE HERBA E MILLO
Tanto a herba coma o millo, que utilizan para elaborar as racións das súas vacas, proveñen de producións propias, cultivos que rotan nunhas 40 hectáreas totais de terreo, das cales teñen a propiedade de 30 ha e as outras 10 son alugadas.
Condicionados pola climatoloxía, intentan sementar o millo polo mes de maio coa idea de recollelo entre finais de setembro e inicios de outubro. Usan un ciclo corto e adoitan conseguir unhas 50 toneladas/hectárea.
No caso da herba, decántanse por dúas fórmulas: un raigrás híbrido con raigrás italiano e unha mestura con leguminosas.
Eles mesmos encárganse dos traballos do campo con maquinaria propia, recorrendo a empresas externas unicamente no momento do ensilado, e toda a forraxe conseguida a almacenan en catro silos.
LEITE PARA UNHA INDUSTRIA QUEIXEIRA
Con esta alimentación, teñen unha media de produción de 39 kg de leite por vaca e día, cunha porcentaxe de graxa de 4,06 % e unha porcentaxe de proteína de 3,55 %.
A súa intención é continuar centrándose en mellorar as calidades do seu leite porque llo entregan todo á industria queixeira Entrepinares, coa que levan traballando cinco anos.
AS MELLORES CON MÁIS CALIDADES
O destino do leite, a elaboración de queixos, marca a dirección da selección xenética en Ganadería Castelo. “Queremos quedar só cos animais que máis nos compensan neste sentido. Entrepinares é unha fábrica que nos esixe calidades e debemos camiñar cara a esa meta”, resume Laura.
Ademais das calidades, valoran outros parámetros como a produción, os ubres, as patas e o tipo e é por iso polo que cren necesario comezar co xenotipado do seu rabaño. Ter claras as características xenéticas de cada animal permitiralles avanzar con máis tino e rapidez na súa selección.
Apostan ao 95 % pola raza holstein e só botan man do cruzamento con azul belga para aqueles animais que non lles interesa recriar. Usan touros xenómicos e probados e, en canto ao seme sexado, sempre en xovencas e en vacas de primeiro e segundo parto con boa fertilidade.
Para todos estes traballos contan co asesoramento dos técnicos do programa de apareamentos de Africor Lugo e, segundo as súas recomendacións, van inseminando segundo van necesitando.
Inseminan as xovencas aos 12 meses, sempre que teñan unha boa condición corporal. “Notamos que, cantos máis celos pasan, peor empreñan; é por iso polo que intentamos aplicarlles as inseminacións o antes posible”, afirma a gandeira.
Para a seguinte inseminación esperan uns 60 días, no caso das vacas de primeiro parto, e sobre 80 días nas vacas adultas, porque “ao estar nunha alta produción, se o facemos doutra maneira, cortámoslles máis a lactación e reducímoslles a fertilidade”. Na súa vida produtiva están alcanzando unha media de entre 4 e 5 partos.
Para a detección dos celos seguen os datos que lles achegan os colares de monitorización e, nalgúns casos puntuais, continúan utilizando sincronizacións, pero en moita menor medida. “É moi raro que se nos pase un celo –di–, con isto aumentamos moito as cifras de fertilidade”.
A idea de futuro de Ganadería Castelo é manterse en número de animais e quedar cos mellores exemplares para sacar o máximo rendemento posible.
VALORAR O SECTOR
Laura e Natalia forman parte dunha nova xeración de gandeiras e gandeiros que lle dan esperanza ao rural galego, un sector que cualifican como “pouco e mal valorado, xa que a gandería avanzou moito, somos unhas empresas como outras calquera e de nós dependen moitas persoas. Nós ofrecémoslle alimentos á sociedade e, se algún día faltamos, haberá problemas”, advirte a gandeira pastoricense.
Reclama todas as trabas burocráticas ás que teñen que facer fronte e culpabiliza este asunto como unha das principais causas polas que outros mozos e mozas coma ela non queiran quedar nas súas ganderías. “O éxodo rural é outra das ameazas que se deberan valorar como sociedade e os que nos quedamos axudamos a manter o campo vivo”, destaca.
“Parece que se empeza a valorar un pouquiño máis o noso traballo desde fóra”, aínda que cre recomendable que a xente que non coñece o que realmente fan saque un tempiño para achegarse ao campo e ver de primeira man “o ben que tratamos os nosos animais e como é o noso medio vida. Daríanse conta do esforzo e da paixón que dedicamos a conseguir un litro de leite”.